ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SAPOS E SEREAS (Ana Cabaleiro, Galaxia)

RELACIÓNS DE PARELLA

Título: Sapos e Sereas

Autora: Ana Cabaleiro

Editorial: Galaxia

Lonxe fican os tempos en que as relacións de parella era para sempre na maioría dos casos. Parece coma se a diferenza de caracteres se agudizara co paso do tempo e agora a xente sexa máis inflexíbel coas feblezas do outro ou da outra, porque todos as temos. O que antes era unha parella para toda a vida agora ten data de caducidade e convértese nunha parella para un tempo determinado. Non é que sexamos melancólicos e botemos de menos tempos nos que a parella era como unha condena vital, é, simplemente, que as cousas son así, e tamén é de admirar o tesón, a forza de vontade, daquelas parellas indestructíbeis que duraban décadas e décadas. Sobre as relacións de parella proponnos reflexionar Ana Cabaleiro na súa estrea literaria, este Sapos e Sereas que edita Galaxia.

É o caso de Xosé e Aurora. El, un mal poeta, que, a base de versos soltos que lle vai obsequinado a Aurora, consegue un poema que será o seu agasallo de Reis aquel día que na aldea conseguiran os Reis Magos ofrecerlle un agasallo a cada neno. Tamén el ten o seu agasallo para Aurora, lamentabelmente un accidente fai que este se perda na neve e ela xa decidiu. Non lle fai graza xa o seu home, coa súa dependencia, as súas teimas, os seus celos absurdos, a súa mente pequena e vulgar (17). Un conto para tempo de Reis sobre o desencontro final do que fora unha parella ben avinda, como o tempo nos vai levando a uns por un camiño e a outros por outros diverxentes, facendo que o que fora unha unión se volva nunha xuntanza de individualidades que non se recoñecen e nin sequera se aturan. Cando un/unha está ilosionado co/coa outro/outra todo é mel nas filloas, pero este é o conto de cando comeza a aparecer a desilusión, e con ela o desafecto.

No segundo relato atópanse personaxes de tan diferente tradición como son o Lobo Feroz, Groucho Marx e o mesmo James Bond, que tamén aparece. Un Lobo Feroz que mesmo é quen de transmutarse na mesma Caparuchiña Vermella, que para algo son personaxes do mesmo conto, dous contrarios que está ben que se  superpoñan porque se logra un efecto verdadeiramente estrañizante que despois non é tanto, senón que parece o máis normal do mundo. Facer que este Lobo Feroz se atope con Groucho Marx resulta especialemnte atraente, pois son dúas personalidades procedentes de mundos moi diferentes. Pero este dúo está incompleto sen a Carapuchiña e sen a Avoíña, e para que non fique así, incompleto, eles mesmos son quen de transmutarse xa sexa na Carapuchiña, como xa vimos, ou mesmo na Avoíña, por suposto.

O terceiro relato plantexa esa fina liña que distingue agredido e agresor, cando o agredido aparece para todo o mundo como o agresor. Deixa un resquemor amargo porque estamos nese preciso momento no que un/unha tenta deixar a parella mentres o/a outro/outra procura manter viva a a chama. E aínda que un /unha debe ser libre e deixar a parella cando lle apeteza tamén é certo que igual de lexítimo é o feito de loitar por aquel/aquela que se quere. Neste caso tamén é ela quen quere deixar a parella e el quen parece como un auténtico manipulador, até extremos difíciles de imaxinar, pero é que en cuetión de amores todo pode chegar a ser difícil de imaxinar, tanto polo lado bo coma polo malo. O que si é cero é que Ana Cabaleiro, neste coma nos demais relatos, foxe de camiños trillados e preséntanos unhas personaxes verdadeiramente singulares, totalmente opostas aos clixés estereotipados que se manexan decote.

E o cuarto relato, o máis amplo e que pon cabo a este volume de estrea, é “Sapos e Sereas”, de onde colle título o mesmo libro. Máis sereas ca sapos, dicímolo porque se centra nos amores que unha serea ten cun humano e do que sae mal parada, como vén sendo común. Un relato que fai convivir a mitoloxía coa vida de todos os días, aínda que tamén é certo que temporariamente non se desenvolve na actualidade, onde, para mal noso, é máis complexo crer nas sereas. E advírtenos do que pode pasar cando dúas naturezas tan diferentes se senten atraídas e se mesturan, aínda que tamén é certo que o interese no amorío é ben diferente, mentres a serea está completamente namorada e irresistibelmente atraída se sente…o humano quérea porque así medra en consideración social, converténdose nun auténtico sapo. A conclusión é que os sapos que se converten en príncipes non existen, todos son príncipes mentres a realación de parella vai ben, e todos rematan sendo sapos cando  o camiño dereito se torce e aparecen as desavinzas.

Ana Cabaleiro preséntase como unha voz absolutamente singular, cun volume modesto en canto a cantidade de propostas literarias mais desbordante en canto a calidade. Non lle pon medo atreverse con ese difícil mundo das relacións de parella, cando precisamente deixan de ser un mundo compartido por dous e ela quere abandonalo, porque aquí sempre é ela a que quere deixalo. Atrévese tamén coa mitoloxía e mesmo se amosa hábil superpoñendo unhas personaxes sobre outras, por ben diferentes que estas sexan. Unha voz nova que fai agardar con expectación novas propostas.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.