ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de BÁGOAS NA CHUVIA (Plácido Betanzos, Fervenza)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 9 Novembro 2016 @ 7:20 p.m.

NOVELA DE AUTOAXUDA PARA MULLERES MALTRATADAS

Título: Bágoas na chuvia

Autor: Plácido Betanzos

Editorial: Fervenza

É abrir un xornal, escoitar a radio ou poñer a televisión, a lacra social dos crimes por sexo, a mal chamada violencia de xénero, asáltanos con tanta frecuencia que xa se converteu nun tema tópico da prensa de sucesos. Poucos adxectivos quedan xa para referirse ao caso. Covarde, seméllanos o máis acaído, porque sempre, sempre, se trata de violencia exercida nun ser máis débil. Mais nin que llos apuxeramos todos un a un darían conta xusta do noxo que nos producen estes casos. E ben merecían unha novela, a actualidade que significan ben merece unha novela de cando en cando. E nesta ocasión o autor é Plácido Betanzos e a obra a que traemos a estas páxinas, édita na editorial Fervenza. Porque é deber de toda literatura dar conta do que acontece na sociedade, o contrario significa mentir. E na sociedade galega, coma en calquera outra, os crimes de sexo están, infortunadamente, á orde do día. Así é que o autor só nos devolve a posibilidade asistirmos pormenorizadamente a un destes casos de violencia machista. Para que tomemos boa conta do horror padecido por estas mulleres maltratadas, baixemos os ollos e durante unhas horas os manteñamos fixos na realidade do maltrato ás mulleres, en lugar de pasar páxina, en lugar da brevidade da noticia radiofónica, en lugar do tópico audiovisual que axiña deixará lugar a outra noticia. Porque, por moi netivos que sexan os adxectivos cualificadores destes actos, xa estamos afeitos a convivir con eles. Xa estamos afeitos a convivir con eles mais sen a fondura de deternos nods pormenores do caso. A sociedade en que vivimos é así. Alarmista e inconsciente á vez.

                     Rosa, muller casada con Xermán e cun fillo, é maltrtada por este até o extremo de rematar nun hospital. Non é un maltrato fortuíto, nunca o é. Viña sendo sistematicamente maltratada polo seu home, minusvalorizándoa en público e en privado, mesmo a ollos do seu fillo a trataba coma unha desequilibrada á que tiñan que axudar, de xeito que o seu fillo nun ten conciencia do maltrato que está padecendo a nai, todo o contrario, para el seu pai é un modelo á seguir, triunfador na vida e que se preocupa por súa nai. Realmente ninguén ten conciencia do maltrato que sofre, a ollos da sociedade Xermán é un triunfador que coida da desequilibrada da súa muller. Ninguén. Até que chega ao hospital.

Entón si. Todo se volve doutra color. No hospital axúdana, un psiquiatra ocúpase do seu caso e entón a   novela colle o ar dunha enorme corrente de conciencia. Nuns casos e o psiquiatra e noutros a propia Rosa, solidariamente reviven a historia dunha muller que xa de nena fora educada para ser maltratada, pois os seus pais tamén a minusvalorizaban decote.

                     Todo muda a partir de aí. Primeiro, nun piso de acollida, atópase casos similares ao seu. Mais é realmente cando lle ofrecen un traballo que unha nova Rosa nace. Independente. Diferente. Dona de si mesma. Disposta a enfrontar  vida por si mesma, co baldón do negro pasado, do maltrato continuado, sempre na lembranza. Mais é iso precisamente o que a fai valorizar moito cada novo día, cada nova conquista da súa liberdade recén estreada.Quéixase entón o autor das poucas medidas de protección social que ofrece a sociedade e que os mundos da política e do poder viaxan por outros camiños, realmente parece que só lles importan aos medios de comunicación, outra noticia para alimentar a crónica se sucesos, con palabras máis gordas ca onte, con meirande sensacionalismo ca onte, para nada, porque ten toda a razón o autor, as medidas de protección social son nulas. Case inexistentes. Unha excusa para dicir que se fixo algo, para limpar unha conciencia ennegrecida por un machismo contra o que non se loita, que se tolera a súa existencia.

                     Moito ten que mudar a sociedade para que algo cambie, se se quere que esta lacra sexa historia. Primeiro tomar conciencia de que aí hai un problema. Os medios de comunicación alertan decote da súa existencia. Mais é a sociedade a que ten que reaccionar. Erradicar todos os comportamentos machistas, en primeiro lugar, que a igualdade dos dous sexos sexa efectiva na sociedade, non tolerar ningunha imposición dun sobre do outro. É o primeiro paso. E imprescindíbel. E non se está a facer. Conscientemente estase a obviar permitindo que todo siga igual, dando por bon este estado de cousas no cal florece o machismo. Consentindo, mesmo vendo con bos ollos, o patriarcalsimo social no que vivimos. Malia todos os logros do feminismo, estamos fartos de comprobar como hai unha parte da sociedade que se sente cómoda mentres todo siga igual. E así non hai maneira. Porque non se trata dunha competición de homes contra mulleres. Nin todas as mulleres son feministas. Resulta doloroso comprobar como entre elas aínda hai un bo número que non sente o machismo como un problema, que se sente cómoda neste estado de cousas.

                     Fronte a isto, dicir que no texto hai vulgarismos e mesmo castelanismos parece unha broma de mal gusto, entre outras cousas porque o autor quixo deixarnos o mellor de si e esmerouse no labor.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.