ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de ONCE PORTAS (Héctor Cajaraville, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 14 Xuño 2017 @ 6:10 p.m.

POÑA UN MISTERIO NA SÚA VIDA

Título: Once portas

Autor: Héctor Cajaraville

Editorial: Xerais

Un misterio, unha incógnita por descifrar, o ser humano é un ser intelixente ao que se lle supón valentía pero non todos a demostramos na mesma medida. Hai quen prefire ver a vida pasar e hai quen fai a vida segundo os seus desexos e apetencias, hai quen non ten medo a que  a vida o leve por un camiño querendo el ir por outro, non ten medo e logrará que os dous camiños conflúan. Porque a vida ten esas cousas, ponche diante intres nos que tes que decidir que dirección tomar, dependendo da dirección o futuro que vaias ter, envites nos que se demanda a túa participación a fin de lograr algo que moi poucos poden fachendear. En literatura, misterio é sinónimo de emoción de que o discurso en cuestión vai captar a  nosa atención e nos vai manter atados ás súas páxinas até a resolución do remate.

A novela que hoxe traemos a estas páxinas internéticas da Ferradura é unha novela de misterio. Tamén é Premio Ánxal Fole de Narración Curta do Concello de Lugo 2016, que xa é un aval. Nela, o mozo Cardelle, no día da Ascensión do ano 1929, coñecera a dous moinantes, Phillip e o mago Bunda, Bundamagili, en realidade, un masai enorme que realiza todo tipo de prodixios que teñan que ver coa adiviñación. Alí, na Alameda de Santiago de Compostela, o mago Bunda fai partícipe a Guillerme dun segredo que relaciona as portas da muralla que en tempos rodeou Compostela, coas igrexas intra muros, supostos pasadizos soterrados e o sepulcro do Santo Apóstolo. E desde entón xa non haberá maneira en que Guillerme, o mozo  Cardelle, deixe de matinar no asunto. Afeccionado á Historia, cousa que xa lle vén de familia, terá que poñer en relación todo o anteriormente dito co número once, pois o mago Bunda fala de once portas e once igrexas.

Ese será o obxectivo. Procurar o momento no que coincidiron once igrexas e once portas. De Guillerme e da novela, que se  nos presenta baixo a fórmula do manuscrito encontrado, sendo ese manuscrito as memorias de Guillerme. Dese xeito Once portas camiña entre a pescuda histórica e o fantástico, porque Compostela é unha desas cidades onde se dan a man o fantástico e o histórico desde o seu mesmo nacemento. Converténdose nunha homenaxe a Santiago a través dun dos seus símbolos máis universais: o sepulcro do Santo Apóstolo. E tamén nunha novela de divulgación que trae á primeira liña de actualidade a cuestión de onde se atopan os verdadeiros restos do Apóstolo Santiago. Unha novela curta, pois poucas son as personaxes e o motivo discursivo é único.

E a verdade é que o consegue, captar a atención do lector e mantelo preso ás súas páxinas, porque sabe moi ben combinar a pescuda histórica, co valor numerolóxico do número once e co desenvolvemento dunha trama na que Guillerme vai afondando pouco a pouco até chegar a ver o que ninguén viu. Porque o mago Bunda, que ao primeiro lle parecera un falabarato, parece que ten auténticos poderes e a profecía que lle fai vaise cumprindo por moi difícil que parecía nun principio que de alí puidera saír algo. O lector pode star seguro de atoparse diante dunhas horas entretidas, cunha trama na que se cruzan a reflexión da pescuda histórica e  mais a acción a que o seu desenvolvemento vai dando lugar, de maneira que a lectura resulta amena e instrutiva. Instrutiva por todo canto contén da historia compostelá. Amena por como está contada, once capítulos breves mais un prólogo e un epílogo que encadran a o discurso na fórmula, xa o adiantamos, do manuscrito encontrado, que son as memorias de Guillerme Cardelle.

ASDO:. Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)