ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O ESPELLO DO MUNDO (Ramón Nicolás, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 24 Agosto 2016 @ 6:23 p.m.

NOVELA HÍBRIDA

Título: O espello do mundo

Autor: Ramón Nicolás

Aditorial: Xearais

“Aquel lugar fora, durante un tempo, o espello do mundo” (191) Aquel lugar é San Pedro de Ramirás; o tempo, mediados do século XII; a razón, o inmenso poder que o mosteiro tiña. Dirido pola ona –tratamento exclusivo das abadesas de San Pedro de Ramirás- Guiomar Méndez, o seu poder resulta impoñente aínda hoxe en día ao contemplar os seus  muros, como sente Martiño cada vez que ve os muros da igrexa, único testemuño que nos queda. Martiño é un profesor de Historia ás mans do cal vai parar un feixe de pergameos propiedade dunha amiga da súa avoa, internada nunha residencia de anciáns construída exactamente sobre os restos do que fora mosteiro ben podente. Este é o alicerce sobre o cal o profesor e crítico literaio Ramón Nicolás basea a súa primeira contribución á narrativa, para o cal escolleu unha  fórmula a medio camiño entre a novela histórica e  a novela epistolar. É novela histórica porque O espello do mundo bota luz sobre un pasado histórico que ten máis de glorioso que de escuro, é un momento no cal Galiza vive unha auténtica Idade de Ouro, social e e economicamente. Mais deixa de ser unha novela histórica porque novela tamén todo o que ten que ver co profesor Martiño, que corresponde á época actual. Tecnicamente mestura tres planos narrativos: o que ten que ver co plano histórico en si, a estratexia epistolar  e o que ten que ver coa época actual. Mais a estratexia epistolar, á súa vez, resulta tamén incompleta. A ona Guiomar Méndez mantén unha estreita correspondencia epistolar coa a abadesa Hildegarda von Binguen, hoxe Santa Hildegarda logo de que os últimos papas revisaran a figuara desta alemá visionaria, que defende o traballo e a contribución da muller á historia e realiza tamén labores de apostolado, precisamente está a piques de comezar con eles cando a novela cesa a relación epistolar e  anovela remata. Mais é unha forma epistolar tamén incompleta, porque lemos as cartas de Hildegarda mais non as respostas da ona Guiomar.

                     Na novela, que pretende botar luz sobre unha época histórica pouco coñecida e realmente sopresiva, ten unha importancia ben grande a figura da visionaria alemá Hildegarda von Binguen, touquinegra tamén, que dalgunha maneira se pode considerar protofeminista e amosa unha personalidade forte e complexa. Na súa relación epistolar coa ona Guiomar adoita compañar as  súas misivas con textos moi varidos que van desde os qye se centran nas potencialidades curativas de plantas, minerais e animais aos tipos de muller que é posíbel atopar na sociedade do momento. Nisto, a novela de Ramón Nicolás lembra a Herba Moura de Teresa Moure; Hildegarda no seu papel de protobióloga e protomédica lembra a Hélène Jans de Teresa Moure, mais non só iso senón tamén a propia natureza da novela como algo híbrido é un punto en común entre ambas e  dúas novelas así como a posta en valor do traballo das mulleres, neste caso nun século que para a maioría de lectores aínda permanece como escuro, do que pouco se sabe, malia ser un dos de meirande importancia no desenvolvemento social e e conómico da Galiza, como xa dixemos.

                     Mais se por algo salienta a novela é polo ben escrita que está. O espello do mundo conta cunha sintaxe especialmente rica e densa que lle dá ese ar de novela histórica, o cal cobra especial importancia nun momento onde, polo xeral, a sintaxe adoita pasar desapercibida entre os escritores, polo pouco uso que fan dela e das súas potencialidades, a non ser na novela histórica, como neste caso. E, de par, da orfebrería lingüística que Ramón Nicolás é quen de tecer, as personaxes medievais eríxense como dous poderosos focos de atención, pola súa especialmente delicada configuración, pois pertencen a unha orde  relixiosa, mais iso non empece para que  o autor as dote dunha peronalidade complexa e rica, máis ben todo o contario, un diría que deste xeito aínda salientan máis pola inherente dificultade que representa o envite.

                     En defintiva, eis unha novela, de natureza híbrida, doada de ler, que bota man de capítulos curtos para que ningunha das dimensións de novela prevaleza sobre as outras. Efecto que tamén se consegue mediante a alternancia de planos narrativos. Mais tamén é unha novela rica e complexa, que dá conta dun período histórico ben pouco presente nas nosas letras, sen perder o fío da actualidade.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré Val

2 Comments

  1. Moncho:

    Moitas grazas pola túa lectura, que moito estimo.

  2. xmeyre:

    A ti. polo comentario e escribila.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.