ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A MALETA DE VICTORIA KENT

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 16 Novembro 2016 @ 7:47 p.m.

VINGANZA

Título: A maleta de Victoria Kent

Autor: Xerardo AgraFoxo

Editorial: Galaxia

Moitas son as novelas que se teñen escrito sobre a Guerra Civil e esta non é unha máis. Moitas son e nunca serán poucas non porque se trate de facer xustiza a unha inafamia que comezou cun golpe de estado por parte de xenerais que non souberon aceptar o triunfo popular e democrático da República. Abondaría iso para que nunca foran poucas. E moito se ten escrito que na Galiza non houbo Guerra Civil, cando a masacre planificada foi peor ca ningunha guerra. Porque nunha guerra mátase e mórrese, sempre sen razón. Mais cando se trata dunha masacre planificada, dunha depuración humana perfectamente dirixida e orquestrada, ningunha guerra se aproxima ao horror que a sociedade padece. Horror e amputación, porque, de súpeto, esa sociedade áchase desprovista dos seus homes e  mulleres máis valiosos, aqueles que loitaran pola liberdade  e a igualdade. Sempre son eses, nunca son os asasinos os que acaban nas cunetas. Sempre son eles, os de meirande compromiso social, os loitadores pola mellora das condicións sociais en que se vive, os loitadores contra o caciquismo que raquitiza a sociedade. Xerardo AgraFoxo lémbranolo moi ben nesta novela.

Tres día despois do comezo do Glorioso Alzamento Nacional, Liberto, un obreiro anarquista comprometido coa loita sindical en Portomaior,  intégrase nunha columna de mineiros que tentan para o golpe de estado en Santiago e despois na Coruña. Como consecuencia do caos en ambas e dúas cidades, e d ainutilidade da súa participación, regresa á casa con dúas opcións: tirarse ao monte ou fuxir nalgún dos vapores que saen do porto de Vigo. Primeiramente opta por entobarse no monte, mais visto que non se atopaba preparado para resisitir cando chegara o inverno e que non decide integrarse na resitencia, querera fuxir desde porto de Vigo. A desgracia quere que alí o apresen e retorne a Portomaior custodiado pola Garda Civil, cun futuro incertov istas as agarradas que mantivera co agora alacalde e mais con Serrabal, agora xefe da Falanxe local. A sorpendente aparición dunhas cartas que descobren unha relación amorosa entre Matilde, agora xefa da Sección Feminina, e muller do boticario da vila, con Balboa, xuíz de Portomairoe e viúvo, parecen condicionar o seu destino, pois el sabe quen as ten. Porén, o que de verdade condicionará o seu futuro é a morte dun dos irmáns Gasset, fillo de dona Matilde, que marchara alistado na Falanxe cara Asturias. Porque desde entón, e para vingar a morte do mozo Gasset, o lacalde  mais Serrabal confabulan e duncian ameazas por parte de Liberto. Falsas, mais trátase de dar un escarmento con Liberto.

A novela é a historia da vinganza por parte de Serrabal e mais o alcalde, como confabulan para que este, que non tiña as mans manchadas de sangue, remate morto en aras de deixar ben claro quen son os novos amos de Portomaior. E conta cuns perfís psicolóxicos delicados e ben construídos,que son o mellor da novela, non caendo no previsíbel de facer dos malos malísimos e dos bos boísimos, humanizando ambos de xeito que cobra especial importancia como confabulan para escarmentar a Liberto, como planifican a execución de Liberto. Que é o obxectivo final da novela, exemplificar como foi a planificada depuración social na Galiza. Como abondaba a malévola vontade duns cantos para condicionar o futuro dos que se significaran na loita sindical e/ou política. Pois esa foi a Guerra Civil que vivimos na Galiza, desde os primeiros momentos do Glorios Alzamento ata ben anos despois de que rematara a contenda.

Un factor que condiciona moito o resultado final da novela é o narrador, un narrador omnisicente en terceira persoa, tan forte, tan ríxido que non deixa que as personaxes se definan polo que fan senón que é el quen se ocupa de tal labor. Polo demais trátase dunha novela de factura clásica, que procura momentos climáticos para cada capítulo, de xeito que o lector quede prendido na lectura do que que é que pode pasar no seguinte capítulo. Sendo, así mesmo, unha novela senlleira na produción literaria de Xerardo AgraFoxo, no que as viaxes doitan ter moita importancia. Neste caso a única viaxe que se nos propón é a viaxe á ficción, tomando a ficción como exemplo do seu labor como historiador, o que o leva a lembrar a figura de Victoria Kent, avogada e política republicana que foi a primeira muller en ingresar no Colecio de Abogados de Madrid, así como tamén a primeira que, no mundo, exerceu como avogada nun tribunal militar.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.