ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CAMIÑOS NA AUGA ( Manuel Núñez Singala, Galaxia)

POR UN LUGAR MELLOR

Título: Camiños na auga

Autor: Manuel Nüñez Singala

Editorial: Galaxia

NO 2001, Victor Omgbá publicaba Calella sen saída convertíndose no primeiro escritor afrogalego, e tamén na primeira reflexión sobre a inmigración que albergaba a nosa literatura. Hoxe, quince anos despois, Manuel Núñez Singala dá á luz Camiños na auga, que é a segunda mais a primeira dada ao prelo por un autor galego. Sen matices autobiográficos, a  de Núñez Singala é unha novela de aventuras e formación, que denuncia as duras condicións de vida dos negros albinos en África, así como a trata de negros que constitúe o negocio dos caiucos mediante os cales tratan de introducirse en Europa. Szymo, o protagonista central de Camiños na auga é un negro albino nado nas marxes do lago Victoria, un dili, carne de negocio, pois son moi apreciados para determinadas prácticas máxicas, mais para esas prácticas levárense a cabo teñen que morrer, teñen que estar mortos para que o seu sangue e o seu corpo poida ser utilizado nelas. A falta de pigmentación fai que tamén sexan persoas que teñen que ter moito coidado co sol,a fin de que non os dane. Privado da familia desde neno, pois a súa nai, para protexelo, ingrésao nun colexio do que non sairá en catro anos, e cando o faga será para decatarse de que a súa nai xa ten outra vida e el non encaixa. Realmente el non encaixa en lugar ningún até que en Kalenie, nas beiras do Tanganica, unha familia se faga cargo del. Alí coñecerá tamén o amor de Josephine, mais o terror volverá instalarse na súa vida coa súa morte. Entón, o seu pai adoptivo faille un agasallo moi especial, unha canoa, xa non pode permanecer máis en Kalenie mais ten ao seu dispor un medio de transporte que o leve a un lugar onde a súa diferenza non o condene. Emprende entón un periplo naval que trae  á sua vida a Malaïka, unha muller viúva perseguida por unha saqueta con ouro e para violala. Con ela volve coñecer os meles do amor, mais a diferenza de idade fará que non prospere a relación máis alá da mutua axuda que se poden deparar entre eles até chegar a Kisangani, a onde chegan en tren procedentes de Ubundu, xa rematado, polo tanto, o periplo naval polo  Lukuga e mais polo Lualaba, pero aínda lle quedará navegar  o Congo deica  Kinshasha. Despois, desde alí até Matadi, principal porto do Congo, e desde Matadi a  Luanda, Walbis Way, Lobito até  Nouadhibou, xa en  Mauritania, desde onde viaxará, xa con Jean-Paul, até as Canarias en caiuco.

Camiños na auga  é unha novela realista, segundo palabras do autor, nacida ao abeiro dalgunhas informacións xornalísticas e audiovisuais, que exalta valores como a fraternidade e amizade mentres fai ver que a diferenza é algo positivo e non unha condena. O nome do protagonista, Szymo, é unha homenaxe a Moszy, aquel mozo albino que en 2009 chegaba en caiuco ás Canarias segundo lía o autor na prensa francesa.Non será a única homenaxe. A verdade é que non deixa de ser estarrecedora a caza a que se ven sometidos os albinos africanos, que unha diferenza como a da cor leve a unha salvaxada semellante pon os cabelos de punta. Mais aínda se a razón son prácticas de maxia, co enraizadas que están estas crenzas no continente africano. Que no século XXI pervivan constitúe unha dura a cusación a unha humanidade que está moi intersada nos ricos recursos naturais africanos pero fai moi pouco pola divulgación cultural. Estámolo vendo na crise dos refuxiados que golpea Europa estes momentos. Todos podemos ser refuxidados nalgún momento, ou temos na familia quen foi na procura de mellor fortuna a outras fronteiras, aínda así as imaxes dos capos de refuxiados non deixan de parecernos unha anécdota exterior  a nós.

Szymo ten o soño de ir a  algún lugar onde a súa diferenza non lle sexa unha condena, e viaxa miles de quilómetros, primeiro en canoa, despois en tren e barco. Pouco a pouco,a medida que se vai alonxando do seu lugar nativo, vai atopando comprensión, indiferenza ou polo menos non esa cobiza que fai del un trofeo. Vaise sentindo seguro, e cústalle renunciar a lugares onde é ben recibido e estimado, por exemplo cos pais e familia de Malaíka, en Kisangani, mais Szymo ten un obxectivo na súa vida e non renuncia a el baixo ningunha circunstancia. O periplo que iso supón está cheo de aventuras, que en solitario, na compaña de Malaïka ou na de Jean-Paul, trufan a novela de xeito que sexa difícil abandonar  a súa lectura aínda que sexa temporariamente. E o feito de que teña un remate feliz, malia todos sabermos as dificultades que afrontan aqueles que chegan caiuco ás costas europeas, non supón ningunha cabriola narrativa senón aplicación da máis pura lóxica.

Na primeira parte, no periplo naval, é como s ee stiveramso lendo a novela As florestas do Mañuema, mais ao revés. Martínez Oca adéntrase no continente africano e Núñez Singala escribe o movemento oposto, foxe desde o corazón de África.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.