ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SACAR A LINGUA É DE MALA EDUCACIÓN (Manuel Núñez Singala, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 19 Abril 2017 @ 6:30 p.m.

EN DEFENSA DO BILINGÜÍSMO

Título: Sacar a lingua é de mala educación

Autor: Manuel Núñez Singala

Editorial: Galaxia

Pode parecer mentira mais vivimos nun país privilexiado pola coexistencia de dúas linguas, algo que non poden dicir en Madrid, por exemplo. E pode que nese sentimento de inferioridade tan no fondo estea a razón dos contínuos ataques que sofren a lingua galega, o esukera ou o catalán. Igual soa forte de máis, porén estou absolutamente convencido: se nós temos unha soa lingua, a  ver por qué vós ides ter dúas. Na actualidade desta cuesión da lingua hai que entender o novo libro de Manuel Núñez Singala, que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura. E dicimos que pode parecer mentira porque, en cuestión de linguas o imortante é sumar (72). Non cabe dúbida de que canto máis se saiba mellor,  falar máis dun idioma é un adestramento que fortalece a musculatura intelectual e que produce melloras cognitivas (43). Porén vivimos tempos nos que temos que aturar gratuítos ataques ao galego, velaí está Galicia Bilingüe como exemplo, mais non só senón que a propia Xunta de Galicia, que debería amparar e protexer o galego, lexisla contra el en nome dunha suposta igualdade de de dereitos que nunca resulta equitativa, levando  o galego sempre as de perder porque parte dunha situación asimétrica xa desde a propia cocepción do Estado español, onde cada vez que saes da túa comunidade autónoma perdes os dereitos lingüísticos que deberías detentar en todo o territorio, en calquera lugar. Mais tamén unha situación asimétrica na mesma comunidade autónoma, porque o castelán resulta a lingua prestixiada mentres o galego é a lingua B, malia ser a lingua propia de Galiza.

Non aprender as dúas linguas equivale a non aprender o galego. Non usar as dúas linguas equivale a non usar o galego. Por suposto que existen galegofalantes que ensinan os seus fillos a súa propia lingua. Mais a presión social fai que isto sexa cada día máis complicado. Precisamente para estes pais, libros como o de Manuel Núñez Singala representan un reforzamento moi  valioso. Non é que forneza das ferramentas imprescindíbeis para loitar contra a imposición do castelán, cousa complicada en si mesma, mais si fornece unha aparataxe teórico-práctica para aprender o galego tamén, para non esquecer ningunha das dúas linguas, porque unha defensa do galego non equivale a un ataque ao castelán. Acontece iso coa inmersión lingüística. É boa mentres se trate de aprender inglés, ou castelán, mais resulta un completo ataque á liberdade lingüística cando se trata do galego. Desde  o punto de vista lóxico e didáctico semellante dislate non se pode manter, resulta inclusive risíbel, cómico. Mais vivimos nun país onde as propias autoridades que debían velar pola inmersión lingüística, procurala á menor oportunidade, son as máximas intersadas en que non se produza.

Como di Nüñez Singala, en cuestión de linguas o importante é sumar. Escoller o 50 por cento cando é posible quedar co 100 non resulta moi intelixente (17). Sobre todo se dese xeito estamos desaproveitando as vantaxes que supón saber máis dunha lingua, vantaxes moi claramente expostas polo autor e que son meirandes cando se trata da aprendizaxe de nenos pequenos, porque  a aprendizaxe de idiomas nos nenos segue uns patróns completamente diferentes ao que ocorre nos adultos (29) As argumentacións e exemplificacións non só son claras e certeiras senón tamén imposíbeis de negar. Porque se trata diso, dun libro claro e preciso, que renuncia a recursos como as notas a rodapé, para que a lexibilidade do argumentario sexa fluída, quen teñas interese en profundizar nalgún aspecto particular pode facelo a través e desde a bibliografía. Outro libro a engadir a bibliografía que cuestión da lingua desatou unha vez que o Partido Popular quebrou o consenso que ata entón existía e se dedicou a desprotexer o galego, cando non a  atacalo.

Se só lles ensinamos unha soa lingua en realidade estamos xa decidindo por eles e restrinxindo as súas alternativas, porque ninguén pode elixir falar nun idioma que descoñece ou no que se sente pouco competente (39). E resulta innegábel que a nosa destreza ligüística é fundamental porque impulsa a nosa capacidade intelectual (41). Por iso sacar a lingua é de mala educación, entendendo que privar da lingua é de pouca educación. Iso como mínimo e non querendo furgar máis fondo. Porque en realidade sacar a lingua supón todo un atentado á riqueza que por nacemento temos todos os galegos. Porque falar máis dun idioma é un adestramento que fortalece a musculatura intelectual e que produce melloras cognitivas (43) Certamente falar dúas ou máis linguas non vai facer de nós nin dos nosos fillos uns xenios, non vai premios Nobel. Pero sen dúbida contribuirá a que teñamos, nós e  eles, unha mente máis aberta (62).

Ademais debemos ter en conta que o anormal é ser monolingües, a inmensa maioría da poboación mundial vive en territorios onde falan máis dunha lingua. Querer empobrecernos resulta, como mínimo, do xénero parvo. E téñase en conta que toda esta literatura se produce desde o galego, tamén beneficia os castelanfalantes, mais faise desde o  galego, non nos chega desde o castelán. Dito sexa de paso, a ver quen de verdade aposta polo lastre da burramia.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.