ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SON NOXENTO (María Xosé Queizán, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 17 Marzo 2016 @ 9:19 p.m.

SUSO, O NOXENTO
Título: Son noxento
Autora; María Xosé Queizán
Editorial: Xerais
Suso é un noxento, el mesmo se define así, polo que se presupón que algún coñecemento de ética si debe ter, o que pasa é que, sinxelamente, non está polo labor de observala. Un noxento de categoría, non se queda no machismo de pichabrava que xa lle abonda a si mesmo para caracterizarse como noxento, é capaz dunha degradación que o volve moito peor, nin sequera a pederastia o para e chega a violar a súa propia filla. Non consente que nada se interpoña ante o seu desexo sexual, absolutamente nada.
Son noxento é en boa parte a historia dun braguetazo, porque Suso, desde que se lle pón diante Lilí, xa non é quen de desviar a vista para outro lado. Lilí, ese físico escultural, filla de don Alberto Mora, empresario de éxito, un empresario dos nosos días, que despide obreiros para contratar outros en condicións laborais máis precarias. E , con todo, consegue ser aceptado na familia, casa con Lilí o Suso que antes vivía nun cuarto alugado por Filo ( exputa) e Toni, amigo de Suso. El é un noxento e goza sendo noxento. María Xosé Queizan logra que encaixe este noxento na familia perfecta de don Alberto Mora. O braguetazo perfecto. Un ser abomínábel na familia perfecta que compoñen un empresario con licenza ( dálla a muller) de pernada e unha esposa que sabe mirar para outro lado a fin de manter o seu status, tan cega,a forza de non querer ver, que inclusive ve cousas boas en Suso. Por iso, por non querer ver, non porque Suso posúa características loábeis e sexa cuestión de perspectiva. É por non querer ver. Igual que existe, como existe, o machismo porque tanta xente mira para outro lado, como se non mirando desaparecera o problema. Mais o problema non desparece con ese tan político mirar para outro lado, deslocando o tema. Todo o contario, enquístase e vólvese moioto máis difícil de erradicar.
Esta novela breve está contada enprimeira persoa, de modo que a linguaxe serve parar caracterizar o noxentismo de Suso, cunha linguaxe vulgar que non escapa aos castelanismos e que presenta un Suso que é personaxe de pouca cultura, malia o cal accede a expresións como à la belle étoile (72) e ten coñecemento das aventuras de Ulises, algo unicamente explicábel como interferencia autorial no narrador. Ademais dunha crítica do machismo tamén o é das condicións sociais que vivimos hoxe en día (a través do sogro) e da propia igrexa, tamén tan cega dinte dos problemas de pederastia que ten no seu seo. O ünico que detén un pouco a Suso e o SM, o Sado Maso, que el, en principo, non entende, mais que acabara por aceptar porque a propia sociedade ten comportamentos Sado Maso. A perspectiva desde a cal hai quen goza facendo mal noutros non é evitábel. Nin tampouco que eses mesmos nos que se exerce violencia gozan con ela. Unha durísima crítica social.
Moito máis que a denuncia do machismo, que converte a novela en testemuña dos nosos días, e resulta obxectivo principal nela. Un machismo enquistado na sociedade e que se reflicte inclusive a través da música. Toda a novela está trufada con pedazos de cancións, na súa maioría da denominada “salsa” , rancheras, e etamén música popular.Ás veces ofrecen un contraste un tanto cómico porque novela non está escrita coa única finalidade de revolver as tripas de quen le. O que se pretende é remover conciencias, aquelas que permiten que o machismo sexa un problema por resolver aínda. E nese remover de conciencias tamén hai tempo para o riso, na nota introdutoria xa advirte que “pasou un mes de agosto diante do ordenador sen parar de rir” (7)
Por moito que a autora diga, na nota introdutoria, que non coñece ninguén coma o Suso, tan amoral coma o Suso, cabe pensar que a sociedade acubilla un bo número de suxeitos deste estilo. Efectivamente, non toda a sociedade é así, non todos os homes son pichabravas como o Suso, mais iso non debe pecharnos os ollos porque a realidade é que hai moito noxento estilo Suso polo mundo adiante. Tampouco a pederastia ou o incesto son pan de todos os días, mais están aí, son unha realidade incontestábel.
“Sei que non só o comportamento, senón o vocabulario do libro é abominable. A ética e a estética valídanse mutuamente (…) Neste caso invalídanse. As palabrotas e blasfemias que ten o Noxento na punta da lingua, conforman un discurso eticamente indigno” (8)
ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.