ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de RELATOS PARA SORRIR. TRECE NARRACIÓNS DE MODERADA ALEGRÍA (Valentín Alvite)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 9 Agosto 2017 @ 8:18 p.m.

LITERATURA PARA ALEGRARCHE A VIDA

Título: Relatos para sorrir. Trece narracións de moderada alegría

Autor: Valentín Alvite

Editorial: edición de autor

Xa ben cargadiña vén a vida de dramas como para que non nos paremos un intre con aqueles autores que nola alegran. Porque todos necesitamos, e moito, ese sorriso que nos reconcilie coa condición humana. Todos necesitamos ler un libro como este de Valentín Alvite como mínimo unha vez ao mes, por moito que a literatura de cariz cómico resulta vista como unha literatura de segunda fila ou unha pseudo literatura. E nada máis falso que condenar a literatura feita por un autor polo tipo de recursos que utiliza. De aí o esforzo que realiza Valentín Alvite na presentación do seu libro, caracterizándoo como portador de moderada alegría e fóra por completo do que se pode entender como humor chocalleiro de dicir parvadas ou facer disparates e do escatolóxico, racista, sexista ou homófobo, de maneira que o lector pode gozar á vontade deste libro que contén trece narracións de diferente medida cada unha, se pode dicir, aínda que as catro derradeiras resultan catro novelas breves. “O seu é un humor conceptista, fino e sutil, que repousa na retranca galega: móvese no gume das ambigüidades, xoga cos dobres sentidos, recréase no contraste, brinca co paradoxo e  explora o implícito. Nada que ver coa grosería, o esaxero e as falcatruadas dunha certa comicidade frontalmente allea ao noso xeito” (9, salientado orixinal). Son  palabras de Henrique Monteagudo, no prólogo, que definen ben o humor de Valentín Alvite.

                Valentín Alvite deuse a coñecer como escritor con Don Nuno e outros relatos humorísiticos (Editorial Seara, prologado por Xosé Luís Méndez Ferrín), tamén aquí presente e obtivo o Antón Avilés de Taramancos con outro relato tamén aquí presente, o que pecha o libro, O hotel. Don Nuno e O hotel son dúas das novelas breves que neste volume se atopan, porén Relatos para sorrir comeza con sete narracións de distinta extensión, tendendo á brevidade ou usando capítulo breves que de seguida nos sitúan no tipo de humor que tan ben definira Henrique Monteagudo. E resulta ben difícil decantarse por unha ou por outra, tendo por seguro que en cada unha delas imos atopar onde a lóxica se volve paradoxal ou, dito doutro xeito: onde o paradoxo agacha unha lóxica absolutamente inagardada e por iso máis chocante e humorística.

                Don Nuno sitúanos no ano 1228, trátase dunha comedia medieval na cal D. Nuno enviuva e, á semana, xa quere casar. A tentativa de matrimonio de D. Nuno vai dar lugar a unha serie de situacións cómicas relatadas en capítulos moi breves e contundentes. Os irmáns D. Fernán e D. Álvaro a discutir cal deles é o primoxénito, o recadador, o bandido Roi o Bravo ( a quen se acolle D. Nuno na súa desgraciada aventura), o cronista, o taberneiro, a noiva…son algunhas das personaxes aquí caricaturizadas e que enchen de contido e risas esta novela breve. Coa mesma técnica mais xa na actualidade, Brais Olveira é a segunda das novelas breves. Esta céntrase na figura de Brais Olveira que vén de abrir unha axencia de detectives e como primeiro paso preséntaselle o roubo dun libro, un libro medieval atopado en Veascón e que sitúa alí o misterioso monte Medulio, con esa desculpa pasa diante dos nosos ollos boa parte da sociedade veasconense, desde as forzas da orde ao mesmo cura, na igrexa do cal apareceu o libro, ese libro que ameaza con paralizar a vila, pois trátase dun achado que arqueoloxicamente falando ten moita importancia. O mesmo protagonista ten a terceira das novelas breves, un tempiño máis adiante, Brais Olveira tópase co caso da desaparición dun billete de lotaría premiado, que parece que  o seu dono levou consigo cando morreu, pois enterrárono co mesmo traxe que levaba o día que mercou o billete de lotaría. O neófito Brais Olveira, pois non deixa de ser un recén chegado á profesión, resolverá o caso. Trátase da novela curta onde menos humor hai, non a podemos cualificar de comedia posto que o que de verdade tira dela é o asunto detectivesco. Mais o que lle poida faltar de comedia pono de sobra O hotel, unha deliciosa comedia de situación que pon o seu albo na sociedade do corazón e a súa forma de vida cando don Carlos Alberte de Andrada ve como seu posto e figura fica suplantada por un aspirante a traballador do hotel a quen todo o  mundo confunde co conde, incluídas as esposas de Carlos Alberte e mais a do propio aspirante a empregado, un badulaque que nunca ocupación tivera e vivía dos cartos que gañaba a súa muller no hotel.

                Non hai desculpa, Valentín Alvite convídanos a ler e de paso botar unhas risas sen perderlle ollo á grande literatura. Porque a literatura pode ser grande e convidar a rir. Hai máis literatura nestes Relatos para sorrir (ilustrados por Gonzalo Vilas e Anabel Rodríguez) que en moitas novelas ao uso, iso si, non son trece narracións senón once, como se comproba no índice,

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.