ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de QUE NON TE ATEN (Manuel Iglesias Turnes, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 12 Abril 2016 @ 6:31 p.m.

REIVINDICACIÓN DO AGRO

Título: Que non te aten

Autor: Manuel Iglesias Turnes

Editorial: Xerais

É común oír dicir que o traballo no campo ata, que esixe atención os 365 días do ano. Sobre todo é común oírllelo dicir ás xentes que traballan no campo. E isto, que nun principio ten orixe épica, para traballar no campo non vale calquera, foi adquirindo tintes de resignación -o traballo no campo  é duro- até contribuír a esa lenda negra segundo o cal o campo é atraso, que a modernidade está no asfalto, na cidade. Houbo un tempo en que iso era así, non o imos negar, e os nosos pais educábannos para que non tiveramos que ficar atados ao terrón. Mais hoxe modernizouse de tal xeito o traballo no campo que as cousas son ben distintas, o que antes facía unha gavela de homes hoxe faino un só, sentado nun tractor e con aire condicionado mentres escoita música. Non quere isto dicir que hoxe, o do campo, sexa como un traballo de oficina, mais nas explotacións de hoxe sempre hai unha oficina. Non quere isto dicir que non sexa esixente os 365 días do ano, mais sempre hai épocas de menor traballo e mesmo tempo para as vacacións.

                     Cómprenos este virxilianista inicio para explicar o título, Que non te aten, porque esa atadura non é a do campo por moito que a trama da novela teña lugar nunha aldea. Todo o contrario, os labores agrícolas ou gandeiros requiren unha constante dedicación, coma sempre, mais a modernización das explotacións trouxo consigo tempo tamén para o vagar. Aquelas explotacións de catro ou cinco vacas son hoxe de trescentas ou catrocentas, canto máis foron medrando máis medraron tamén as condicións en que deben ser levadas. Así que que non te aten, que non te aten a concepcións trasnoitadas do traballo no campo.

                     Manuel Iglesias Turnes, que antes nos conmovera con As rapazas de Xan ( Xerais, 2012) evocando a Galiza interior dos anos 50, volve facelo agora con Que non te aten, onde retrata a vida nunha aldea galega da actualidade. Concretamente a vida dunha mocidade que apostou por unha vida no campo fronte a aqueles que lle escapan. Os mozos protagonistas da novela teñen en común a vida no campo. Na súa mairoía, porque tamén os hai urbanos, que, curiosamente teñen que pedir axuda aos rurais. A vida no rural nin moito  menos é idílica, todos sabemos os problemas que sofren as explotacións leiteiras, e cheira a silo, mais un ve medrar as xuvencas,e onde antes non había nada agora hai unha grande cantidade de litros de leite. Esa é a grande diferenza, mentres na cidade sempre todo é igual, no campo vese como as cousas medran día a día.

                     De feito, as redes sociais teñem unha grande presenza na novela, as personaxes están recibindo e mandando mensaxes de whatsapp, teñen os telénos móbiles e facebook como unha extensión de si mesmos, igual que se foran personaxes urbanas. As novas tecnoloxías están presentes porque teñen que estalo, esta é unha novela realista, e sería antinatural que non estiveran. Inclusive son fundamentais á hora de explicar a resolución final da trama novelesca.

Esta conomovedora posta en valor do campo galego relízase desde a combinación de dous tríos na trama. Sara, Marcos e Antía, por unha banda. Xaime, Mariña e Erwin por outro lado. Máis significativa é a primeira, onde Antía representa o mundo urbano, é banqueira, subdirectora dunha sucursal bancaria, domina a Marcos como ela quere, déixao cando lle peta e retoma a relación cando lle interesa aínda que Marcos xa estea con Sara, moza moi preparada mais sen traballo, á que non anoxa o traballo entre vacas coma a Antía. A trama novelesca é un pouco a historia de como Marcos, narrador tamén que se dirixe directamente ao lector, deixa a tormentosa relación con Antía e queda con Sara, tamén moi guapa e coa cabeza moito mellor asentada que Antía. Sería toda a novela se non se metera polo medio unha historia de violencia de xénero no outro trío, con Xaime e Marcos exercendo de confidentes mutuamente.

Cabanas é a aldea en torno á cal xira o mundo, cunha escapada vacacional a Muros, Negreira como núcleo rurbano e Santiago como cidade. Tamén Silleda está aí como referencia,a ver quen ten a mellor vaca de Galicia. Nela viven dúas familias enforntadas historicamente porque os do Penedo lle quitaron unha finca aos de Agro da Presa con artes moi discutíbeis. O cal remata xerando un mundo de oposición entre ambos, competitividade a ver quen é a primeira gandaría da parroquia e dos arredores. As novas xeracións, que son as que moven a novela, xa non participan tanto desta vella xenreira que os vellos manteñen como sinal de identidade. De xeito que conviven os dous mundos, o rural e o urbano, plenamente, e cunha precisión: mentres o mundo rural se integra sen probelmas no urbano, ao mundo urbano cústalle aceptar o rural mais, á fin, será o mundo rural o que teña que axudar o urbano.

                     A novela é moi realista, nela teñen cabida o conflito dos preferentistas e mais da corrupción, e non como simples decorado, así como o dos prezos do leite. Tamén está presente o conflito lingüístico e o mundo cultural en que se asenta é plenamente galego, polas súas páxinas atòpanse Patricia Vázquez. Federico Pérez, Isabel Blanco ou María Solar, sendo que as vacas de Agro da Presa escoitan a Treixadura. O que resulta unha mágoa é que a novela non tivera unha revisión final que lle evitara grallas que a afean á lecura: hai por  ai (17); por ó (77); corresponse por corresponde (89) ; engruañar por engruñar, maus por meus (104); creto por crédito (196); areboloulle por arreboloulle (209), guións que están onde non tiñan que estar e onde tiñan que estar faltan. Unha mágoa, porque a novela resulta conmovedora, emocionante desde a primeira páxina á derradeira.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.