ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de VINTE FRAGMENTOS DE MOCIDADE VORAZ (Tito Pérez Pérez, Toxosoutos)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 26 Outubro 2016 @ 8:24 p.m.

MOCIDADE E REALISMO

Tïtulo: Vinte fragmentos de mocidade voraz

Autor: Tito Pérez Pérez

Editorial: Toxosoutos

Voraz. Que sentido ten a mocidade se non é erguerse cada día para comer o mundo? Certo, tamén hai quen fai a mocidade equivalente de carencia de xuízo. E, se cadra é por iso mesmo, dirán os máis conservadores, o non ter unha perspectiva xusta das cousas lévaos a enfrontaren empresas que teñen máis de idealismo que de practicidade. A perspectiva xusta, xa estamos co xusto medio, co centro eterno, dirán os máis afoutos, porque que terá que ver iso con sentírense insatisfeitos nun mundo inxusto e quereren cambialo? Mais o certo é que é a mocidade a época da vida que se identifica coa vontade de procuraren meirande cotas de xustiza social. Velaí a voracidade. E porque restrinxir a voracidade unicamente á mocidade? Acaso esa voracidade non é tan necesaria en calquera outra época da vida do ser humano? Como mínimo felicitémonos porque haxa quen na madurez segue conservando esa voracidade.

                     Esa é voracidade que agardamos nada máis ler o título, mais non o seu único sentido de voraz. Porque o que atopamos é un exercicio de realismo que nada ten que ver co idealismo. Como se di na presentación editorial aquí non atoparemos compracencia, nin optimismo, nin autoaxuda. Desde a  primeira páxina, e afondando no acontecer colectivo de xeito minucioso e descarado, a obra convida a reflexionar sobre aquilo que está e preferimos ignorar. Un espello no que contemplar a nosa faciana máis censurábel. Esa que nos está a consumir vorazmente. A mocidade que atopamos aquí xoga a tenis, vota ao chou, vai de putas, é futboleira, falan galego mentres os maiores lles falan castelán, viven nunha sociedade que confunde educación con racismo, coa ilusión de montar un bisnniss, mais sen outra esperanza, sen outro folgo que lles alimente as ganas de prosperar. Un xeito de tirar da manta e deixar ao descuberto a verdadeira mocidade que vive a carón de nós, que no derradeiro dos relatos filosofa nun parladoiro onde beber é o único lóxico porque a deriva temática que nos ofrecen os protagonistas, no que é  o máis traballado relato do libro, non ten trascendencia ningunha.

                     Hai que valorar tamén o feito de rescatar a ética para o primeiro plano da actualidade, cousa que estamos pouco habituados a ler. E o mesmo feito de que o autor sexa aínda mozo ( A Coruña, 1983) ofrece unha perspectiva que afonda no realismo que preside a obra, porque, antes ca nada, Vinte frgamentos de mocidade voraz é un exercicio de  realismo en formato curto pois, agás o derradeiro, os outro dezanove son relatos curtos. En total vinte fragmentos de vida realista da mocidade de hoxe, unha mocidade carente de valores mais duns valores que os adultos non lles souberon ou quixeron transmitir. Sería moi doado cebarse nesa carencia de valores mais o certo é que viven nunha sociedade que nin llelos demanda nin se preocupou de que lles foran transmitidos. Vinte fragmentos da mocidade que temos, vinte panorámicas sobre ela, poden parecer poucas e en realidade son o que son, máis ca se ninguén se ocupase de analizar a mocidade que temos hoxe en día e se preocupase, despois, de darlle forma literaria, de darlle forma literaria fragmentaria ao que, de ningunha maneira, posúe carácter totalizador. Así que é misión do lector avaliar ata que punto esa mocidade fragmentaria que se nos transmite é quen de dar unha imaxe certerira da mocidade que temos, da mocidade que vive a carón de nós.

                     Tito Pérez Pérez, autor novo e xa édito, polo cal expresamos aquí a nosa ledicia, déixanos nestes Vinte fragmentos de mocidade voraz un realista aviso da mocidade dos nosos días. Agora cómpre a debida reflexión por parte de todos. Por parte da mocidade: a onde vai por este camiño? Por parte dos adultos: que erros cometemos para que  a mocidade nos saíra así? Porque de pouco serve un libro se non se reflexiona a redor del. Sen o ronsel reflexivo a que dea lugar fica como unha flor murcha no medio dunha primavera, agardando que se pense cales foron as causas da súa morte, por se hai lugar a  arrepentimento e e/ou expiación propicios para que tal cousa non volva a suceder. Polo ben da mocidade e polo noso ben.

Na parte negativa, o pouco coidado no uso do pronome persoal átono, con casos de lleísmo e de cheísmo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.