ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de MASCULINO SINGULAR (Carlos Negro, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 3 Agosto 2016 @ 5:45 p.m.

DIVERXENTE. O HOME NOVO A EXAME

Título: Masculino singular

Autor: Carlos Negro

Editorial: Xerais

Interesa o punto de diverxencia. O punto exacto en que se deixa de ser unha cousa para ser outra. Neste caso fastéxase o alborecemento do home do século XXI, herdeiro do homo erectus porque eu o mando, do home de verga e poder sinonimizados, si, mais tamén herdeiro da tradición feminista, tradición feminista que non interpreta como oposición senón como integración. Por iso o poemario comeza expoñendo o “Código de barras” identitario, onde resulta definitivo para identificarse aquilo que non é, por desgraza, por sorte, definitivamente, o que non ten, o que non quere, o que quixo, o que tivo, o que ten, o que é, o que intenta ser, o que non sabe se é, o que se cadra non é (“un morfema de xénero singular e masculino”) (15). Exercicio de reafirmación que nos sinuosos tempos que vivimos convén ter o máis claro posíbel, para que non o confundan, para non ser confundido; nin co “príncipe azul das galletas de chocolate”, nin cun “paquete de músculos dun filme de acción”, nin co “sorriso galante que cede o paso na porta do ascensor” (13)

                     Esta é unha poesía de fronteiras, se cadra por iso, a continuación da reafirmación do que é a voz poética, ten que vir, e vén, a poética desde a cal se lerá todo o poemario. Son a “Técnicas de afeitado”, porque non é unha. Ou si.”Unha poética de dobre folla: / suave e  apurada por fóra, / pero cun gume cortante por dentro” (19).Porque o que a continuación vén dentro deste mesmo apartado son dúas reafirmacións, dúas exploracións da mesma poética, unha en prosa e outra en verso: a pel e o poema son superficies sometidas a un proceso de desgaste. Como para xunguir os dous procesos de reafirmación continúase cun poema que non deixa de facerse preguntas e mediante elas conta unha historia, preguntas/historia para recoñecer o home do século XXI, o home novo.

                     Desde a fronteira poética explórase a poesía como se explora o home novo, comezando polas “Pinturas rupestres”, onde, ás veces en prosa, o poema pode xurdir de epigramas, superpoñerse un sobre outro, mesmo sobre debuxos que conteñen outra mensaxe complemetar, explorar –máis unha vez- desde textos paraliterarios, constituír un embaldosado ou tentar reproducir un muro con palabras que agochan outro poema. Porque o poema pode estar en calquera lado, agachado debaixo de calquera forma, mesmo debaixo doutro poema, ou por riba del. Vivimos rodeados de poesía, o que cómpre é o poder/saber para recoñecela alí onde se atope, sexa recoñecido como petencente á tradición literaria ou non. Como sucede no seguite apartado. “Fráxil&femíneo&delicado” ofrécenolo desde o que en teoría é un anuncio publicitario mais que un golpe de ironía converte nun poema. Pode ser iso, un golpe de ironía ou o recurso a versos que comezan coa mesma letra, aos cadernos Rubio ou a tachado de palabras. O suficiente como para atopar a poesía e que esta reclame para o home novo a tenrura, tan característica do sexo feminino e que tanto cómpre no masculino porque sen ela somos menos humanos.

                     Este home novo é un punto de fuga que se agocha debaixo do homo erectus do inicio. E esta é a súa poesía. Diverxente. Contra toda presenza de atributos machistas que garda a nosa sociedade, aínda, e espalla desde a máis tenra infancia até a máis clásica cultura. Porque “Máis alá dos ritos da tribo, adoptamos os principios da / cosmética” (64) E sempre a favor da diferenza, o diferencial como parte da complementariedade e non como estigma ou punto desde o cal exerecer o poder que someta o outro sexo, o diferencial como parte impresindíbel da outridade, o diferencial como punto de unión. “ Non esixas do meu corpo que sexa un campo de batalla / levo anos a intentar convertelo nun mapa da tenrura”. (66) Son versos simples estes de “Punto de fuga”, ás veces prosa, como tentando a exploración do homo erectus do principo , e tamén da poética que ilumina o poemario, desde o inicio, desde o máis simple.Que non é nada dieferente ao que se fai en “Materia estelar” e que se avalía, mediante un xogo de preguntas e respostas, en “Saída de emerxencia”.

                     Velaquí un libro imprescindíbel en canto que racha cos estereotipos da sociedade actual que herdamos, unha sociedade herdada doutra en que o masculino tiña todos os poderes e o femíneo só o deber de servilo. O autor reclámase influído por “Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, Isolda Santiago e Xohana Torres, Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo o austríaco Peter Handke e Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos”, neste texto  que escribiu para a presentación en Lalín.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

1 comentario

  1. ferradura en tránsito » crítica de POEMAS BIROLLOS PARA LER COS OLLOS ( Fran Alonso, Xerais):

    […] nos lebra moito o que tamén vén facendo Carlos Negro, de quen hai nada traïamos a estas páxinas Masculino singular, tamén en Xerais, que explora poesía desde a fronteira poética e cada poema pode xurdir do […]

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.