ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de TODO CANTO FOMOS ( Xosé Monteagudo, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 28 Xuño 2016 @ 5:39 p.m.

TODO O QUE PUIDEMOS SER

Título: Todo canto fomos

Autor: Xosé Monteagudo

Editorial: Galaxia

Que outra cousa, senón, é unha novela máis ca un conxunto de episodios contados nunha orde e consonte unha xerarquía que lles outorga significado? (197) Sólida declaración de principios que responde tanto ao que é a individualidade da novela que nos ocupa como á novela como xénero. Arquitectura. A novela é unha arquitectura secuencial dotada de significado. Pura arquitectura verbal que se pode facer mesmo extensiva ao que é a literatura en si, pois calquera xénero pode responder, máis ou menos xenerosamente, a esa definición .

Amaro, emigrante na Arxentina de finais do XIX, que se abre camiño ata facerse dono dun curtidoiro. Carlota, mestra que ten que loitar conta a ignorancia e os prexuízos dunha sociedade rural moi condicionada pola Igrexa e o poder caciquil. Anxo Daponte, historiador que está nalgúns momentos decisivos da historia do século pasado, como a fundación do Partido Galeguista en Pontevedra. Maribel, nena do hospicio, que vai de familia en familia até que é adoptada definitivamente. Un escritor ,galego, afincado en Inglaterra, de novela detectivesca, a quen a nai lle lega un feixe de papeis que reconstrúen a historia familiar. Velaquí os vimbios con que Xosé Monteagudo estrutura a arquitectura desta novela de grande calado, pois o escritor de Moraña (1965) escolle un formato longo e esixente para este seu quito proxecto narrativo, despois de deixarnos As voces da noticia  (2002, premio Blaco Amor), Esta historia  (2005), Un tipo listo (Premio García Barros no 2009) e O curioso mundo das persoas normais no 2012.

Escrita en terceira persoa, Monteagudo alterna as diferentes cara do prisma, que acabrán por tocarse e confluír nun único final que aquí non queremos desvelar. Ler a novela é como ir lendo a novela que escibe o escritor, que pasa unha tempada coa súa filla adolescente, coa que non tiña unha relación nin boa nin estábel. Como ir xuntando as diferentes pezas dun puzzle que presentimos único mais ignoramos como encaixarán os diferentes ángulos deica o remate; por mais que poidamos ir supoñendo o encaixe dalgunhas, o  final sorprenderanos igualmente. Este carácter poliédrico permítelle ao autor tocar unha serie de temas de moita actualidade aínda hoxe e que converten os protagonistas en verdadeiros avanzados nestas loitas. Velaquí está o caso da emigración, que tristemente seguimos padecendo; a loita das mulleres, sobre todo das mulleres do rural, por acceder ao mundo da cultura e contra os prexuízos enraizados na sociedade, é moito o que se avanzou mais tamén é certo que o problema segue existindo; ou a loita pola construción nacional de Galiza, que leva á novela a personaxes como Castelao ou Bóveda. En definitiva, a loita por coñecer o pasado de xeito que este ilumine un presente que pretendemos controlar aínda a sabendas das lagoas que a historia nos presenta e que ignoramos como se non foran con nós.

A novela asenta tanto na arquitectura secuencial como nunhas personaxes densas e moi ben perfiladas, personaxes transgresoras que loitan por un mundo mellor, por mellorar as circunstancias de vida propias mais tamén as dos demais. Unhas personaxes percorridas por un fatuum que desoñecen e que só se revelará no final, que as condena a un fracaso vital que evitan como poden, agás no caso do escritor, que por circunstancias hitóricas está libre del aínda que non das súas consecuencias. Por iso a novela é a novela de todo canto puidemos ser, todo canto se nos permitiu ser, pois as personaxes aparecen suxeitas ás circunstancias históricas que marcan aquilo que se les permite ser e aquilo que se lles nega, que se lles veta. Salienta o caso de Amaro, verdadeiro triunfador na vida, que regresa a unha sociedade na que segue pulando por mellorala, mais que lle fará pagar caros os seus esforzos. Tamén Maribel e Carlota son personaxes transgresoras, cada unha no seu tempo, e tamén ambas rematarán por pagalo, cada unha á súa maneira.

En definitiva, Todo canto fomos é un proxecto narrativo complexo e de altas miras do que ao autor sae moi ben parado. A novela, na que a administración da información constitúe un aspecto moi ben tratado, igual que o xogo estrutural, demanda unha lectura atenta en tanto que as referencias temporais son mínimas e o lector é quen debe completar o contexto histórico, do que se nos achegan momentos clave. Mais se eses momentos clave da historia son importantes ( os correspondentes á República e posterior golpe de estado, coas súas consecuencias) teñen unha importancia especial, tan importante é o carácter transgresor das personaxes, auténticas loitadoras nun mundo hostil.

Iso si, bótase de menos un pouco de máis coidado coa onomástica galega.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.