ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de BLUES PARA MORAIMA (Miguel Anxo Fernández, Galaxia)

THRILLER SOBRE A TRANSICIÓN

Título: Blues para Moraima

Autor: Miguel Anxo Fernández

Editorial: Galaxia

Se hai unha época escura, sobre a que se impuxo unha versión oficial e calquera outra interpretación fica arquivada no desprezo, esa é a transición do franquismo á democracia. Un lembra como se propagou aquilo de “ pacífico exemplo para o mundo” e ainda é hoxe cando se recorrre a esa visión “exemplar” para exportar a outros lugares con continxencia máis ou menos similar. Detrás desa exemplaridade hai, porén, un feixe de preguntas sen resposta e feitos escuros sobre os que pouco se ten novelado.Así, pois, o Premio Blanco Amor 2016, este Blues para Moraima que hoxe traemos ás páxinas da Ferradura toca un tema de indubidábel interese e actualidade. Cun ollo posto no thriller americano dos anos setenta, ou do thriller político-reivindicativo italiano desa mesma época, e outro na desmitificación da transición española, Miguel Anxo Fernández logra unha novela de grade axilidade narrativa, que non perde interese páxina a páxina.

            Un ilustre intelectual, cineasta para máis datos, regresa do seu exilio cando lle propoñen facer un programa televisivo en homenaxe súa. Ata a quí hai certo parecido coa biografía do propio Blanco Amor, tamén exiliado, ou de O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga, onde tamén existe ese retorno aínda que por causas ben diferentes. E, se existe pouco coñecemento sobre o exilio, e menos osbre a etapa anterior ao golpe de estado franquista, a sopresa de Afonso vai ser fonda cando se atope os mesmos de sempre no poder. Mellor dito esa debería ser a sopresa do lector pois Afonso está perfectamente ao corrente.Non pode ser que unha  vez despedido o franquismo continúen no poder os mesmos. Porque o que o que Afonso se atopa é unha banda enquistada no poder e temerosos de que lles estragasen os seus privilexios gañados á conta de falcatruadas (11). Melitón Troncoso controla o poder político e Ulpiano Fontán, que tamén ten cargo no partido hexemónico, a Universidade. Cos dous manterá reunións Afonso. E os dous se verán retratados na represión que o franquismo propiciou.

Cómpre sinalar que esta revisión da transición se fai con case inxistencia de referencias temporais, toponímicas, e mesmo aos partidos políticos. Importan os feitos, alén das siglas que lles dean cobetura. Abonde indicar que o protagonista cre nunha televisión pública comprometida, medio no que traballa e se dispón a facer o programa homenaxe a Afonso, obviamente a televisión é pública mais non comprometida, de aí os problemas cos que se atopará o protagonista e responsábel do programa. O cadáver que dispuñan para entrar no crematorio era o meu. Leron ben, o cadáver de quen escribe(9). Así comeza a novela. Unha novela que, loxicamente, tamén ten que ver coa revisión da Memoria Histórica, que se fai imperiosa a fin de que non fiquen no poder personaxes da calaña de Melitón Troncoso (para que o lector atopará referente real doadamente, se así quixer ler a novela) ou Ulpiano Fontán. Porque se xa é unha vergona que nos anos 80 sigan no poder, aínda o é moito máis na actaulidade.

Oxalá todo fose como nas novelas. Oxalá o tempo todo o compoña, xa está tardando. Oxalá as falacatruadas, por moito tempo que pase, acaben tendo o seu castigo. Miguel Anxo Fernández ofrécenos unha posibilidade de facer xustiza histórica, por máis que esta non deixe de ser xustiza poética, literaria, reafírmanos na crenza de que non debemos deixar de loitar por ela, que todo crime, máis ou menos tarde, se paga. Cunha salientábel axilidade narrativa e un ritmo constante na resolución do conflito presentado, a novela ten unha lectura doada e amena, impactante desde o inicio, que mete ao lector  no desenvolvemento da trama con grande facilidade, como se dun thriller policial se tratara, pasando por riba do feito de que o protagonista central sexa anónimo, nunca se lle dea un nome, nunca se identifique.

Outro aspecto que fala do bo facer narrativo de Miguel Anxo Fernández son as personaxes secundarias. Como Luz ou como Canelas. Que dispoñen de pouco espazo para se manifestar mais resultan compactas e ben perfiladas. Ademais de que esas personaxes se revelarán imprescindíbeis na resolución do conflito xerado coa chegada de Afonso. Outra desas personaxes secundarias é Moraima, coa cal se ceba a infamia dos  covardes de peito descuberto e que dá título á novela. Porén todo isto non sería sen unha moi calculada distribución da tensión narrativa, o que Miguel Anxo Fernández fai dosificándoa en 45 capítulos breves, cada un deles chamando pola lectura do seguinte.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)