ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O CANTO DA SIBILA (Rebeca Baceiredo, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 11 Xaneiro 2017 @ 7:27 p.m.

REBECA BACEIREDO, POETA

Tïtulo: O canto da Sibila

Autora: Rebeca Baceiredo

Aditorial: Galaxia

As sibilas son mulleres de grande sabedoría ás que se considera dotadas de don profético, na tradición mitolóxica. Tendo en conta isto, o  título instálase nunha intemporalidade verdadeiramente significativa, xa que proxecta o contido cara ao futuro, habida conta do seu carácter profético, ou cara ao pasado, visto que ese carécter profético foi emitido xa. Porén non son máis que poesías situadas no presente lector. Por outro lado afecta tamén á entidade poética, pois trátase da consideración da voz poética como voz profética, o que reviste as poesías do poemario dunha solemnidade moi  a ter en conta porque tal caracterización non se fai desde ningunha outra instancia mais resulta trascendental non esquecelo porque afecta á súa esencia. Unha esencia que se presenta no primeiro poema como retorno, retorno a unha voz poética fracturada, que se retorce sobre si para a (auto)contemplación, retorno á mensaxe escrita mais nun xénero diferente ao habitual na ensaísta filosófica que coñecemos. Esta poesía está escrita coas mesmas mans mais é puramente poesía. Equivocado andará quen pretenda achar nestes poemas implicacións ou contaminacións filosóficas claras. A voz que nos emociona coas súas manifestacións filosóficas e a que nos deleita co seu facer poético son ben diferentes e, se hai influencia dunha noutra quiza haxa que proceder ao revés, procurar a influencia da poesía no eido ensaístico.

                     A poesía de Rebeca Baceiredo é de corpo breve e significado intenso, no conxunto, coma unha chuvia de pérolas perfectamente engastadas. No particular, cada poema é unha fenda, unha pequena fenda no universo e tamén no indivíduo. O que non é é unha poesía da perdición, colle esta esponxa/frégate/faite aparecer (63), a voz poética é consciente de cal é o seu papel, o desdobramento, a confidencia a si mesma, a consciencia de que fai poesía unha filósofa, mírame/nacín coas mesmas mans(9), cada poema é unha pincelada de coñecemento e de beleza porque a poeta usa  a poesía tanto para o autocoñecemento como para o coñecemento do universo, un coñecemento que nace da contemplación, da constante interrogación, para que serve un instante?/cal é a medida do tempo?/quen quixo medilo/e non coller os froitos nas súas mans?/cal é o froito do tempo?(31), pero esta non é unha interrogación atormentada, a poesía de Rebeca Baceiredo non é unha poesía atormentada, é unha poesía inquisitiva, curiosa, con ansias de saber mais que sabe perfectamente cales son as posibilidades da poesía nese cometido, levanta estes velos/e nunca o último/entrégate ao movemento do sacro (87).

                     Non é unha poesía de grandes revelacións, mais  si dun contínuo esculcar pola fenda que lle peremite a poesía, unha arma máis para o (auto)coñecemento a partir das gretas que abre na realidade a contemplación poética do mundo. Non se trata de apañar a arquitectura do universo, aínda que si de algo moi parecido pois ao final todo converxe na ollada contemplativa, inquisitiva, ávida de saber, de saber cal é o seu lugar no mundo. Precisamente os motivos temáticos do poemario non son nada filosóficos e si propiamente poéticos, sempre son motivos substantivos, sempre o título comeza cun artigo, agás dúas veces, e sempre se trata de indagar no mundo e inclusive no propio canto, até que ao final se descobre este como o canto da sibila, falou a voz da Sibila/coma quen/coa posición exacta/despraza as partículas do baleiro (87), porque, en resumidas contas non é que se acade un grande coñecemento senón que se desprazan as partículas do baleiro, se ben para acadar este cómpre morder na carne de deus, dáme loureiro/quero morder na carne/de deus (87), aspirar ao máximo posíbel para non ficar no lodazal en que aboiamos e tratamos de non afundirnos diariamente.

                     A de Rebeca Baceiredo é unha voz poética propia e potente, nada que se deixe levar polas formas e modismos do momento. A de Rebeca Baceiredo é a voz, gutural, fonda, que retoma as palabras non pronunciadas para facelas oír/ler na fenda que lle permite  a poesía.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.