ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de OS AFORISMOS DO RISO FUTURISTA (VV.AA., XERAIS)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 12 Abril 2017 @ 6:27 p.m.

ESCRITORES GALEGOS POLO AFORISMO

Título: Os aforismos do riso futurista. Autores galegos polo aforismo

Autor: VV.AA. / Coordinan: Francisco Pillado e Xavier Seoane

Editorial: Xerais

Hoxe toca falar dunha desas boas ideas de carácter editorial que, de cando en cando, xorden no noso país. Neste caso, Francisco Pillado e Xavier Seoane lanzaron un convite para xurdir en auxilio do aforismo, xénero, segundo eles, de pouco predicamento nas letras galegas. É discutíbel chamarlle xénero, mais dalgunha maneira hai que referirse a el e aí o imos deixar. Como tamén resulta discutíbel referirse á pouca presenza do aforismo e non lemabrar os máximos expoñentes nas nosas letras, entre os que cabería lembrar o propio Xavier Seoane, Dieste, Carlos Negro ou Carlos G. Reigosa. Sexa como for, ao convite responderon 48 autores, das máis dispares procedencias literarias, que consideraron conveniente e pertinente darlle un novo pulo ao aforismo entre nós. O resultado é o libro que o lector ten entre as mans, un libro sigular, repleto de leccións de vida resumidas en poucas liñas, na brevidade do eterno.

                     Antes de continuar digamos que o aforismo é un recurso literario segundo a literatura tradicional herdada, mais nós considerarémolo desde a  perspectiva da Literatura Mínima ou Hiperbreve, pois non deixa de ser unha das súas máis características manifestacións. Tematicamente así se vai demostrar, por se había algunha dúbida, e os temas tratados polos 48 autores exemplifican unha boa parte da temática mínima ou hiperbreve. Así, a poesía, Deus e o demo, as relixións, o medo, a soidade, os soños, o tempo, a muller, o amor, o odio, a vida, a egolatría, a lingua, a nostalxia, a preguiza ou oficio de escribir están entre os temas máis tratados por eles e elas. Non faltando tamén unha temática máis específica, unha temática que os incardine definitivamente entre nós, na nosa cultura e nos nosos días. Así, fálase de concelleiros de cultura, banqueiros, gobernantes, da Xunta de Galicia, do Día das Letras Galegas, de Franco, das touradas ou da patria.

                     Hoxe por hoxe, o aforismo parece ter atopado un lugar privilexiado onde expresarse, en internet o vértigo do aforismo actualízase aos nosos ollos coa frecuencia do interminábel. Non é, porén, un acocho definitivo. Nin moito menos. Vive unha vida impensada hai décadas, certamente, porque é unha vida democratizada. En internet, calquera dotado dun chisco de enxeño pode deixar un pensamento trascendente no acobillo de poucas liñas. Así acontece decote. Porén, eses aforismos de internet teñen unha vida efémera, xa de por si o aforismo ten unha vida curta, tan curta coma a extensión en que se manifesta, mais na vertixe de internet faise aínda máis vertixinosa; alén de que moitas veces faise sen saber o que se está facendo, son cápsulas de enxeño desprovistas da  súa esencia motriz. Por iso os aforismos deste libro teñen outro valor: son aforismos de autor. E así se manifestan. Algúns autores senten inclusive a necesidade de precisar o tipo de aforismos que vai presentar. Velaí os araguísmos de Vicente Araguas, os ferminemas de Fermín Bouza, os TNS (teoría dos nacionalismos selfies) de Ramón Caride, os asterismos de Estíbaliz Espinosa, os aforismos dun mar interior de X.H. Rivadulla Corcón ou os límites de Xulio Valcárcel. Por haber, hai mesmoo quen lles pon títulos a todos e cada un dos aforismos, o que non deixa de ser cousa desacostumada ou infrecuente e merece ser aquí reseñado o procedemento de Siro López, Fernández Naval ou Forcadela. Igual que o feito de que Dores Tembrás presente tres poemas curtos. A proximidade entre a filosofía, a poesía e o aforismo non deixa de ser unha constante que aquí, loxicamente, tamén se acha.

                     Como manifestación de Literatura Mínima ou Hiperbreve bota man de moitos recursos da literatura tradicional, literarios ou non, como os esquemas, mais case sempre literarios, como o caso da pregunta, os xogos de palabras, as comparacións, a definición, a mesma poesía, a inversión de termos, o contraste, o diálogo, a crítica, o humor ou a  ironía. Todo isto fai que esta literatura fragmentaria, enxeñosa e veloz, sexa expresión das grandes calidades literarias que os seus autores posúen. E un gozo inmenso para o lector, a quen lle aconsellamos unha lectura lenta, pousada, con zonas de repouso entre aforismo e aforismo para que o último lido se expanda na nosa mente sen a premura de ler o seguinte, cousa que, de suceder, volve cansina a lectura pola necesidade de achar un novo  golpe de enxeño aínda máis poderoso que o anterior. De seguro que os haberá, mais non cómpre présa ningunha en chegar a eles ou perderemos todo o achegamento da natureza híbrida do aforismo e as súas diversas presentacións. Cómpre dicir que non sempre son aforismos propiamente ditos, por demasido extensos quedan en reflexións curtas, mais en xeral os autores comprenderon moi ben, e así o manifestan, a natureza do aforismo.

                     Que autores lembran entres constrúen os aforismos? Pode que a curiosidade do lector coincida coa nosa. Pois ben, son moi variados. Desde Castelao a Maquivelo, pasando por Hegel, Blas de Otero, Cervantes, Gracián, Valle Inclán, Shakespeare, Rosalía de Castro, Gramsci. Tolstoi, Dickinson, Whitman, Viginia Wolf, Borges, Neruda, Cortázar, Yourcenar, Luz Pozo, Valente, Gamoneda ou Olga Novo.

                     Eis un libro que é un tesouro, un deses libros impagábeis pola cantidade de veces que volveremos a el. Pois non deixa de estar cheo de vida, de leccións de vida, que é en defintiva o que son os aforismos, leccións de vida expresadas con enxeño e en poucas liñas. Non nos vai poñer á altura dos alemáns ou dos ingleses, cunha tradición aforística moi importante, mais colmará as nosas necesidades un montón de veces. Dixen ben, as nosas necesidades. Porque unha vez lido o primeiro xa é unha necesidade ler o seguinte.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.