ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SEGREDOS DE BRETAÑA (Carlos G. Reigosa, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 25 Xaneiro 2017 @ 7:30 p.m.

REALIDADE VS  FICCIÓN

Título: Segredos de Bretaña

Autor: Carlos G. Reigosa

Aditorial: Xerais

Un dos nosos escritores máis polifacéticos, Carlos G. Reigosa, vén de levar aos trinques unha nova novela, a que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura, Segredos de Bretaña. Nela Isauro, un escritor na procura de descanso despois de entregar nan editorial a súa última novela, chega a Bretaña, un bucólico lugar situábel na costa de Lugo, a salvo das invasións turísticas e cunha praia que aparece e desaparece, onde lle parece que poderá repousar nun lugar virxe. Mais, pouco despois de chegar, aloxado na casa dunha familia do lugar, decatarase de que Bretaña é un sitio cheo de segredos, pois realidade e ficción confúndense, suplántanse, continuamente. A nós a realidade só nos serve para ter que inventar algo que a explique (273) Iso é o que acontece coa morte de María Ledo e mais de Luís Hermida, dous sucesos aparentemente illados aos que se unirá a tamén morte de Virxinia, irmá de Esperanza, a muller que acolle na súa casa ao escritor.

                     Pouco a pouco, Isauro, o escritor, irá desvelando as ficcións que tapan aquelas realidades conflitivas que en Bretaña continúan baixo o imperio do segredo, do misterio, ou son atribuídas directamente á Santa Compaña. Porque a ficción nunca debe suplantar a verdade, a Historia, a menos que un queira vivir unha fantasía retorta e falsa, ocultadora do que realmente aconteceu, na mentira interesada que só fai protexer os verdadeiros culpábeis dos crimes e deixalos campar á súa vontade impunemente. Esta confrontación entre realidade e ficción é un dos motivos atraentes da novela, máxime nun país como noso onde diariamente se inventan ficcións que fan parecer que vivimos estupendamente gobernados cando a realidade é que se están a destruír condicións de vida, dereitos, que custou moito traballo acadar. Resulta un acerto innegábel publicar unha novela así nestes tempos, porque toda lectura descontextualizada da realidade non é máis que outra mentira a  agochar a verdadeira intención do discurso. Non. Ninguén debe ter medo da verdade a menos que sexa o culpábel, remitir as explicaicións a instancias diverxentes, máis ou menos fantasiosas, non é máis que un síntoma doloso da culpabilidade que se agocha, Coma nestas terras de Bretaña, onde aínda segue a funcionar unha Mesa Redonda do Sur de Bretaña, unha reunión de nostálxicos onde os mitos seguen máis vivos que a realidade. A esa Mesa Redonda será convidado Isauro, realizando unha reivindicación da realidade fronte á ficción.

                     Velaquí unha novela de tese, das que pouco abondan nos nosos días. Mais ser unha novela de tese non lle empece para nada ser unha novela divertida de ler. Á emoción que xa de por si achega a tese que se pon enriba da mesa, súmase a dunha novela de investigación onde o escritor, falando coas xentes de Bretaña, vai desvelando pouco a pouco quen son os culpábeis, até desembocar nun final climático onde se dan as explicacións pertinentes aos misterios iniciais e outros que se foron creando no desenvolvemento da trama. Porque os habitantes de Bretaña, visto que hai  alguén decidido a poñer en claro as cousas, o que derivará en riscos importantes para o protagonista, tapan un misterio con outro. Comezan a aparecer outros mortos, que parecen ser os culpábeis dos primeiros misterios. Entón imponse averiguar quen é o  culpábel destas novas matanzas, estes novos misterios son moi parecidos aos vellos da Santa Compaña, mais os dous tiros no peito non deixan atribuílos a instancias máxicas, coma antes. Con algo moi de particular, o autor ou autores destas novas matanzas semella(n) ser xusticiero(s) que vingan as primeiras mortes.

                     Outro dos aspectos salientábeis da novela son as personaxes. Hainas de dous tipos, as que son obxecto da trama, que viven nos comentarios das outras personaxes, e as que son suxeitos da trama, que actúan en por elas e teñen unha configuración rexa e ben perfilada, como corresponde a un narrador experiente e ben dotado para o  labor. Chama a atención a  ausencia de personaxes antagonistas, personaxes que se opoñen ás investigacións que Isauro, o escritor, leva a cabo. Nisto, repártese o protagonismo entre varias personaxes, son moitas as que adviten o escritor, mais, no fondo, todas desexan o reestablecmeento da verdade histórica, rematar por fin coa época dos misterios. Tamén resulta salientábel como, para perfilar as personaxes de Bretaña, o narrador acode a outros autores ( Herman Melville, Joseph Conrad, Xulio Verne, Jack London, Emilio Salgari, Pío Baroja) para confirmalas dentro do estatuto da ficción, ou como unha das personaxes, a máis lograda de todas, recorre ao cinema para atopar alguén que o “interprete” (Anthony Quinn, Lee Marvin, John Wayne ou Gary Cooper).

                     Eis unha boa oportunidade para pasar unhas horas intrigado mentres se reflexiona a cerca do estatuto que a ficción e a realidade deben ter nas nosas vidas, verdade histórica ou misterio ficiticio a explicar a realidade.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.