ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

dialogando

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,LITERATURA MÍNIMA,POLÍTICA, SOCIEDADE, CULTURA — 7 Novembro 2016 @ 7:15 p.m.

Non hai moito, Carlos Lema escribía este atigo sobre o esmorecemento da ambición literaria. O tema é de tal trascendencia que axiña naceron en min ganas de responder. Non é que eu queira rebater o nel exposto, mais si clarificar un par de aspectos. E comezaremos por deixar ben claro que a noso xuízo non se escribe un libro, independentemente do xénero, sen unha boa dose de ambición. Por iso é especialmente grave o tema, se nos esmorece a ambición literaria, se caemos nun estado de cousas predicíbel e reiterado, entón é que a cousa está moi mal e cómpre urxentemente un algo que nos revolucione, que nos evolucione.Son pouco frecuentes os intentos de inducir unha reflexión teórica —xa non digamos un debate—, especialmente sobre os criterios que hoxe en día son expresión dunha heteronomía dominante. Di o Carlos, e por iso agardamos deica agora. Non é só que sexan pouco frecuentes, ou  menos frecuente ca nosutros sistemas literarios. Habelos hainos, ou habelos hóuboos, e foron escritos. Mais nos días que vivimos o escrito conta cun tempo de impacto terribelmente breve, de xeito que non hai tempo para calibrar correctamente e como se merece as novas propostas. Hoxe todo é flor de un día. A brevidade da actualidade das novas propostas provoca iso, que vivamos nun presente contínuo que debulla día a día as novas propostas. Ese día a día fai que mañá esquezamos a proposta que hoxe se nos fixo, é dicir, outra das caracterísiticas do tempo que vivimos é o esquecemento inmediato, consecuencia da brevidade do tempo de impacto.

Entre ambas e dúas combínanse de xeito que o artigo do Carlos merece máis atención aínda, resulta case inevitábel que, pouco  a pouco, cheguemos a ese esmorecemento da ambición. Se hai uns esquemas que funcionan repítense e xa está. É o modo de funcionar. E parece ser aceptado. Non porque non haxa escritos que supoñan novas propostas, é que non dá tempo a dixerir o que realmente supoñen esas novas propostas, que é o que alteran no estado de cousas e que supón o que de novo nos presentan. Iso se é que nestes tempos se pode presentar algunha novidade, queixa que xa foi abondo exposta e na que non acreditamos. Todo o contrario, e remitímonos ao xa exposto nas liñas anteriores.

Comprenderase agora que decidiramos agardar este tempo na resposta, coa esperanza de que deste xeito combatamos o esquezo inmediato e o escaso tempo de impacto do que supón o artigo do Carlos. Ao que queremos engadir un feito realmente trascendente. Non é que non haxa novas propostas dentro dos esquemas da literatura tradicional herdada, do que vimos de falar. A partir dos anos 70 do pasado século comezaron a ser sentadas as bases dun novo xeito de facer literatura, a chamada literatura hiperbreve ou literatura mínima é un tipo de literatura á marxe da litertaura tradicional herdada, supón todo un cambio de sistema. Nos anos 90 produciuse un boom en canto ao estudo destes textos minúsculos e hoxe están xa descritos teoricamente inclusive entre nós. Iso foi o que tentamos facer co noso Nin che conto.

En todo caso agradecer ao Carlos a  súa claridade de visión, esa alerta que debera supor máis que este triste artigo de resposta. Queda por ver até que punto o artigo produciu o ronsel de reflexións de que debería ser obxecto. Parece que non resultou todo o polémico que debera e merecía dada a trascendencia do tema, o cal é unha mala nova. Que é  o que hai que dicir para que se mova algo nesta nosa literatura? Ou como é que hai que dicilo? Porque tamén pode ser cousa diso, da maneira. É triste, mais é así. O Carlos non se mete con ninguén, non era necesario nin ese é o seu estilo. Mais esa é a forma de crear polémica. Tristemente, repito.

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.