ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A MORTE DO MEU PAI (Afonso Eiré, Hércules Ediciones)

HOMENAXE AO PAI

Título: A morte do meu pai

Autor: Afonso Eiré

Editorial: Hércules Ediciones

A literatura é territorio emocional. Non é este o aspecto máis estudado pola crítica, certamente, que tende a antepoñer o reflexivo sobre o emocional. Porén ambos e dous poden darse ao mesmo tempo, é máis: afirmamos que acontecen paralelalemente a sabendas de que o aspecto reflexivo se acha relaxado en certos discursos que só pretenden a evasión do lector; aínda así a reflexión nunca desaparece do mundo interpretativo de quen le, aquí ou alí sempre aparece. Un bo exempo é este A morte do meu pai que Afonso Eiré nos presenta. Emoción e reflexión atópanse indisolubelmente unidas. Van da man. Xa desde o inicio desta Ars moriendi para galegos e galegas de hoxe nun tempo no que este xénero literario, por máis que tan preciso, xa non se estila ( 9, palabras de Marcial Gondar Portasany no prólogo). Para galegos e galegas e para o mundo, incrementamos, pois a morte non só é tabú entre nós senón en calquera outra cultura do noso planeta. Porque falar da morte convertiuse nun tema autenticamente tabú, como lembra Marcial Gondar, os tanatorios e o paso to tempo contribuíron a desocializar un tema que antes se socializara de maneira practicamente idéntica durante séculos, mais hoxe xa non existen carpideiras, vese como algo do pasado, igual que o acompañamento do cadáver nos velorios.

                     A literatura, a fin de contas, trata do noso existir no mundo, representa unha forma de comprensión da existencia do ser humano. Cando Afonso recibe unha chamada telefónica ás 9,37 da mañá, algo malo lle barrunta o seu corpo. Trátase dunha rotura de cadeira, o seu pai caeu e rompeu a cadeira. Así comeza un discurso que maioritariamente se desenvolverá no Hopistal de Monforte,e como tal literatura hospitalaria lembra Quen faga voar, de Xosé Vázquez Pintor (Laiovento) agás, sobre todo, nos casos nos que o seu pai lembra acontecementos da Guerra Civil. O seu pai, Xavier, Xavieriño, como lle chama sempre Afonso, co que establece unha intelixencia emocional que trascende as palabras. Un aceno, unha caricia, é abondo para se comunicaren entre eles. Trascende as palabras mais, nos primeiros días de estadía hospitalaria, son as lembranzas do Xavieriño, de 95 anos, as que tinxen o discurso, iso e as reflexións do fillo máis novo, Afonso, que é quen se atopa con el coidándoo.

                     Desde o mesmo inicio, Afonso, narrador en primeira persoa, establece un vínculo emocional co lector que se incrementará, que se axigantará conforme vaian pasando as páxinas. O sentido da vida está no contido reflexivo, mais tamén no emocional. O Xavieriño revélase como un home repleto de humanidade, poñendo un nó na gorxa do lector, pois sabe que rematará morrendo. Que é a morte o único antagonista neste discurso que salienta polos seus valores humanos; a morte, o único antagonista verdadeiramente importante que temos todos na vida, unha vida na que empezamos a morrer o mesmo día en que empezamos a vivir. Pero a boa literatura é perturbadora. Non deixa indiferente. Por iso, da man das emocións e as reflexións, o vínculo emocional establecido co lector se irá agrandando conforme pasen as páxinas, o nó na gorxa nesta homenaxe ao pai que é tamén unha homenaxe á vida, a partir da vida dun home bo que nunca fixo mal a ninguén.

                     O libro está concebido como unha catarse persoal do autor, logo da morte so seu pai ao apareceren complicacións despois da súa operación de cadeira, e  a unha catarse parecida chegará o lector despois da lectura de A morte do  meu pai.Unha catarse literaria que vén substituír as antigas formas de socialización da morte. Mediante a crúa e emocionada exposición dos derradeiros días de vida do seu pai, Afonso Eiré purifica o seu propio sentido da vida, verque no libro toda a soidade e preocupacións que viviu neses infortunados días, nunha exposición interior, nunha exposición pública do interior, do que corre polas veas do sentir neses fatídicos días. Para que serve a vida se os homes bos tamén morren? Para que gardemos a súa memoria, como nos partilla Afonso nesta A morte do meu pai ou de calquera outra, mais é o mellor que podemos facer na vida, por eles, por nós e polos que virán. Emocionada e emocionante, esta crónica mortuoria esperta unha fascinación difícil de cuantificar, xera unha resposta emocional a partir da interpretación do texto polo lector que poucas veces se acha en tamaña magnitude, pois sabe desde o mesmo inicio captar a empatía de quen vai pasando as páxinas. Sen ningunha floritura ou concesión, pura e simple confesión interior fiada na importancia do que se di, do que se sente, do que se reflexiona, todo o demais é superfluo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)