ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A FERIDA DO VENTO ( Antón Riveiro Coello, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 28 Decembro 2016 @ 7:38 p.m.

HOMENAXE A VENTO FERIDO

Título: A ferida do vento

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

No ano 2001, logo de presentaren en Santiago As rulas de Bakunin, houbo lugar a que Carlos Casares e Antón Riveiro Coello compatiran conversa a redor dos tolos. Carlos animouno a escribir un libro con todos eles, de feito que quedou adquirido un certo compromiso para a súa realización. Mais a idea quedou en nada deica  que en 2014 volveulle prender o desexo de realizar unha novela sobre a vila que o viu nacer (outra, Casas baratas xa é novela de Xinzo) que atendería tamén a encarga de Carlos Casares. Que no vindeiro 2017 se celebren os cincuenta anos de Vento ferido animouno aínda máis. E non digamos o feito de que 2017 sexa o ano de Carlos Casares para o Día das Letras Galegas.  Todo isto cóntao o  propio autor en palabras preliminares. Porén a homenaxe casariana está ben patente desde o título. “A ferida do vento” parécese tanta a “vento ferido” que non se agacha esa tentativa de homenaxear a obra de Carlos Casares mentres atendía a súa encarga.

                     A ferida do vento é unha novela de aprendizaxe situada no Xinzo de finais dos anos 70 do pasado século: mais non é unha novela da Transición. Si é unha novela de transición, mais da transición que conleva a pubertade. O protagonista central, Antón (pódese ollar aquí un alter ego do propio autor) regresa a Xinzo despois de pasar a parte final do curso nun internado, coa intención de reunirse con Gabriela, que o aceptara como mozo, entre outros pretendentes, nas anteriores vacións. Esta é a historia que turra da novela, a de Antón, que atopa en Xinzo que a súa Gabriela morreu,e durante uns poucos días, nos que acontece a trama, se debaterá entre o amor que lle tiña a Gabriela e outro novo que nace ao abeiro da estadía de Elsa na vila do Limia. Como se pode comprobar, esta historia non fai referencia ningunha a feridos polo vento, o que reforza a idea da homenaxe casariana. O que acontece é que Antón ten un avó que leva un rexistro de xentes “feridas polo vento”, dalgunha maneira alouladas, que hoxe pasarían por un máis coa correspondente medicación mais que no momento eran seres especiais, especiais e entrañábeis. Son estas personaxes secundarias as que dan título á novela. E usamos a palabra novela sen ningún tipo de vacilación, porque o saber narrativo de Antón Riveiro Coello evita que o texto fique nunha sucesión de anécdotas ou personaxes anecdóticas, dotando a novela dunha trama que integre todas estas personaxes secundarias mentres homexea Vento ferido e o propio Carlos Casares, que tamén forma parte da nómina de personaxes.

                     Marcelino ( O Xograr do Villalón), Tiroliro ( en que lugar de Galiza non hai/houbo un Tiroliro?), Demetrio o Forestal, Magín de Penaverde, O Fona, JB, Rafa Cacá, Picamoca, Quinito, Álvaro o Manequín…a todos eles lles entrou un vento frío na cabeza e deixounos como os deixou, seres excéntricos que nos obrigan a reflexionar sobre a unicidade do lóxico, pois son eles quen, sen pretendelo, ás veces actúan con máis lóxica có resto de mortais. Deste xeito a novela convértese nun artefacto entrañábel que desafía a convencionalidade establecida, posuidora dun humor moi fino e dunha sensibilidade exquisita A ferida do vento emociona aínda corazóns de pedra. Seguramente hai entre estes seres memorábeis quen é creación literaria e quen existiu de verdade, unha mestura de realidade e ficción que confirman o propio Carlos Casares ( coa súa dona) e mais o propio autor ao se incluíren na nómina de personaxes da novela. Unha novela que se le con moito agrado e na cal o anecdótico non cansa, nin se volve repetitivo nin se abusa del, aparecendo na xusta medida como para reivindicalo a pesar de aparecer encarnado en personaxes secundarias. Con agrado e intelixencia, pois hai no actuar deses seres memorábeis, unha sorte de intelixencia ( moitas veces emocional) que non son quen de ter as personaxes que representan persoas normais.

                     Mais non esquezamos que a novela ten unha estrutura cosida desde o eido experiencial dun adolescente, o que a volve especialmente recomendábel no ensino pois empatiza fortemente con este tramo de idade. A adolescencia, os primeiros contactos sexuais, as primeiras experiencias amorosas dunha idade tan sensíbel, están aquí presentes e  son o fío condutor da novela, desde o cal se lle dá voz ao catálogo de seres memorábeis do avó Mauro, personaxes que, secundarias, tamén foron introducidas de forma individual na trama, pois A ferida do vento tamén ten o seu de novela coral, de feito,o ser novela coral, á luz do título, remata por ser decisivo e o eixo narativo secundario, nunha novela que revolve os conceptos de lóxico e excéntrico.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.