ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de NOVAS DO EXTERIOR. 63.000 QUILÓMETROS DE VIAXES Á CADEA.

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 7 Setembro 2016 @ 5:40 p.m.

MÁIS DE 63.000 QUILÓMETROS DE VIAXES Á CADEA

Título: Novas do exterior

Autor: Xosé Luís Santos Cabanas

Editorial: Axóuxere

Ademais de colaboracións espalladas por revistas, xornais e publicacións colectivas, Xosé Luís Santos Cabanas é autor de Ahoulouuuuu…! (premio M. R. Figueirido, 1993), De noxos e de brétema: contos (Noroeste, 1996), Conto para ler chovendo (Toxosoutos, 1997) e o poemario Por estas palabras recadadas (ed. de autor, 2006). Porén o máis significativo para esta crónica é que é o pai de Antom Santos, preso en Lugo, en decembro de 2011, pola policía española e  acusado de ser o soporte intelectual diso que deron en chamar Resistencia Galega para xustificar  a existencia dunha banda terrorista en Galiza, e con iso a toma de medidas antiterroristas contra o nacionalismo democrático. Novas desde o exterior está formado polas crónicas das viaxes á cadea que realizou Xosé Luís Santos Cabanas, coa súa compañeira, ás prisións de Aranjuez e Dueñas para ver o seu fillo, polo que podemos dicir que este volume enceta un novo xénero narrativo nas nosas letras: a literatura carceraria.

                     Clasificado como F.I.E.S. (Ficheiros de Internos de Especial Seguimento) , Antom Santos ve intervidas todas as súas comunicacións, grábanse toas as súas intervencións orais ( con indicación de quen son os interlocutores) e fotocópianse as escritas, ademais de levar un estrito control de toda  a súa actividade, o cal supón estar nun cárcere dentro doutro cárcere. Pouco importa que foran declarados ilegais por parte do Tribunal Supremo, a súa fiolosofía e fondo permaneceron inalterábeis ao longo do tempo. Nestas circunstancias Xosé Luís Santos Cabanas debe visitar o seu fillo a máis de 650 quilómetros da súa casa. As crónicas destas visitas constitúen o motivo desta publicación. Achegar novas do exterior é o que racha un pouco  a monotonía carceraria (ler, pintar, estudar, atletismo) do recluso, en tanto que para os que estamos no exterior as novas agardadas son as do estado do reclusodentro no cárcere, mais estas vólvense monótonas de xeito que é capacidade de observación do autor o que dota as crónicas de variedade e interese, nunha prosa que cualifica o prologuista (Xabier Cordal) con moito acerto como “culta, serena, sabia en citas” (9)

                     Internado no Centro Penitenciario Madrid VI, en Aranjuez, a 28 quilómetros pola estrada Aranjuez-Toledo, salienta o carácter inhóspito da xeografía castelá, así como as pouco “aseadas” condicións en que deben facer a visita ou o vis a vis. Estas cirunstancias só melllorarán cando recluso pase a estar internado no Centro Penitenciario La Moraleja, de Dueñas, Palencia, polo menos as plantas deixan de ter sede e as condicións do preso tamén melloran un pouco. Do resto, a monotonía carceraria só se ve interrompida pola voda con Maria Osorio en Villabona. Ou nas datas do xuízo, do que foron expulsos todos os peritos presentados pola defensa. Porque senón todos os días son o mesmo día a non ser cando tes visita e che chegan novas do exterior.

                     Estarrecedora reportaxe de cómo a Audiencia Nacional, sucesora do franquista Tribunal de Orden Público, é quen de truncar a vida dunha persoa, o preso, con tal favorecer determinados intereses ideolóxicos, a existencia en Galiza dun grupo terrorista, por moito que a realidade demostre o contrario. Como truncar  vida dunha persoa, e tamén a dos seus achegados: Pois o sistema penitenciario español non ten como obxectivo a reiserción do preso na sociedade, senón a  súa punición, tamén a través dos seus achegados mediante a dispersión polo territorio do estado español, causa estupor e vergoña allea como unha persoa pode ser apresada e mantida sen xuízo ,e sen saber exactamente de que é acusado, durante tanto tempo.

                     Novas do extrerior conta tamén con epiloguistas do talle de Xosé Antón Laxe Martiñán e Francisco Fernández Rei, así como un corpo de anexos con obxectivo probatorio das reportaxes que o precisaban, entre os cales salienta un artigo de  Nuria Güell sobre os F.I,E.S. e outro de Sabtiago Alba Rico, ambos e dous traducidos ao galego.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.