ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de NON HAI OUTRO CAMIÑO (Isaac Xubín, Xerais)

NOVELA CORAL

Título: Non hai outro camiño

Autor: Isaac Xubín

Editorial: Xerais.

Non hai moito advertiamaos do descrédito da trama como artificio novelesco, a propósito de Todo home é como un río (Manuel Veiga, Xerais) e non viría mal un comezo semellante para esta crónica, que na presentación editorial tamén elude falar de novela, ficando no termo neutro historia. Porén, nesta ocasión si podemos falar de novela dun xeito máis ortodoxo, porque lle acae ás mil marabillas o subxénero da novela coral. Porque, en efecto, toda a novela son as personaxes. Radoslav, Goran, Kamil, Nevenka, Aleksandra, Anja, Cezar, Tomislav, Natalija, Milos, Uros, Magdola, Danjela, Slobodan, Isakovic, Nada, Vladimirovich, Hrvoje Teodosic, Aspasia, comandante Hajrudinovic,…mais tamén Picallo e Martínez, tecen entre eles unhas relacións que son o núcleo de Non hai outro camiño, título que entre outras cousas tamén fai referencia a que, hoxe por hoxe, quizá non hai outro camiño para construír unha novela dos nosos días. En concreto, a de Isaac Xubín consiste na sucesión de relatos que teñen como protagonistas os xa mencionados, unha mestura de nomes croatas e galegos para dar conta da vida dunha cidade Staro Selo –non confundir coa cidade croata do mesmo nome, porque esta é portuaria, ribeireña do Mediterráneo e cunha gastronomía que aos galegos se nos fai moi familiar- e mais da zadruga próxima.

                     O camiño para (re)construír a vida de Staro Selo é ir enfiando os relatos que entre todos eles van vivindo. Relatos que parecen independentes, e sono, polo menos nun principio, porque despois van interrelacionándose até dar vida á cidade de Staro Selo, con protagonismo para todas as clases sociais e idades mais con preferencia para  unha mocidade que non ten nada claro o futuro. Un caso moi elocuente é o de Anja, moza que non sabe se quere ser bióloga, mecánica ou poeta, porén non teñen presente nin futuro máis claros os que teñen traballo e e estudos, como ben pode exemplificar Radoslav, que acaba adicándose ao tráfico de substancias estupefacientes, como complemento ao seu salario e despois xa como mundo no que se integra. De xeito que Staro Selo remata por ser un símbolo ou prototipo de calquera cidade portuaria, que medra descontroladamente e ten moi marcados os barrios segundo a clase social a que se pertenza. Igual que os seus moradores protagonistas nesta novela son símbolo ou prototipo da nosa sociedade actual. Polo que ben se pode dicir que Non hai outro camiño  é unha ficción na que se mira a realidade, un pouco como aconteceu coa Nova Narrativa Galega.

                     De feito, a comparanza ofrece unha posibilidade de reflexión para non desbotar. Se a NNG nos avisaba dos perigos da alienación, a de Staro Selo é unha sociedade que non se pode dicir que estea desalienada senón que reflicte unha situación de desorientación calquera que sexa a clase social a que pertenza a personaxe. Como advertiu Anxo Angueira na presentación en Vigo, logo de lembrar que como en Bretaña Esmeraldina e Retorno a Tagen Ata aquí se emprega o recuros ao estrañamento, “Non hai outro camiño é unha novela vinculada con outras dúas obras de Ferrín, Elipsis e outras sombras e  Arrabaldo do norte, onde explicitamente aparece o nome de Staro Selo, obras ambas as dúas que falan da alienación, a de inviduos presos por un estado de cousas”. Un estado de cousas que non muda malia a existencia dunha Resistencia que acaba por botar por terra o Casino, no que é toda unha declaración de intereses que tamén se pode vincular con Vicente Risco a través da celebración no devandito lugar do baile das debutantes.

                     A novela de Isaac Xubín está construída a base de relatos moi ben traballados e de remate climático, só no segundo capítulo se  salta esta estratexia. E non agacha a finalidade de influír na sociedade que de xeito especular reflicte, sobre todo está patente isto no remate. Non se  trata, pois, de literatura de usar e tirar. Chega para quedarse e non de calquera maneira senón a carón daqueles títulos que, desde a arte literaria, reflexionan máis certeiramente sobre a sociedade que nos toca vivir. Nela contraponse a cidade de Staro Selo coa zadruga da que todos proceden e onde os cabalos choutaban ceibos, no que é un discurso sobre a identidade e como esta se vai forxando, correspondendo aos anos da zadruga os anos de meirande interese en canto á formación, mentres a vida en Strao Selo é un devir sen sentido concreto onde os máis non queren facer outra cousa que deixarse levar pola gravidade, pola vertixe da espiral retorta da resignación e  o autoodio (246).

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.