ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

saíndo do rego ( máis sobre a realidade da literatura galega)

Comparto plenamente canto Manuel Veiga di n´este artigo. A dependencia do sector do ensino é moi fonda, aí é onde se xera o meirande número de vendas, aí é onde nos xogamos os futuros lectores. Convén, polo tanto, un rexistro doadamente asimilábel polo novo lectorado. E entrar no circuíto do ensino é a máxima aspiración duns autores galegos que é aí onde poden facer un euro, á marxe dos premios literarios. E non me importa o duro que poida parecer chamarlle infantilización, porque é a pura verdade. Non se lle pode chamar doutra maneira aínda que outros prefiran falar de cambio de paradigma estético. Vén sendo o mesmo, con outras palabras.

Si, non podo negar a existencia de autores que escriben sen ter en conta un predestinado lector implícito. Imposíbel. Hainos. Sempre os houbo e haberá´. Mais á vez resúltame imposíbel obviar a tedencia, porque é diso do que falamos, dunha tendencia que nos alarma porque se fai moi  visíbel. Antes xa falaramos de esmorecemento da ambición literaria, porque ten todo que ver con isto. No seu tempo dialogamos co artigo de Carlos Lema igual que agora o facemos co de Manuel Veiga. Veñen sendo vacas no mesmo millo

Mais hoxe estamos un chisco máis alarmados. Agardamos un prudencial tempo a ver se daba en polémica todo isto, porque é moi necesaria. É urxente que se fale diso. Para curar unha enfermidade antes hai que diagnosticala, que é o que fai a polémica. E non nos sorprendeu que non a houbera. Porque no fondo a xente sabe que é un perigo insoslaiábel, un prezo que hai que pagar para seguir existindo. O artigo de Manuel Veiga só é a punta dun iceberg que sabemos que está aí, Manuel Veiga identífícao e fala del, mais no fondo todos sabemos que é así, el só foi o valente que o puxo por escrito. Porque cómpre valentía. Neste pequeno país noso cómpre valentía para saírse do rego e denunciar un rumbo equivocado. Ese é o valor do artigo de Manuel Veiga.

Hoxe, nós aquí, tamén queremos saírnos do rego. Porque ademais esa infantilización da literatura galega está a producir un outro efecto: o feito de que a literatura galega se está a volver un campo de experimentación discursiva alleo á sociedade. Exactamente iso. na literatura galega de hoxe só excepcionalmente se fala da Galiza de hoxe. E iso é moi grave. Iso é moi grave no momento en que vivimos como a TVG nos mete o castelán coa vaselina do humor. É por poñer un exemplo da fonda crise que Galiza está vivindo sen que nada disto apareza no papel dos libros. Abonda poñer un programa de humor para que, coa desculpa do castrapo, chouten enriba de nós palabras en castelán que eran totalmente innecesarias. Xa digo que é por poñer un exemplo que me indigna, porque a crise político-social resulta doadamente visíbel para calquera por ben pouco caso que lle faga á  actualidade dos (tele)xornais. Leva sendo así décadas. hai décadas que a transformación social, económica e política que vive/viviu Galiza é imperiosa realidade en todos lados menos na literatura galega, que só excepcionalmente se ocupou dela.

Ben se pode dicir que existen dúas Galizas, desde hai décadas. A que aparece nos telexornais e, en papel, en LVG, e a Galiza real, a que vivimos nós todos os días. Non creo que haxa ninguén alleo a esta realidade. Agás a  literatura galega. Tristemente.

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.