ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de OS TRES DE NUNCA (Nacho Taibo, Xerais)

HOMENAXE A CASTELAO

Título: Os tres de nunca

Autor: Nacho Taibo

Editorial: Xerais

Hai novelas difíciles de clasificar, Nacho Taibo escribiu unha delas. De primeiras é unha homenaxe ao Castelao de Os dous de sempre, desde o mesmo título, inclusive unha das personaxes se parece moito ao Pedriño, mais esta é unha novela longa, adulta, non unha novela concebida para a mocidade. Mais tamén se homenaxe a a Tintín ou ao filme Casabranca, por non falar das lembranzas de Rosalía ou Frankenstein, que tamén están presentes. Porén, sobre todo, Os tres de nunca é a novela de como unha amizade de tres personaxes ben diferentes se vai ver sacudida polos acontecementos históricos: a Guerra Civil española primeiro, e a Segunda Guerra Mundial despois. O Braulio-Isolino, alias Milorde, aristócrata e preguiceiro, que non traballa en nada, agás durante a Segunda Guerra Mundial, que fai traballos, non remunerados, para os aliados. Lisardo, o Patacón, así alcumado pola súa pouca afección a pagar, combatente pola República e despois no bando dos aliados, mais el só pasa por alí, polas guerras, finalmente non é máis que un covarde. Teocracio, O Bocoi, burgués gordecho con moita afección a comer, que durante a Guerra Civil toma partido polos sublevados chegando a dirixir un campo de concentración e cada vez se fai máis fascista. Os tres se coñecen e xuntan nun establecemento hostaleiro d´A Coruña, o París-Londres, que despois e por cuasas bélicas derivará no Roma-Berlín. Os tres seguirán camiños ben diferentes desde o mesmo momento do inicio das hostilidades. Mais non é unha novela histórica. Todo o contrario, bota man da historia e nada máis, do resto só pode ser definida como unha novela moi  literaria.

                     Unha novela moi  literaria, que bota man de recursos literarios ou non, desde a poesía ao esquema, pasando pola fotografía, as oracións cortadas, a creación (por veces) dun sistema ortográfico propio, os xogos de palabras, os gráficos, as aliteracións ou a presenza contínua de alias, de sobrenomes, de alcumes, pois case todas as personaxes teñen máis dun nome, ás veces sacado da mesma realidade, como o caso de Waljechonahchera, que, descomposto queda Wajecho-Nahcera, e en defintiva leva para o tristemente cébre e real Vallejo Nágera. Porque, no fondo, Os tres de nunca é unha inmensa mascarada a analizar o comportamento humano en situacións adversas. Unha inmensa mascarada onde todo se literaturiza, onde todo se modaliza para pertencer a unha novela onde conviven personaxes reais, con personaxes tomadas da realidade mais modalizadas, con personaxes tomadas da literatura (abonde con mencionar os tres protagonistas) e con personaxes expresamente creadas para esta ficción novelesca. E todas elas cos trasnos e os canzorros, que toman vida propia e interactúan cos humanos.

                     Antes enumeramos un bo número de recursos dos que bota man Nacho Taibo nesta novela de longo percorrido, mais falta aínda un, o principal de todos: a ironía, que todo o eneseñorea e todo o preside, arrincando de cando en cando un sorriso dos beizos do lector. Son nove capítulos de homenaxe á propia literatura, onde todo está escrito en clave literaria, mesmo as abreviaturas dos nomes e, aínda que fala de guerras, todo é en clave interna, literaria, sería un craso erro procurarlle unha correspondencia cos feitos realmente ocorridos, xa dixemos que non é novela histórica. Así, tendo en conta que pasan por dúas guerras, cabe salientar o ben que lles vai ás personaxes principais malia o horror da guerra. Algunha, como  o Bocoi, tira partido dese horror, aproveitando que é quen de ler na mente da xente, sempre que sexan de  A Coruña e mire de frente. Porque cada unha das personaxes principais ten o galano dun poder especial, sobrenatural. No caso do futboleiro Bocoi é ese, ser quen de ler na mente dos demais, o cal o converte en interrogador e despois irá ascendendo até ser o xefe dun campo de concentración. O Milorde, Braulio-Isolino, o aristócrata fidalguiño que na Segunda Guerra Mundial traballa para o servizo secreto británico, ten o poder de aumentar e diminuír de tamaño á vontade. O Lisardo, Patacón, é quen de entender todas as linguas agás o alemán e malia andar en varias frontes de guerra sempre sae ben parado, nin perigo nin medo o atenazan.

                     En toda a súa extensión caben un montón de personaxes cos que rapidamente o lector empatiza. É o caso de Trifón Trebón, militar de Ferrol cunha carreira meteórica mais sen mando en tropa, admirador de Castelao, acaba presidindo os xuízos sumarísmos que se lles fan aos desafectos á causa nacional, ten afección a pasear cun libro debaixo do brazo, polo que acaba sendo coñecido como o sobaco ilustrado. Mais tamén de Merliño, labrego de Breluxe, aldea onde ten casa o Milorde, que se leva ben con todo tipo de seres, incluídos os canzorros, e ten unha cruz moi especial. Berta Bertamiráns, das poucas mulleres que pululan pola novela é unha das principais, amiga moito co Milorde aínda que non chegan a ter unha historia en común, o pólo oposto de Perla, extraperlista que si casará co Bocoi e ambos criarán o fillo do Patacón. Por iso, porque son tantas as personaxes, despois da novela vén un elenco onde figuran, a modo de dicionario, todas as personaxes, agás as principais, as personaxes reais ( como Franco ou Mussolini) ou aquelas que só aparecen nun capítulo. Tal elenco serve para refrescarnos a historia unha vez rematada a lectura, traéndonos á mente aspectos que puideron pasarnos desapercibidos e completando as biografías das personaxes.

                     Novela coruñesa para reconciliarnos coa literatutra.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

2 Comments »

  1. Nacho Taibo:

    Graciñas, Eyré

  2. Nacho Taibo:

    Xosé, dúas preguntas, porque non me atopo dentro do que dis.

    Frankenstein? Non teño a menor conciencia nos Tres de nunca.

    Tampouco do sistema ortográfico propio do que falas…

    Grazas

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)