ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de MOCIDADE ( Joseph Conrad, Huguin e Munin)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 29 Marzo 2016 @ 6:25 p.m.

ÉPICA MARIÑEIRA Á MOCIDADE
Título: Mocidade
Autor: Joseph Conrad / Traduce. Alejandro Tobar
Editorial: Huguin e Munin
Nado en Berdiczew ( actual Ucraína), a vida de Józef Teodor Konrad é coma unha inmensa novela da cal foi deitando bocados nesta ou naquela obra. Durante 16 anos da súa vida estivo ao servizo da Royal Navy e parte da súa experiencia mariñeira aparece reflectida nesta Mocidade, novela breve ou relato longo que relata a viaxe a Bangkok dun vello barco cargueiro, todo escanastrado, o Judea, que xa para saír de Inglaterra ten problemas debido ao mal estado xeral do navío. O protagonista, Marlow, o mesmo Marlow que reaparece en Lord Jim, Chance e Corazón da escuridade (posto en galego por Manuel Outeiriño, 1997, e Eva Alamazán, 2009) relata a súa primeira viaxe como 2º oficial, que se produce no vello cargueiro escangallado e que ten como obxectivo levar un frete de carbón a Bangkok. A onde nunca chegará, pois o carbón combustionará expontanemaente e non darán redicdo o impacto do incendio senón que este afundirá o cargueiro, precisamente cando o mar estaba máis en calma e o ceo era azul, xa no Oriente. Porén, a tripulación sálvase. Pois dan chegado a terra nos botes salvavidas.
Toda a obra é un canto á mocidade, de aí o título, que, malia a falta de experiencia está recuberta de ilusión. A ilusión que xa non ten o resto da tripulación, porque Conrad rodea a Marlow de mariñeiros experientes, curtidos en mil lides no mar. Por iso tamén toda a obra é un canto á vida no mar, épica mariñeira de quen ten o valor de se enrolar no vello cascarón do Judea, que cando quere facerse ao mar precisa de tres tentativas antes de asegurarse a navegabilidade da nao.Para navegar nel o cómpre moita ilusión, como é o caso de Marlow, exultante por ser a súa primeira singradura como segundo oficial, ou moita experiencia, como a que atesouran o resto da tripulación. Porén esa experiencia de pouco lles ha valer e si resultara se cadra máis útil a ilusión de Marlow, que malia ser tamén a súa primeira singradura nos mares do Oriente, nunca perde o norte e é quen de enfrontarse ás situacións que se lle presentan mentres algúns dos outros mariñeiros desfalecen. O tránsito da mocidade ó mundo dos adultos e das súas responsabilidades é narrado co pano de fondo do mar e da vida a bordo, aquí como en The shadow line.
Deste xeito, Mocidade, ten dúas partes moi marcadas. Dunha parte toda a serie de avatares que sofren en Ingleterra, antes de partir para Oriente, e doutra toda a peripecia xa en mares orientais. A do políglota Conrad é unha obra que abala entre o romanticismo, o colonialismo, o modernismo e o realismo, sendo neste caso o realismo quen explica a obra. De aí a atención ás descricións, nas que pormenoriza o máximo posíbel, aínda que tamén é certo que se serve de determinados clixés á hora de tratar o resto da tripulación, agás o capitan, tamén é certo que moito que ver niso teno a pouca extensión da obra. Porén, malia esa pouca extensión, a mestría de Conrad percorre desde a primeira á derradeira liña do relato que Marlow fai da súa iniciática viaxe. Por certo que resulta ben difícil non ler a Conrad lembrado soneto de Cabanillas onde se conta unha treboada no mar.
Huguin e Munin preséntannos a posibilidade de gozar da narrativa dun dos autores en lingua inglesa máis interesantes do XIX. Pois escolleu a lingua inglesa para a súa creación literaria, malia que non era a lingua que, en principio, mellor dominaba, acadando un dominio léxico certamente notábel e, no que se refire á terminoloxía marineira, sorprendente inclusive para un inglés.
Huguin e Munin preséntannos a posibilidade de gozar da explendida tradución de Alejandro Tobar, arroupada por un corpus de notas que fan da lectura unha experiencia totalizadora e impagábel por canto aprendemos da contextualización mentres imos lendo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.