ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

subliñados de TERRA QUEIMADA (Ramón Caride, Embora)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 27 Abril 2017 @ 6:24 p.m.

O Elixio, o Sindo, o Vicente e o Ramón. Os catro son parte da paisaxe da tenda-taberna. Acoden xuntos e son compañeiros de naipes hai anos (13).

……………………………..

Os compadres sábeno ben. Ándanlle dando a leria onde máis doe, buscándolle as cóxegas. Como que son vellos, máis ca el; e, coa idade, dálles por criticar. Canto menos traballan máis critican. Puta que os pariu! (16).

…………………………….

O Elixio, viúvo e con dous fillos fóra, xanta a cotío coa sobriña que chegou hai pouco, impensadamente, de alén mar (23).

…………………………….

-Cóntanos o conto do teu avó, Elixio. Estes non o saben aínda –terma o Ramón, zalameiro, insistente, tras das primeiras copas, e da primeira negativa do vello, non moi firme, vendo axeitado o terreo para a sementeira.

-Que conto, oh? Que dis? O do meu avó Sandre non foi conto ningún… (33).

…………………………….

O meu avó respirou entón, algo aliviado. Por un intre, parecía que a fera sosegaba.

Se cadra, só viñera fozar coa criada, matinou; e cando a noite rematase, iríase. Era o mellor que podía pasar. El xa non era quen de pegar ollo (46).

…………………………….

Por iso quixo vir para Galicia, desde o Mediterráneo, en canto tivo a ocasión. Mais, polo de agora, acabou no macizo central,entre vellos que falan pouco e piñeiros que arden a cada paso, agardando un traslado á beiramar que nunca dá chegado  (53).

………………………….

-Sabedes o dito, o que está para un non o leva o demo….

-Pois eu aínda falei onte con il. Estábache sano coma un buxo. Quen contaba hoxe con isto? (63).

……………………….

“Foiche así, fillo, aquel fozón, que me miraba as pernas cando ía lavar ao río. Foi el que o fixo, mala rabia o  coma “ (67).

………………………..

Leva aldeas enteiras, case baleiras de xente, por diante. Leva silvas e froiteiras, leva monte comunal e caminos de carro, estradas e carreiros, fontes e pedreiras, lamas e fragas, eidos e resíos. E non para.(75).

………………………….

O incendio vese a moitos quilómetros, na autovía chea de coches acelerados, de xente que pasa e non mira. A autovía ateigada de carros fumegantes, e de vidas malgastadas. Coma todas as vidas, a fin de contas ( 84).

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.