ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CINCO HORAS CON MAURO (Pere Tobaruela, Embora Edicións)

O PERIPLO DE MAURO
Título: Cinco horas con Mauro
Autor: Pere Tobaruela
Editorial: Embora
Mauro é un rapaz que sofre acoso escolar, buylling que se di agora, por parte duns abusóns, os Pes, de Pesadelos. Pedro, Paulo, Pemón e Pepeiño fanlle a vida imposíbel no colexio, obrigándoo a beber dos seus propios mexos, por exemplo. Consulta o probelma cos seus pais, mais estes non están dispostos a intervir e, polo tanto, debe valerse por si mesmo. A estratexia que elabora consiste en saír da aula antes de que os Pes se metan con el,e consígueo mais iso provoca que estea fóra da escola antes de que a súa nai chegue recollelo. Entón, Mauro bota a andar ao chou, con tal de afastarse dos Pes,e, roído pola fame, vese obrigado a roubar unha mazá, sendo perseguido polo froiteiro. O de Mauro é un auténtico periplo por rúas que non coñece, mais non todo van ser malas noticias,no seu deambular crúzase con Antón, músico que toca na rúa e cuxas melodías enfeitizan a Mauro. A novela de Pere Tobaruela adquire entón tintes máxicos, pois as notas musicais toman vida e van na procura de Mauro, falando con el e levándoo deica onde está Antón tocando a frauta. Rapidamente empatizan o músico e o rapaz e Antón decide levalo á súa casa, un habitáculo improvisado nunha casa a medio construír. Despois desta virazón cara ao fantástico, aínda se cruzará no seu camiño “unha vella vestida estrafalariamente, con roupa de cores rechamantes e unhas lentes moi brillantes que parecían feitas de purpurina” sen abandonar ese rexistro, aínda que no remate volva ao realismo, un realismo evidentemente condicionado polo fantástico anterior.
Esta é a maneira en que Pere Tobaruela encara un dos temas universais nas escolas. Abusóns sempre os houbo e, por moito que poñan en inglés e a prensa alarme sobre o caso, seguirá habéndoos. Non é que que queiramos ser malos agoreiros, simplemente que os rapaces poden ser moi malvados, coma se estiveran forzando unha nova fronteira, e con frecuencia sono. Historias coma esta serven para concienciar da súa existencia, da súa realidade, porque é necesario. Os pais de Mauro non actúan cando este llelo comunica, coma se por ser un tema universal, de sempre, haxa que seguir aturándoo,coma se fora un mal propio da idade na que está. Nada máis lonxe do desexábel. Que os rapaces poidan ser crueis, que de feito o sexan con frecuencia, non quere dicir que iso estea ben, que sexa algo desexábel. Senón que é unha realidade maléfica contra a que hai que loitar, como acabarán comprendendo os pais de Mauro, logo do periplo do seu fillo fóra da casa.
Obras coma esta de Pere Tobaruela fan que o lector tome conciencia de que, se é o caso, o seu non é o único no mundo. Que iso lle acontece a moitos outros tamén. Sempre hai algún rapaz con características especiais ( é pequeno, leva lentes, moi delgado ou gordo etc.) con quen resulta doado meterse, de quen resulta doado abusar. Porén iso non xustifica que se abuse del, dela, deles, non é natural abusar do inferior ou diferente, só é cruel. E é algo contra o que loitar desde os primeiros indicios, non se consegue nada obviándoo, agardando a que o tempo cicatrice as feridas, ou poñendo todas as esperanzas nunha axuda fantástica. Trátase dun probelma real, e coma tal problema real cómpre poñerlle solución dentro do eido da realidade. Non será fácil, seguro que non, do contrario non sería un problema enquistado. Nin sequera é un problema contra o que se estea loitando convincentemente. Por cada un que se denuncia e sobre o que se traballa, moitos outros son padecidos en silencio, nese silencio cómplice que Cinco horas con Mauro racha.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.