ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de POEMAS BIROLLOS PARA LER COS OLLOS ( Fran Alonso, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 14 Setembro 2016 @ 6:08 p.m.

POESÍA VISUAL PARA NENOS E NENAS

Tïtulo: Poemas birollos para ler cos ollos

Autor: Fran Alonso

Editorial: Xerais

Ninguén discute o nivel acadado pola poesía galega para adultos, porén, cando se trata do público lector máis  novo, esta aparece aínda moi ligada ás vellas fórmulas poética da rima e o ritmo case con exclusividade.Non é só que o digamos nós. O mesmo autor, na entrevista que pecha o volume, chega a consideracións similares, pois o propósito deste libro é achegar os nenos e  nenas á poesía visual, a poesía máis vangardista que se fai hoxe en día. Desde aquí saudamos este propósito de aggiornamento como algo moi necesario para que nenos e nenas non perdan unha parte da mellor poesía que se vén facendo hoxe en día. En parte, este propósito ten moito que ver con O meu gato é un poeta, mais como o mesmo autor indica aquí “dáselle prioridade a converter os poemas en cadros” (69), a salientar a parte gráfica, o que vén sendo a poesía visual, e mais tamén ten unha importante presenza a oralidade, aspecto moi importante  para este tipo de público lector e que axuda moito a incardinar este tipo de poesía anovadora dentro da tradición.

Poemas birollos para ler cos ollos superan a concepción do poema como texto, de feito o texto, con ser imprescindibel na arte da palabra, só é un elemento visual máis, salientando esa parte súa, a visual, mediante técnicas gráficas que ao poeta común se lle adoitan escapar. A poesía é infinita / coma o universo; / un pozo de palabras sen fondo / que nunca se acaba.Porén a poesía fai preguntas!. A poesía son palabras bailando na punta da lingua. A poesía é un globo cheo de palabras que berran. A poesía é a maxia que se fai coas palabras.Distintas concepcións da poesía ou unha  e única que se fai diversa? O único certo é que aquí non funciona  a concepción tradicional de poesía. Ou si, pero máis ampla ao botar man de recursos gráficos que  a poesía tradicional ten como aliterarios aínda que tamén faga uso dalgúns ben integrados na poesía tradicional, como  o caligrama, que se repite ao longo do libro en varias ocasións. Tamaén se xoga coas colores e coa dipsosición gráfica do texto, ás veces en forma de diagrama e  repetindo elementos gráficos (sempre o gatiño nalgunha parte do cadro que é o poema,lembranza do seu anterior poemario O meu gato é un poeta) ou salientando dalgunha maneira parte do texto, aínda que non é imprescindíbel, coma en “Diálogo absurdo ou poema parvo”

Unha forma lúdica de achegar os máis cativos á poesía, á poesía dos grandes, e sen perder nin un ápice de seriedade, porque aos ollos dun adulto toda  simpleza desta poesía de Fran Alonso son portas abertas a novas concepcións da poesía, que entran polos nosos ollos coma cos cativos: cun lote de estrañeza debaixo do brazo, a mesma que nos mantén espertos e atentos a cada nova páxina ( sen numerar) que lemos/contemplamos. E como de ludismo estamos a falar cómpre non esquecer que co poemario vai asociado un videoxogo co que se pode experiementar en internet no seguinte enderezo: https://scratch.mit.edu/projects/92848953/

Poemas birollos para ler cos ollos é un estupendo agasallo para nenos e  nenas, unha forma sinxela e efectiva de achegarlles a poesía, unha poesía nova, que pode nacer de claquera recurso, literario ou non, que nos lebra moito o que tamén vén facendo Carlos Negro, de quen hai nada traïamos a estas páxinas Masculino singular, tamén en Xerais, que explora poesía desde a fronteira poética e cada poema pode xurdir do recurso máis inagardado ou inclusive duns noutros.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.