ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de DESESCRIBINDO (Marilar Aleixandre, Apiario)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 18 Xaneiro 2017 @ 9:25 p.m.

 A POESÍA DE DESESCRIBINDO

Título: Desescribindo

Autora: Marilar Aleixandre

Editorial: Apiario

 Nas follas van quedando impresos os soños, as arelas, as loitas e tamén, en consecuencia, as conquistas. Porque cada loita, cada batalla, é síntoma de que estamos vivos, de que as utopías e o cotián nos manteñen vivos. Porén o desenvolvmento da historia chega  niveis nos que nunca pensamos estar, demóstranos que ningunha conquista é estábel, que estamos condenados, cal Sísifo, a manter outra vez batallas que criamos gañadas. É como se escribir non valera de nada, como se tiveramos, logo, que desescribrir, arroupados só pola nosa teimosía contra intemperie e néboa (10). Expostos, a voz poética sempre exposta á intemperie, soa contra todos os ventos, contra todo o exterior. Expostos, a voz poética exposta á néboa, a non ver claro, a que todo se difumine na nada. Obrigados a gabear até a marxe / desde o abismo (11), sempre obrigados a procurar un lugar na marxe, pois na marxe é onde está o espazo libre. Somos palabra / no precipicio (12). Somos palabra, somos verbo, e se non somos palabra non somos nada. Con lapis / e teimosía / desescribimos (12). Ou escribimos outra cousa que non é a historia oficial que acontece todos os días, que nos contan todos os días, que nos cosen todos os días. E entón cómpre desfacer a sutura /escaravellando nela / até sangrar (13). Que é o que vén facendo a poesía que desescribe, que desbrida. Porque unha non pode fuxir da súa condición de poeta, scripsi ergo sum (16), nin da súa capacidade mudando os oo en aa / a árbore en herba pequena (16), aínda que si sexa consciente de cal é súa potencialidade real. Repara: / as cordas do teu violín / arrincáronnas das miñas tripas (17). O que queda é resistir muxindo a pegada do tempo / cos dentes (19) Malia que a esperanza / afúndese pola boca da noite / nas portas dos infernos (21). Resisitir lembrando a Rosalía, ai das que levan na fronte unha estrela (22), seguindo o seu exemplo, tomando da faneca brava / veleno para desescribir.Porque o que non se pode é quedar de brazos cruzados habendo no mundo tanto que mellorar. Invoca a monxa Exeria e celebra ser herexe por escribir en igualdade ( 25), a sabendas de que tiráronnos do santoral / do libro con cantos dourados / por non sermos / santos verdadeiros (27) Cada un ten que procurar o seu lugar no mundo e ela é moi consciente de cal é o seu, de cal é o a ela destinado.

                     A segunda parte comeza tratando tema candente da lingua, unha sintaxe forana arrasábanos (29), tirounos a lingua / un deus vingativo / temía que para nós / nada sería imposíbel (30) e lembra as revolucionarias rusas nun poema longo, considerando Galiza como unha cidade asediada, sen abandonar as historias de Rusia, a fame / escribindo accións / innomeábeis (36), pasa a fixarse na memoria dos espoliados, as pequenas memorias / dos días antes da cidade caer (38), mais non fai isto que a voz poética caia no pesimismo total,na devacle omnipresente, porque de todo queda memoria e esta fala, berran  a través de portas fechadas / de corredores baleiros (39), dialoga co seu avó noutro poema longo, “O ferrete da estrela”, para arredar o frío / que me sobe / por dentro dos ollos (43), sen esquecer a súa condición de muller, individualmente e colectivamente, igual que tampouco pode esquecer o conflito de Palestina, en Ramala secou o leite nos peitos das mulleres / en Ramala / secou leite bagullas auga dos pozos (47), pasa a preguntarse que destino terán os nosos versos (48) a redor doutros vestixios históricos, identifica  resitencia de Galiza coa resitencia da pedra, resistide a acometida do cemento / choendo pedra sobre pedra sen outra argamasa que / a memoria (49), resistir, resistir, á fin todo se volve resisitir a a cometida dos bárbaros.

                     A poesía de Desescribindo, como vemos é unha poesía apegada ao acontecer social, testemuña lírica, testemuño lírico das forzas que converxen en esmagarnos e fan que todo pareza feito a deshora, interrompido o verso / a deshora (54), volvéndose o “o sangue en tinta”e  fracturando o poema, o poema, esa arma cargada de futuro, a rachar silencios,cos dedos manchados de tinta Pelikan, coma un iceberg arroupado pola música de Billie Holliday, non esquece o comercio sexual, homes que comercian coa carne / como vermes  (60), sería ilóxico esquecelo se se quere que a poesía sexa testemuño do días, e neste testemuñar lembra a Federico García Lorca e o seu triste destino, asasinado pola vileza, e o poema vólvese pequeno –malos tempos para sutilezas- (62), nunha parte que tematicamente é menos uniforme que as outras dúa, “o metro e a medida”, eu nunca gardei vacas (64) turra pola aldea global no tempo e no espazo, coa necesidade de gardar os  soños, coa necesidade imperiosa de non esquecer os soños se queremos progresar “polo gume das herbas”, para rematar con tres poemas que reutilizan outros xa lidos porque as raíces é o único que non se debe esquecer.

Esta é a poesía de Desescribindo.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.