ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de CARA AO LESTE (Antía Nara, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 26 Abril 2016 @ 6:26 p.m.

RENDER CONTAS

Título: Cara ao leste

Autora: Antía Nara

Editorial: Xerais

Discurso que centraliza o seu obxectivo na análise e descrición dos tipos, das personaxes que poboan ambos mundos, as que sofren a violencia e tamén as que a desencadean. Isto diciamos en 2007 logo da publicación de Aquel lugar, primeira novela da autora, Antía Nara, pseudo de Antía Mato Bouzas. E sérvenos para comezar o discurso crítico da súa segunda novela, Cara ao leste, que anda nos trinques das librarías nestes días. Cara oa leste é unha novela coral e intemporal, son as súas dúas características máis salientábeis. Coral porque se nos ofrece o vivir de varias personaxes que se volven xuntar despois de que os seus camiños diverxeran levando a  cada unha para seu lugar. Elsa, que vive con Sascha en Alemaña; Helena, que traballa na estación de autobuses da capital; Iris elegante e ben falada, que vive con Roberto, e Nela acoden ao velorio de Isolina,a xornaleira, que deixou ben patente que non quere saber nada de tanatorios. Intemporal porque a novela é o campo de experimentación narrativa, nada trascende de cando acontecen os feitos, non se nos din as datas en que pasan as cousas, iso é o de menos, o interesante é a análise dos feitos, a análise da mensaxe que nos transmite a novela: non hai contas que non se salden, pode pasar máis ou menos tempo, porén as feridas continúan a doer e, cando menos o agarda un, preséntase a ocasión de saldar contas, de facer que a xustiza tome corpo nun acto de vinganza. Pode parecer duro, isto que dicimos, facer que a xustiza tome corpo nun acto de vinganza, mais no espazo narrativo que é a novela, a vinganza é un acto de xustiza, o único xa posíbel, pois o paso do tempo foi obrigando a que xa non haxa outro camiño que tomar. Cando menos, na literatura fícanos a posibilidade da xustiza poética.

                     Cara ao leste parece unha novela de mulleres. Alén do cuarteto protagonista e Isolina, a xornaleira que coida de Elsa cando lle morren os pais, aínda hai que contar con Bárbara e Matilde. Porén, iso non quere dicir que desaparezan os protagonistas masculinos, mais entre eles hai un que deixa en sombras a todos os demais, Ernesto, encarnación do vello cacique metido a empresario construtor que en realidade resulta o culpábel de que Al-luaira, a aldea, non prospere malia todos os seus proxectos. Puido ser, cando Nela, Helena, Iris e e Elsa soñan e levan a cabo unha cooperativa, mais un oportuno lume destrúe a primeira colleita ciscando as protagonistas por aquí  e por alá. Un capítulo terríbel o dedeicado aos incendios, que non deixa de responder a  unha realidade que verán si e verán tamén nos sobrecolle a todos. Mais ben se pode concluír que a novela resulta unha clara reivindicación do traballo das mulleres, do traballo e dos seus soños. Todas se abren camiño individualmente, aínda que sexa en terras ben lonxe das galegas, como Elsa e Alemaña, por exemplo ou Helena, na capital, non se especifica cal, porque aquí topamos coa novela como territorio experimental, coa novela como territorio onde expoñer os soños e traballos das mulleres ( tampouco se especifica o tempo) e o muro con que se atopan, o muro con que inevitabelmente se atopan.

                     Ademais este percorrido polas personalidades das distintas mulleres élle moi útil a Antía Nara para dosificar convenientmente a información e facer que a trama resulte climática. Cada unha das mulleres vai cosendo un anaco de novela, personaxes como Luís, Roberto ou inclusive o pobre Carlos non dexan de ser testemuñais, porque son elas, as mulleres as que teñen reservado o protagonismo. Porén hai un momento no cal esta novela coral, esta novela de personaxes, se converte nunha novela de intriga, esa  é a información que mellor se dosifica, porque é a máis importante,a que redimensiona o discurso e o posiciona onde en verdade  debe estar.

                     Novela coral, intemporal e de denuncia, que centraliza o seu obxectivo na análisee descrición do tipos, das personaxes que sofren a violencia e tamén as que a desencadean.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.