ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O AMOR NOS ESCUROS DÍAS DE BIRKENAU (Alberto Canal, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 4 Xaneiro 2017 @ 9:18 p.m.

LITERATURA GALEGA UNIVERSAL

Título: O amor nos escuros días de Birkenau

Autor: Alberto Canal

Editorial: Xerais

Abondaría calquera trama situada no corazón máis interno da Galiza profunda, con calquera materia pode o escritor escribir para lectores alén das fronteiras, con calquera, porque a literatura é algo que está moi por riba da particularidade dos asuntos novelados. Pôrén, como fixo xa na súa primeira novela ( Conexión Tubinga, 2008) Alberto Canal demostra que non por usar como lingua literaraia o galego se ten que cinguir a temas localistas e atrévese cun motivo temático que pouco ten que ver coa Galiza máis que os mortos galegos que alí houbo: o campo de exterminio de Birkenau-Auswitch, que en realidade foi un complexo formado por diversos campos de concentración en Polonia. Deles, o de Birkenau, era campo de exterminio, non era campo de traballo, como foron outros, Monowitz, por exemplo, Birkenau era un campo de exterminio. Poucos escenarios máis dantescos de poden imaxinar para situar unha trama amorosa, como fai aquí Alberto Canal. Para iso acode ao derradeiro ano de funcionamento de Birkenau, inmeditamente antes de que os rusos chegaran e liberaran os alí retidos.

                     Ten sentido o amor entre a barbarie? É posíbel amosar sentimentos amorosos cando sabes que a túa vida está a piques de rematar? De verdade é posíbel demostar sentimentos amorosos nun lugar onde o odio aparece en concentración dificilmente superábel? Porque o dos nazis era puro odio ao que non fora puramente ario, particularmente aos xudeus mais tamén aos ciganos, por exemplo. E, dentro dese sentimento de puro odio, sitúanos no escenario máis desapidado de todos: o campo de exterminio de Birkenau, alí onde os odiados van ser gaseados antes de seren quimados, onde loitarán pola derradeira pinga de oxíxeno que os manteña en pé, pisando a quen sexa, mesmo familiares. Por iso o libro de Alberto Canal non deixa de ser estarrecedor, ao contar a frialdade coa que foi levado a cabo o holocausto, onde a vida dun xudeu non importaba absolutamente nada e se dispuña dela como se quería. A Cadela e a Besta, dúas personaxes ás que non se lles quixo nin asignar nome, exemplifican ben ás claras o inferno que foron sometidos os presos de Birkenau, particularmente as mulleres. Deles, dos xudeus, aproveitábase todo, até o cabelo, ou o pelo das partes máis intimas, pero sobre todo eran aproveitados como suxeitos de odio, como obxectos onde proxectar un odio noxento e inhumano.

                     Thomas Münch é un alemán anarquista, inimigo do nazismo, internado no campo de Birkenau. Entre el e a presa xudía Irene Rosenthal xorde o sentimento amoroso primeiramente a través das miradas, nas miradas que se regalaban furtivamente no pouco tempo en que podían coincidir xuntos. E ese sentimento vaise facendo máis forte segundo pasa o tempo. Paralelamente cóntase unha acción de sabotaxe por parte dos presos que ten lugar pouco antes da chegada liberadora do rusos a Birkenau, na que tamén toman parte Irene e Thomas. O resultado desta acción de sabotaxe será indiferente, por máis que existira na realidade, porque o realmente importante é dotar a trama dunha solución esperanzadora. O escenario é tan infrahumano que cómpre crear esperanza dalgún xeito, e o método escollido foi a acción de sabotaxe. Porque o que si é certo é que o amor non pode vivir moito tempo en Birkenau, que era un campo de exterminio, alí morrían todos, os presos e tamén os seus executores, para non deixar testemuño vivo do que realmente de facía alí.

                     De feito, as oportunidades para o amor en Bikernau son tan escasas que o día a día do campo de refuxiados pasa a ocupar boa parte da novela e esta vólvese estarrecedor testemuño do inferno que supuña estar alí preso. Igual ca o estudo dalgunhas personaxes, entre as que salienta o Supervisor, que contrariamente á Besta e á Cadela si ten nome, mais é un nome secreto, Abraham, nada menos, e exemplifica como algúns lles deron as costas ás súas orixes a fin de medrar dentro do organigrama do nazismo. O Supervisor, sempre tan ocupado en ser eficiente, é en certa maneira o oposto a Thomas, pois tamén Thomas de novo fora antisemita mais unha vez que o amor chama á súa porta acéptao. O Supervisor, protector de Thomas e á vez inimigo, pois non dubidará en facelo axustizar se cómpre, e tamén está namorado de Irene. Canda este estudo de personaxes chama a atención a importancia que teñen as artes, particularmente a música e o teatro, como escusa de que se está facendo algo humano no campo de exterminio. A súa beleza emociona aínda no inferno, aqueles seres condenados a morrer non tardando emociónanse, e  a súa emoción é verdadeira, non un finximento hipócrita coma o das autoridades do campo, atentas ao seu lucimento máis que a outra cousa.

Novela nada compracente mais de lectura obrigada.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.