ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de DESCONHECIDO ( Berlai, Axóuxere)

UN LIBRO  SINGULAR

Título: Desconhecido

Autor: Berlai & Ernesto G. Torterolo

Editorial: Axóuxere

Traemos hoxe ás páxinas da Ferradura un libro certamente único, singular, froito da conxunción de música, poesía-cancións e banda deseñada. Entre as tres plataformas cóntase unha historia, unha historia inspirada na dun tío avo  de Berlai, que non puido casar coa muller amada e renunciou a todo, mesmo a vivir, nunha sorte de suicidio adiado. É unha historia no Far West, Galiza vólvese o Far West e os galegos somos apaches. Unha historia de amor suxo, de amor imposíbel e sexo porco, onde as viñetas de Ernesto dialogan cos poemas-cancións de Xiao Berlai. Tamén unha historia de amor frustrado, vivimos tempos onde a frustración acode día si e día temén ás nosas vidas.

                     Xa no encete do libro se nos dan as instrucións para ler-escoitar o libro, un libro onde as cancións-poemas teñen entidade propia, así como as viñetas, mais que tamén dialogan entre elas para coformar unha única historia, No libro hai un canto á liberdade, a rachar coas normas e vivir segundo as propias  apetencias, mais tamén moita frustración porque, finalmente, todo é un berro desesperado porque a realación amorosa resulta imposíbel. Xiao Berlai ponse na pel do seu tío avó para contar todo en primeira persoa, esta historia de amor decadente para a cal conta tanén co teclista Iago Mourinho, o baixista Pablo Pérez e o batería Bruno Couceiro, ademais dos deseños de Ernesto.

                     Un disco que se define como “indie rururbano” “postbravú” ( no senso de que é posterior ao baravú) aínda que tamén se lle recoñecen concomitancias con M-Clan ou Coldplay  e no que non faltan adapatacións de pezas tradicionais, música da que provén o autor, Berlai, exintegrante de Fïa na Roca, inclusive o himno galego fica versioneado na segunda das cancións “Far West”. A publicación do libro-cd foi posíbel grazas ao micomecenádego a través da plataforma Verkami e representa unha forma distinta de interpretar a historia literaria tamén, unha historia que se le a cachos, nas viñetas de Enrnesto, entre tema e tema de Berlai, entre todos eles forman unha historia única, como único é este proxecto musical,plástico e poético, unha poesía onde o lirismo se volve obsceno, nunha tradición que entronca cos mesmos trovadores medievais.

                     Unha forma distinta de entreter o lecer, escoitando-lendo este Desconhecido de Berlai, unha música potente e unha historia para facernos reflexionar  a cerca do que é necesario e imprescindíbel na vida, unha historia para facernos reflexionar a cerca das perdas que somos quen de aturar e aquelas que nos superan, que son superiores a nós e que condicionarán toda a nosa vida. Eis un libro, que tamén é un disco e que en definitiva é un libro obxecto, deses que son rara avis, xa polo concepto en si, esa histroia total, contada en letras-poemas e banda deseñada, mais tamén pola calidade tanto dos deseños como dos temas musicais.

                     Ëlle propio certo desgarro interior, así como a desorientación vital, a perda e a  ausencia, nese deixarse ir do tío avó Alfonso, encarnado agora por Berlai neste Desconhecido onde se conecta o Far West nortemaerricano con esta Galiza que cada vez é menos Galiza.

 

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.