ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de GALERÍA DE SALDOS ( Diego Giráldez, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 10 Agosto 2016 @ 6:19 p.m.

ARTE NA LITERATURA

Título: Galería de saldos

Autor: Diego Giráldez

Editorial: Xerais

Non é baratería esta Galería de saldos de Diego Giráldez. Ningún autor ía desmerecer de tal maneira a  súa propia obra, mais esteimamos que debemos comezar por aclara a posíbel confusión a que poida levar semellante título.Os relatos, os 27 relatos de Diego Giráldez non son saldos, non material que se rebaixa no prezo para rematar existencias. Eses saldos refírense á vida, a nós na vida, aí si que somos saldos, auténticos saldos, marcadoría que está continuamente de saldo. Polo que ben podería chamarse “Galería de fracasados”. Mais non é que o autor pretenda dalgunha maneira expoñer unha galería de fracasados.Non é a  súa intención tematizar o fracaso vital de primeira tentativa. É o seu apegamento ao realismo o que, moito máis nestes tempos de crise que vivimos, non lle deixa outra opción que facer desfilar diante dos nosos ollos unha galería de fracasados, dunha ou doutra maneira fracasados vitais, xentes resignadas a non poder ter un final feliz. Sendo, deste xeito, un libro moi apegado á realidade, que chucha dela para se converter na súa cara literaria, na súa versión literaria.

                     Moi pola contra da baratería, o que hai en Galería de saldos é literatura de moitísima consideración. Os relatos levan todos o encabezamento dunha interpretación dalgunha obra de arte plástica de diferentes expresións artísticas e diferentes autorías, que logo volven aparecer formando parte do argumento do relato, configurando deste xeito un achegamento literario á arte, que ten o seu parecido coas Cousas de Castelao, só que aquí os achegamentos ou interpretacións, obra de Iago Sánchez Losada, como se lles chama no libro, son de diferente autoría e diferentes expresións artísticas. Isto dálle un ar de unidade ao volume, que non ha de ser o único posto que a téncica narrativa é outro punto de contacto e o tipo de personaxes  e situacións, antes mentado, outro máis, para quen queira establecer fíos de unión entre os relatos, polo demais absolutamente independentes. Serigrafadas ou doutro xeito estampadas en obxectos cotiáns como bolsas da compra ou panos aparecen estas obras de arte entre as cales tamén as hai galegas, por exemplo de Maruxa Mallo ou Seoane.

                     Os relatos son estampas nas que brillan con luz propia o acertado uso do resumo, así como as atribucións, que ás veces poden ser brutais de inagardadas, constituíndo exemplos de ironía de alta escola. Un tipo de literatura que che pega cando a les, que vai directa abalar a conciencia do lector, desa que non deixa indiferente porque fere, rabuña esta “homenaxe aos antiheroes en bata de casa” como se di na presentación editorial da contracapa. Ás veces coa súa dose de lirismo mais esta galería de vítimas, porque todos son vítimas do momento histórico que viven, non deixa de percutir nas conciencias lectoras. Sendo así un tipo de literatura intervencionista, anada inócua, que se sente influída pola realidade, é literatura realista porque nace da realidade e nos transporta unha versión literaria dela.

                     De extensión curta, os variadísimos relatos, lense con voracidade e  mesmo demandan unha segunda lectura a fin de asimilar toda a carga de profundidade que hai presente neles. Non deixa de ser suxestiva esta mestura de personaxes cotiáns, inseridos en contextos mesmo rutineiros, con expresións artístiscas requintadas, polo que o libro de Diego Giráldez tamén constitúe unha democractización da arte, ao facela accesíbel, mediante as interpretacións de Iago Sánchez Losada, aos lectores da Galería de saldos. Galería de saldos que é a estrea literaria dun autor do que cabe agardar máis visitas, pois deixa un excelente sabor de boca con esta súa estrea.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.