ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de NORTEÁNS (Mar Guerra, Xerais)

NOVELA PREHISTÓRICA

Título: Norteáns

Autora: Mar Guerra

Editorial: Xerais

Despois da serie de Xenaro (Xenaro e o misterio da mochila verde, 2008; Xenaro e  a hucha do indiano, 2010; Xenaro e  a negra sombra, 2015; todos eles en Xerais) e a novela Señor Meco (tamén en Xerais), Mar Guerra deixa a colección Merlín para pasarse a Fóra de Xogo nesta Norteáns. E faino cunha novela prehistórica, ambientada na época castrexa, nunha época castrexa da que tan pouco se sabe e mesmo  o que se sabe pode resultar contraditorio. A autota, na nota que pon cabo ao libro, recoñece un importante labor de documentación. A trama transcorre maioritariamente en Nola, que autora identifica con Santa Tegra (521), unha Nola que comercia cos cartaxineses e se ve libre aínda das incursións romanas. Nola é o Lar principal, mais  os diferentes lares (salientado da autora) de procedencia dos personaxes da novela correspóndense con cidades e vilas reais localizadas en Galicia e mais o norte de Portugal, con Guarda (Nola, salientado da autora) e Porto ( O Peirao, salientado da autora) á fronte (522). Estendendo este efecto de verosimilitude aos nomes propios de norteáns, bragos, viseos, aveiros, vianos e gardos (522). De xeito que se quixo construír unha trama verosímil que exemplifique un momento histórico do que ben pouco se sabe.

                     Unha novela de longo percorrido, para mozos e mozas, que mozos e mozas son os seus principais protagonistas, Bris, Cances, Forca, Leta, Croio, Penchas, Alois…son maioría fronte a Pruno, Runa, Neixón, Munis… E neles pódese dicir que recae o principal peso no transcurso da trama, malia esta representar unha sociedade estruturada, con escravos, libertos, homes libres, ademais das deidades (Cosus, Corgia) ás que se rinde culto e  representando unha estrura piramidal na que está na cima o xefe (Neixón), despois os Notables, homes libres (cidadáns norteáns de Nola), libertos e escravos. A trama desencadéase no momento en que os argolados, escravos, de Nola inician unha revolta tomando o poder e acabando cos cidadáns de Nola case na súa totalidade, a excepción de Bris, Cances, Forca, Leta e Pruno, liberto que foi un dos instigadores principais da revolta mais que abandona o Lar xuntándose cos catro mozos. A partir de aí iníciase un periplo dos mozos, que é case toda a novela, por diferentes Lares e lugares na procura de se atoparen, pois vense obrigados a separárense, e volver a Nola. Este periplo sérvelle a autora para dar conta da sociedade castrexa – a súa organización política, social, militar e familiar- noutros Lares e do seu comercio cos cartaxineses, así como do transo á idade adulta destes mozos e mozas.

                     Aos mozos e Pruno uniranse os 4 de Nola, outros catro rapaces que tamén sobreviviron á traxedia da caída do Lar máis poderoso do momento. Cómpre salientar aquí unha personaxe tan complexa como é Pruno, un dos instigadores da revolta mais que se xunta cos mozos e mozas. Cal é Pruno real, o que instigou a revolta ou este que está cos mozos e mozas sobreviventes? Malia ser o único adulto, non ten un protagonismo especial deica o remate da novela, que non imos desvelar mais si dicir que Bris descobre a auténtica cara do tamén chamado Luso. Cómpre indicar que a novela contén un primeiro capítulo que se desenvolve na época actual, un capítulo de contraste, no cal se pode constatar o pouco que se sabe da época castrexa que a continuación virá retratada en palabras, no que quere ser unha novela histórica. Certamente hai sentimentos e valores universais e intemporais, o amor, o odio, a fidelidade,a xustiza, a inxustiza…porén o que non se pode permitir unha novela histórica é expresalos tal e como o fariamos hoxe. Porque o  lóxico é pensar que as diferentes condicións de vida conlevarán tamén diferenzas na expresión, unha expresión que sendo tan actual desfai o efecto de novela histórica que tanto traballo custou construír.

                     Trátase tamén dunha novela coral en boa maneira, xa cada capítulo (agás dous “A Ceiba”, que se refire Nola en conxunto, e mais o deradeiro, “Nola a Nova”) leva o nome ou alcume dun ou máis personaxes. O que vén sendo  o plan narrativo, da autora para a novela: ir desenvolvendo o fío tramático en canto se van presentando novas personaxes que axudan ao seu desenvolvemento, dando conta dunha estrutura clásica que conta cos típicos tres momentos: presentación, desenvolvemento e desenlace. Presentación da sociedade de Nola e revolta que a destrúe; un desenvolvemento que é o periplo dos mozos e mozas e mais Pruno na súa tentativa de volver a Nola e averiguar ata que punto todo quedou destruído, é a parte máis ampla de todas; e desenlace cando retornan e Bris pon ao descuberto a verdadeira cara de Pruno, o Luso. En definitiva, eis unha oportunidade para esquecer todo  e mergullarnos na sociedade castrexa, esa grande descoñecida e que, porén, tanto pouso deixou en quen aínda somos.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.