ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de TODO SER HUMANO É UN RÍO (Manuel Veiga, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 19 Outubro 2016 @ 6:09 p.m.

O ILUSTRADO, SOBRE A  VIDA

Título: Todo ser humano é un río

Autor: Manuel Veiga Taboada

Editorial: Xerais

A trama deixou de ser un compoñente fundamental da novela hai ben tempo, como nos lembra Manuel Veiga e Todo ser humano é un río. Que na presentación editorial non se aluda ao  termo novela xa nos debe facer sospeitar que imos adentrarnos nun xénero fronteirizo. No seu lugar fálase de “historia”, pero non se trata dunha historia novelesca senón que obedece a un concepto moito máis amplo. Todo ser humano é un río é, en principio, a historia dun grupo de xente que se adentran na montaña, entre Galiza e Portugal, Serra do Leboreiro, o cal permite ao autor comentar libremente sobre o paso do tempo, sobre o acontecer histórico que permiten ver ou suxiren as pedras que conformaron as edificacións históricas. Entre as diversas suxestións que se lles aparecen e os relatos de xente que aínda queda na montaña confórmase a prosa deste peculiar libro que resulta moi difícil adscribir a  un único xénero. Porén isto é só o comezo, na procura de castelos na Penagache, e non contempla aínda a caracterísitica máis defintoria do libro, que  é a profusión de citas e autores incorporados á narración, con preferencia para escritores e pintores mais tamén con algunha incursión na sétima arte. Esta é de tal magnitude que renunciamos a ofrecer aquí nin sequera unha mostra pois serían moitos os esquecidos que quedarían no tinteiro. Pasados estes primeiros capítulos, o libro céntrase na descomposición da vida no campo, a súa conforontación coa vida cidadá e mesmo a diferenza entre a forma de vida mariñeira e a labrega, as distintas maneiras de entender  vida que hai no campo e no mar. Todo isto dá do autor a imaxe dun ilustrado do século XXI, posuidor de moitos e varidos saberes que nos ofrece nunha única narración con forma de historia, na que participan personaxes reais como Felipe Castro e, xa no final, Rosenda e Matías.

                     Pasados os primeiros capítulos, a narración céntrase en Monforte e adquire tintes autobiográficos, de estar centrado en vidas alleas pasa a ter como centro a propia historia familiar, en Monforte de Lemos e tamén en Diomonde, ás beiras do Miño, pero non será este o único río que alimente a narración, pois a esta tamén lle cómpre o concurso do Sil, Lor, Lóuzara, Mao e, naturalmente, o Cabe, como río que atravesa Monforte aínda que a vida monfortina estivo máis condicionada polas travesas do ferrocarril que polo feito de ser cidade atravesada polo Cabe.E, de Monforte falando, chega o momento de referirse a Manuel María, autor que pasa 40 anos en Monforte, pero Monforte case non se beneficia en nada de ter entre os seus veiños alguén do talle de Manuel María. Conta Manuel Veiga, e aquí o ton da narración xa se volve xornalístico, como Monforte non soubo integrar na súa vida a Manuel María e aínda lle tiñan algún medo por se influía nas novas xeracións. Pouco máis tarde serán Lois Pereiro e Sabela Ojea os destinatarios dos seus comentarios. Pois se coñeceu a Manuel María, tamén fixo o mesmo con Lois e Sabela, aínda que non fora membro do seu círculo íntimo as súas palabras teñen un valor importante polo atinado das súas conclusións.

                     Mais queda aínda o capítulo máis importante do libro, “Casa vixiada”. Se nos capítulos anteriores a profusión de citas e autores diminuíra considerablemente, aquí vólvese retomar aínda con maior proliferación. Permítasenos acudir a unha delas para mellor dar conta deste capítulo, trátase do conto de Cortázar “Casa tomada”, onde os seus moradores van recuando na habitabilidade da casa a medida que van sentindo uns ruídos raros até marcharen dela definitivamente, moi semellante ao que acontece co schmürz de Voris Vian, onde os habitantes dunha casa tamén van recuando mentres a guerra os vai  afectando cada vez máis até deixala por completo. Pois neste caso falamos do movemento contrario. Trátase do Pazo dos Muíños de Antero, preto de Monforte, onde vai hospedarse o protagonista, quen vai coñecendo e describíndonos este singular pazo páxina a páxina, coñecéndoo páxina a páxina cada vez mellor de feito que neste caso non se trata dun abandono senón dunha apropiación mediante o coñecemento, apropiación que o protagonista vai compartindo con nós até dar conta da súa rica historia, personaxe a personaxe. Constituíndo un conto longo ou mesmo unha novela breve dentro do conxunto do libro.

                     Todo ser humano é un río (de memoria) constitúe o libro dun ilustrado do século XXI, impagábel polos seus atinados xuízos, sempre ben ilustrados en citas, a cerca dos diversos temas que a vida, e estas páxinas, nos van poñendo diante dos ollos.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.