ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de TERRAZA (Fran Alonso, Xerais)

A VISIÓN POÉTICA DUNHA TERRAZA

Título: Terraza

Autor: Fran Alonso

Editorial: Xerais

É relativamente frecuente que o simple se volva complexo, que o que parecía unha cara se volva un poliedro. A primeira vista Terraza, de Fran Alonso, parece un libro testamentario da realidade cotiá que se vive nunha terraza de Vigo. Un exercicio de poesía narrativa no cal o autor está moi atento a describrinos o que ve (  o rapaz que fala co vento, tres mulleres falando, dúas mulleres que discuten, adolescentes armados con cadanseu teléfono móbil, un home delgado pero forte…) e forman parte do continente que el mesmo ocupa,a terraza, ou o que a rodea ( as motos que como vermes foxen, as pombas de voar flexíbel,a xente que agarda polo autobús) ou tamén do seu mundo interior, un mundo interior que tamén é habitante da terraza, por suposoto, e que está integrado polo que ve (os cans, as pombas) como por outros que pertencen á imaxinacion interpretativa do autor (as iguanas, os pelícanos, os coalas) alí, naquel mundo no que remata o verán para dar paso ao outono, naquel mundo que tamén ten unha fiestra ao  mar.

                     Pero non todo é tan simple.

                     Desde os seus inicios como escritor, xa non só como poeta, Fran Alonso nunca lle perde ollo á realidade, desde Persinas, pedramol e outros nervios até Tráiler exemplifican ben o que vimos de dicir. E nos últimos tempos está especialmente atento ás posibilidades expresivas que ofrecen as novas tecnoloxías, como os Poemas birollos para ler cos ollos (poesía oral e visual que incorpora un videoxogo) ou Poétic@ (poesía electrónica e crossmedia que expolora ese mundo de posibilidades que ofrece internet) sen esquecer o proxecto poético que mantén ne twiter, esta Terraza vén engadir un novo chanzo a esa carreira que o leva a incorporar todas as plataformas posíbeis á escrita poética, pois incorpora códigos QR en moitos dos poemas que aquí figuran. De xeito que eses poemas valen por dous. Cando o lector agarda o corpo poético tradicional, atópase encetando o poema un código QR que remite á obra anterior do poeta, de xeito que insire a realidade cotiá da terraza no mundo poético propio do autor.

                     Nun mundo onde xa non hai tortilla para os obreiros, ninguén a pide seica, errariamos se crésemos que os poemas narrativo-descritovos de Fran Alonso son pouco poéticos. Certamente poderían ser relatos breves sobre o acontecer diario da terraza, mais non é menos certo que sempre Fran Alonso atopa, nalgún momento, o achado poético que xustifica a nosa agarda (“No rostro dela adiviño o perfil / dunha coidadora de ocasos” (39) ), que tampouco é moito porque Fran Alonso demostra en cadanseu poema que a visión que nos está a trasladar é a dun poeta, ás veces desde o mesmo inicio (“ A terraza ten o ánimo abatido” (34).) A fin de contas, Terraza, é a vida exterior que rodea o poeta nun momento dado, alí sentado, nun interludio entre dúas actividades, un lóstrego lúdico no correr do día, mais o poeta é poeta en calquera hora, en calquera circunstancia, en calquera momento, porque o poeta ve a vida exterior como un poeta e nela proxecta a visión poética interior.

                     Un poemario como Terraza, e en xeral toda a a obra poética do autor, contradí esa visión simplista que algúns teñen e segundo a cal o poeta é unha sorte de ser exclusivamente atento ao seu mundo interior, un mundo interior que cre rico e por iso nolo comunica. Por iso non é casualidade que os códigos QR remitan con certa frecuencia Poétic@, porque o poemario en si é a poética do cotián, do cotián nunha terraza calquera dunha cidade calquera a unha hora calquera onde o único notábel, o que marca as diferenzas, é que hai sentado un poeta que no seu caderno deixa constancia en forma poética dese acontecer, que é moito máis  rico  do que en principio poderiamos sospeitar, e se é moito máis rico é pola visión poética. De aí a importancia que teñen na vida @s poetas.

 

            ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)