ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de OS KOWA (Xavier Queipo, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 21 Abril 2016 @ 6:53 p.m.

AVENTURA EQUINOCCIAL

Tïtulo: Os Kowa

Autor: Xavier Queipo

Editorial: Galaxia

Trátase do Premio Blanco Amor de Novela Longa 2015, esta aventura equinoccial que lena un naturalista galego ás fontes do Amazonas, entre Colombia, Perú , Brasil e Ecuador. Supervisados por Andreas Madsen, un dos máis grandes ecólogos vivos, un folgado grupo de científicos parte de Copenhague coa misión de estudar o ecosistema do Alto Amazonas, no Parque Natural de Amacayeu dividídose en varios grupos. Cómpre dicir que o protagonista deixa a trás un ronsel de antigas relacións amorosas, con mulleres e con homes, non de todo satisfactorias, porque esa é unha bagaxe que nunca o abandonará. Aconsellado polo seu terapeuta, o Dr. Nogueira, o protagonista pon por escrito o caudal de emocións e sucesos que supuxo a  súa aventura equinoccial, desde unha Copenhague descrita coa pericia de quen ben a coñece sobre o terreo, más alá de guías de viaxes máis ou menos afortunadas. O estudo da flora e  as súas relacións tróficas secundarias con especies animais asociadas, concretamente, centrará os seus estudos nas bolboretas e a relación coevolutiva coas gramíneas e as convolvuláceas (56). Jonas, Lois, Arturo, o propio Madsen e o protagonista conforman un dos grupos, que ao pouco de se instalaren no mato sofren suestro por parte de guerrilleiros das FARC. Todos agás o protagonista, que non se achaba co grupo e se ve así a salvo, a piques de iniciar unha aventura equinoccial que o levará a entender mellor o mundo e tamén a entenderse mellor a si mesmo.

La aventura equinocccial de Lope de Aguirre  Ramón J. Sender), Canaima (Rómulo Gallegos) , Tristes trópicos ( Lévi-Strausss) entre a literatura e na sétima arte Fitzcarraldo  (Werner Herzog), The Mission (Roland Joffé), ou The Emeralg Jungle -así e non Forest, na novela- (John Boorman) son títulos que o protagonista coñece e que actúan coma pouso de historias sobre a cal asentar a que el vivirá, aínda que de pouco lle han valer pois todo o que lle aconteza será único e diferente daquilo que el coñece previamente. Porén, tamén serven de punto de contraste desta historia de Xavier Queipo, co mesmo resultado, pois aínda que a xeografía poida ser semellante a historia é única, a trama é única e orixinal no sentido que esta palabra ten hoxe entre nós.

Como é de agardar, tamén ten o seu de novela de formación, aínda que ese non é o obxectivo final, a cantidade de cualidade vivencias tidas deberá poñelas en escrito por mandato do seu terapeuta e amigo, unha vez finalizada a aventura, e esa é a novela. Mais se dicimos que ese non é o obxectivo é porque esas vivencias, esas aprendizaxes, non se especifican na súa totalidade, senón só unhas poucas. Mais dentro desas poucas, que el ten en conta aínda que de pouco lle valen, hai unha en concreto que si o marcará moi fondamente. O que vive cos indios kowa, concretamente a secuencia que transcorre na lagoa ferruxinosa, inzada de delirio e sexo, sexo sen discriminar homes de mulleres, sexo total. Do resto sonlle máis útiles os apeiros materiais que vai topando ou cos que se vai facendo (o coitelo que rescata de entre as súas pertenzas, o machete despois, a canoa que lle dan os kowa) porque estas si contribúen a que poida manter a súa vida a salvo mentres que as demais ( como untar as frechas ou como fabricar unturas para elas) pouca utilidade lle han ter.

No seu camiño irán aparecendo diferentes coaxuvantes. O primeiro deles é Amaurí, un vello seringueiro que vive só con mono, Toliño, que o acolle e lle transmite as primeiras ensinanzas. Mais a propia natureza, exuberante e mortal, acaba afastándoos, acaba deixando só o protagonista para que no seu camiño se crucen os decisivos indios kowa, indios que non queren ser contaminados mais que non lle teñen medo ningún. Estes indios viven en dúas aldeas, nunha os homes e noutra as mulleres. E todo irá ben, mesmo aprende un bo feixe de palabras kowa e asiste a ese ritual na lagoa ferruxinosa que se  repeite unha vez cada tres lúas e serve para poñer en contacto as familias e amizades, mais sobre todo serve para outra cousa, para a delirante explosión sexual que se vive na lagoa, o sexo total do que lle permiten participar como un máis. Lamentabelmente para os indios, un incendio dá conta da aldea en que viven os homes, co cal deberán procurar outras xeografías onde poidan vivir homes e mulleres separados por unha corrente fluvial, tal como prescribe a súa cosmogonía. E aí remata o contacto cos kowa, que o obsequian cunha canoa mais que seguirán o seu propio camiño. O protagonista, sen posíbel orientación nesta parte do Amazonas tan cambiante, voga seguindo unha corrente como podería ter seguido outra, até que unha barcaza dun madeireiro o atopa. Todo o que queda da novela é o reigreso no mundo civilizado así como a posta en escrito da aventura.

Novela de aventuras na selva amazónica, na alta selva amazónica, que serve para denunciar o maltrato que os conquistadores tiveron para cos conquistados, subliñando a importancia que cada cultura ten independentemente do seu grao de industrialización ou civilización. Para poñer en valor o sexo como experiencia única e total. E un pouco tamén a falta de escrúpulos da industria farmacéutica, que é unha das fontes económicas que fai posíbel a viaxe e todos sabemos a que niveis pode chegar.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.