ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de HAI QUE MATALOS A TODOS (Héctor Carré, Xerais)

TENTATIVA DE BEST-SELLER
Título: Hai que matalos a todos
Autor: Héctor Carré
Editorial: Xerais
Refírese aos xornalistas. Toda a novela é unha intensa reflexión sobre o exercicio do xornalismo, cales son os seus límites éticos e o seu papel como regulador social facendo posíbel a existencia da democracia, pois non hai democracia sen o libre exercicio do xornalismo. Con factura de best-seller, todo comeza cando dous mozos gravan sen querer un accidente de tránsito no cal o condutor ía borracho e ademais tratábase do mesmísimo príncipe, o herdeiro da coroa. Paralelamente, Frikeloca, limpadora de hotel, fotografa, co seu mobil tamén, o presidente do goberno morto e esposado nun cuarto dun hotel bonaerense. Á súa vez, un xornalista inquedo, cuns seus colegas, pon en marcha O Improbable, páxina internética na cal figuran noticias certas e outras que son mentira, podendo os internautas votar se unha noticia é verdadeira ou falsa. E xa temos todo preparado para o inicio dunha trama que se vai engedellando pouco a pouco. O improbable remata sendo unha páxina de referencia cando publica a morte do presidente do goberno acompañando a noticia coa fotografía. Dáse entón o debate de se é ético ou non a publicación da tal fotografía, se era necesario ou non a publicidade dunha fotografía que suxire que o presidente observaba unhas prácticas sexuais bastante relaxadas, ou a tal fotografía debería ficar no ámbito privado. Entón ponse en narcha tamén o CNI, porque o presidente en funcións pode verse afectado pola publicación do vídeo, non da foto. A foto do presidente morto, con ser dun grande interese temático capaz de dar para unha novela, terá que ser outra, porque aquí só serve para facer de O improbable un medio de éxito. Esa liña temática fica esgotada niso, por moito que o lector se pregunte por un desenvolvemento da trama da morte do presidente non o vai atopar nesta novela.
Nesta que é unha novela con luces e sombras. Entre as luces atopamos as atinadas descricións de lugares tan afatados como Bos Aires, Edimburgo, Casabalanca, Madrid, A Coruña ou Rianxo, alén dunhas personaxes atraentes ( un xornalista inquedo, un vello xornalista moi experimentado, unha parella de mozos tentados polas drogas, un membro do CNI eficaz nas misións que lle encomendan…). Polo camiño do thriller, esta é unha novela ( non esquezamos que o autor é tamén director de cine) que engancha porque o alcance da trama é fondo, afecta ás vidas dos lectores cando se reflexiona xa non sobre o papel do xornalismo, do que xa falamos, senón tamén sobre o propio dos servizos de intelixencia, até que punto eses servizos de intelixencia serven para perpetuar no poder a quen está nel e até que punto serven para garantir a democracia como sistema político ideal. A pouco que o lector enceta a novela xa sabe que lle vai ser complicado deixar de lela porque o enguedellamento temático o capta ás poucas páxinas. Entre as luces tamén contamos o uso da primeira persoa e a terceira omnisciente, cando convén unha e cando convén a outra, non cabe dúbida de que son dous puntos de vista complementares que, ben usados, o interno e o exeterno, deixan unha sensación de completude na novela que o lector agradece moito.
Entre as sombras, ademais do fío temático da morte do presidente, claramente desaproveitado, están certos usos lingüísticos problemáticos como escadas por escaleiras (35) , resollo por folgos (65), danllo por dánllelo (70) ou embrollo (223), vereime por vireime (186). Problemáticos ou mesmo imposíbles, quen imaxina un coche de aceiro hoxe en día (159)?. Imposibles e moi perigosos, na páxina 163 confúndense dúas personaxes ( Despois do encontro con Toni, Capelán empeza a crer que Tesa podería ter razón. Toni e Capelán son a mesma personaxe). Unha mágoa para unha novela que integra o xénero negro, a novela de espionaxe, as reflexións sobre o xornalismo e o papel dos servizos de intelixencia na democracia. Unha mágoa porque o resto a novela conta cunha intriga, malia o desaproveitamento do fío da morte do presidente, que atrae aínda que o remate sexa politicamente correcto, non sorprenda na medida en que se creou tensión anteriormente. Unha intriga dos nosos días porque as condicións sociais que estamos a vivir vense reflectidas na trama, sendo esta moi actual polo presencia de indixentes sen teito senón que tamén cadra politicamente ben.
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.