ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A TEORÍA DOS CONTRARIOS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 30 Novembro 2016 @ 7:46 p.m.

NOVELA BREVE SOBRE O AMOR

Tïtulo: A teoría dos contrarios

Autor: Pere Tobaruela

Editorial: Edicións Embora

A teoría dos contrarios tamén é unha corrente filosófica de longo predicamento entre os gregos, agora tamén é unha novela breve sobre o amor da autoría de Pere Tobaruela. Anxo é fillo dun militar, polo tanto provén dun ambiente ríxido no que anuciar a  súa homosexualidade é moi difícil. Vai ao psicólogo durante un tempo e despois emancípase. Entón todo se volve máis doado e coñece  a Pedro, profesor de Historia da Arte especialista en Van Gogh. A chama prende entre eles e Pedro pasará a vivir con Anxo unha historia de amor que non está destinada a perdurar. No escenario aparecen novos actores. Enre eles está Luz, antiga esposa de Pedro, coa que só lle queda chegar a un divorcio o máis levadeiro posíbel, pero coa que acabará deitándose e distanciándose de Anxo. Mais esta historia de distanciamento dura pouco, entre eses novos actores está Andrés, camareiro no Casa Paco, bar frecuentado por Anxo e Pedro, un Andrés que tamén é homosexual e será nova parella de Anxo. Mais para entón o verdadeiro portagonista da novela xa é Pedro, o seu deambular por este mundo na procura dun pouco de amor, el que lle achacaba a Anxo que fora pouco definido, áchase nunha situación de soidade da que lle é moi complicado fuxir.

                     A teoría dos contrarios non  se cumpre. Seco-enxoito, finito-infinito, par-non…porén frío-morno-quente. Neste caso agardiriamos a oposición masculino-feminino, mais só unha vez se cumpre tal premisa coa oposición entre Luz e Pedro, porque no caso de Anxo-Pedro non podemos pensar en ningunha oposición xa que aínda que son diferentes personalidades en ningún caso son opostas. Esta é unha historia de amor que non entende de sexos, senón de desexo e sentimentos mais non é unha historia de polos opostos que se atraen, senón de liñas diverxentes que nalgún momento se tocan. Ese é o caso de Anxo e Pedro. Inclusive de Anxo e Andrés, se se quer, mais nunca son polos opostos senón caracteres diverxentes.

A teoría dos contrarios  é unha novela breve de amor fundamentalmente homosexual, son poucas as personaxes e non poden ser moitos os fíos que se tecen entre elas, ademais o ritmo narrativo é alto, os capítulos son breves en número de trinta, como se fora un ensaio para o premio de LVG, co que iso significa.

                     Eis unha lectura áxil, a contrafío do amor que a sociedade entende maioritarimente como  sexos opostos, mais que non etiqueta, foxe de calquera etiquetaxe e trascende os valores tradicionalmente entendidos como oposición sexual. Un convite a reflexionar sobre algo tan esvaradío como é o amor, o amor libre de preconceptos, o amor non suxeito aos prexuízos que tan comunmente adoitamos proxectar sobre el. Pola contra, aquí convídasenos á reflexión libre e descontaminada. Os amores de Pedro (Anxo, mais tamén Luz) ofrécenos a posibilidade de profundarmos a cerca do que é efectivamente o amor, o amor ceibe de ataduras sexuais, até que punto podemos amar sen a condicionante das peles en contacto, da suor compartida, do desexo sen freo. Porque o amor de Pedro por Anxo esváese precisamente condo este se deixa levar pola paixón, pola paixón irreflexiva. Existe de verdade a posibilidade dun amor fóra de toda continxencia paixonal? De verdade hai tanta diferenza entre o amor paixonal e o amor reflexivo e indiferente á paixón? De verdade é posíbel amor sen paixón? A xulgar polo que se establece en A teoría dos contrarios en ningún momento se fala de amor sen paixón, mais si de paixón sen amor.Pedro non se atoparía como se atopa, só, se fora quen de arrepoñerse ao asalto paixonal que o leva a consumar con Luz, aínda que nese amor estea vendida xa toda a cera que arde.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.