ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de HUMILDAR. RITUAIS DESPOIS DE DEUS

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 21 Xuño 2017 @ 6:41 p.m.

ENFRONTARSE Á VIDA

Título: Humildar. Rituais despois de Deus

Autor: Suso de Toro

Editorial: Xerais

Este non é un libro de ficción, é un libro de autoaxuda que ensina como enfrontarse á vida unha vez que estamos desprotexidos do manto da(s) relixión(s). Desprotexidos do manto da(s) relixión(s), polo tanto constata o fracaso da(s) relixión(s) á hora de poñer orde na vida das persoas. Unha vez que Nietzche proclamou a morte de Deus hai máis dun século, o ser humano quedou desvalido de todos os rituais que a(s) relixión(s) lle proporcionaban. Porque se algo teñen en común as relixións é iso, o ofrecer rituais de paso por este mundo, o ofrecer un método para enfrontarse ao mundo. Que é o que Suso de Toro fai neste libriño escrito á man e con estilográfica (41), porque escribindo á man o noso pulso acerta coas palabras máis precisas e xustas (41). E trátase diso, de ser sincero e xusto, sincero e preciso, porque este libriño, Humildar, é tamén unha procura. O autor situouse fronte ao folio en branco e preguntouse como se enfrontaba el á vida. O resultado é o que o lector ten diante dos ollos e nós estamos a comentar.

Dezasete capituliños, alén das “palabras preliminares” nos cales nos describe, nos comenta, como enfrontarnos á vida, algún dos cales coinciden con rituais de paso da relixión católica. O bautismo, os enterramentos, os casamentos, son exemplos ben claros. A relixión católica pauta unha serie de rituais para facerlles fronte. O contido moral xudeo-cristián permanece aínda que un non quixer, mais fáltame todo o demais. Fáltame a palabra sagrada e o ritual, fáltame a linguaxe (7). Por iso non é de estrañar que o primeiro capituliño sexa unha celebración da vida. Non nos pode custar tanto celebrar a vida e celebrar que estamos vivos (9). Despois pasa a comentar como recibir a quen chega, o nacemento, porque estar vivo é ser único. Non selo supón non estar vivo (11). E, despois do nacemento, o bautismo vén logo porque é cando lle damos nome ao recén chegado. O nome que damos á criatura nacida encerra os nosos desexos para esa vida (13) E, preso nel, preso no capituliño que podemos chamar do bautismo, vén o do enterramento, “Despedir a quen marcha”. A chegada dos tanatorios e a morte das carpideiras, condicionan o estado actual das despedidas aos devanceiros falecidos. Tras a despedida o diálogo con quen marchou é doutro modo, mais é diálogo (15)

Porque debe seguir existindo ese diálogo aínda lle dedica outro capítulo, os nosos mortos han seguir estando aí, aínda que nós finxamos que non están (17) falar cos mortos e falar con nós mesmos, porque se falamos cos demais porque imos deixar de falar con nós mesmos? Despois vén o capituliño dedicado ao casamento e a seguir “Coidar en” reflexiona como relacionarnos co mundo porque hai vida fóra do humano (23). Sempre desde a humildade, nos capítulos finais ata catro veces salienta a palabra humildar, enfrontarse á vida sen ningún tipo de envaicemento, humildarse para así poder percibir con nitidez a verdadeira importancia das cousas. Por exemplo a deses lugares especiais que todos temos e xustamente antes se fala deles, deses lugares que, pola razón que sexa, son especiais para nós, na nosa vida, e que pode coincidir sexan lugares aos que peregrinar, entendendo a peregrinaxe no sentido relixioso ou, tamén, no ateo. Porque se temos todo lugares especiais nas nosas vidas, cada vez que imos a eles é unha peregrinaxe.

Esta é a maneira en que Suso de Toro se enfronta á vida.  O resultado da procura que Suso de Toro fixo ao preguntarse como enfrontarse a iso que pasa todos os días ao noso redor e que chamamos vida.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)