ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de PLACEBO ( Jaureguízar, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 5 Outubro 2016 @ 6:42 p.m.

UNHA SEGUNDA OPORTUNIDADE

Título: Placebo

Autor: Jaureguizar

Editorial: Xerais

Desde 2008 ( O globo de Shakespeare,Xerais) non sabiamos nada de Jaureguizar na narrativa para adultos de xeito que esta Placebo non só é unha novidade senón tamén reencontro. Reencontro dun autor nada compracente, nada ortodoxo, de prosa incisiva, descarada. Hoxe, no outono de 2016, proponnos un proxecto narrativo que representa unha segunda oportunidade, que é un mirar  a vida e atopala insatisfactoria polo que ben merecemos esta sgunda oportunidade para rematala da mellor maneira posíbel. Non é que o autor bravú perdera o ferrete, senón que desta vez vólveo á vida en xeral, ao amor en particular, para miralos de cara a cara e concluír que para resulteren aceptábeis precisamos unha segunda oportunidade que nos permita desvivir o mal vivido, re-vivir o que aínda nos queda baixo novas condicións que excedan o monte de insatisfaccións que fomos acumulando, reatopar a vida de novo e zugarlle todo o zume que esta estea disposta a deixarnos libar. O amor, o amor é un tándem ao que soben dúas persoas dun xeito azaroso e irracional, aínda que a elas lles parece consciente e voluntario (148) ese grande misterio que nos mantén ergueitos e no nome do cal vivimos os nosos días, polo que estamos dispostos a pagar o resto das nosas vidas.

                     A novela preséntanos a Roi, que despois dun accidente no aeroporto de París volve á casa con amnesia. E xa non é o mesmo  Roi, ben se decata a  súa dona, Beatriz, coa que está a apiques de iniciar trámites de divorcio e que con este novo Roi se sente á vontade e renuncia a continuar. Mais para engadir máis leña ao lume, resulta que este Roi tamén tiña unha amante, Helena, que tamén estaba a piques de divorciarse para viviren xuntos. O que acontece é que este novo Roi parece moi satisfeito con Beatriz polo que el si renuncia ás novas experiencias que lle ofrece Helena, a súa amante.Porén aínda todo é demasiado sinxelo. No fondo aniña a crise económica. Ela é a que leva a Roi a París, procurando vías de financiación para o concesionario que ten en Ribadeo e que o está a pasar mal. Alí, en París, vive o seu irmán xemelgo, a quen acode pedindo axuda, pois as cousas parece que lle van moi ben. Entón, máis que  memoria individual de Roi, a novela vólvese a historia familiar de Roi e o seu irmán. Unha historia familiar rota, pois os pais teñen que fuxir de Ribadeo por culpa do golpe de estado franquista. Alí malviven como poden até que a nai regresa a Ribadeo cun dos irmáns,  outro fica en París. A novela reconstrúe esa historia familiar rota, na que Roi e a  súa nai non se levan.

                     Placebo está escrita en primeira persoa, a primeira persoa que que agardamos dunha sociedade consumista, moi atenta á descrición, á marca, á posesión. É unha novela realista e sentimental, onde o amor é ese placebo que anuncia o título. Unha substancia que carece de accción curativa mais que o doente tómaa convencido de que é realmente eficaz; ten o aspecto, gusto e forma dun medicamento verdadeiro mais non posúe princio activo ningún. Por iso o de sentimental hai que tomalo ente comiñas, descarnadamente sentimental. Os sentimentos teñen moito que ver na trama novelesca, sen eles non existiría trama, toda a  trama se apoia neles, na procura da felicdade ou, por non ser tan optimista, da mellor maneira de pasar os días neste mundo. Os protagonistas cren que merecen unha segunda oportunidade, e a novela plantexa esa segunda oportunidade, como  a única maneira de saír airoso deste conflito que se  chama vida. A única maneira de saír airoso aínda que sexa mediante o efecto placebo que os sentimentos operan neles.

                     Jaureguizar xoga coas emocións e logra unha novela emocionante. Cunha estrutura baseada no trío alternante, é Beatriz o auténtico nó da novela, sendo Roi e o seu irmán o complemento que precisa para ser feliz, para resistir nesta vida. Eles son os seus placebos. Visión descorazonadora da vida, se  se quere, mais aquí é onde hai que preguntarse se os placebos son realmente eficaces, como mínimo como paliativos da dor que resulta inherente ao feito de  existir. Se polo menos ese placebo está aí sempre será mellor ca nada, sempre poderemos dicir que aínda nos queda, polo menos, ese placebo, ineficaz, si, mais aparentemente efectivo, polo menos aparentemente. Jaureguizar xoga coas emocións nunha novela falsamente sinxela porque xa se está a ver todas as cavilacións a  que dá  lugar.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.