ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de FILOSOFÍA DA INDIVIDUACIÓN (Miguel Penas, Euseino?)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 16 Agosto 2017 @ 8:29 p.m.

SEGUINDO A SIMONDON

Título: Filosofía da individuación

Autor: Miguel Penas

Editorial: Euseino?

A Historia da Filosofía adoita estar percorrida por temas que se manteñen ao longo dos séculos sen que haxa unha resposta definitiva a esas preguntas. Algo que pode parecer tan simple como a diferenza entre materia inerte, seres vivos e seres pensantes non o é, como nos lembra Miguel Penas nesta Filosofía da Individuación, unha sorte de continuación da súa tese de doutoramento, como nos lembra o propio autor nada máis comezar a lectura. Precisamente como tentativa para responder a esa pregunta nace esta Filosofía da individuación na que Miguel penas analiza moi de cerca as teorías do filósofo francés Gilbert Simondon cunha concepción filosófica realista e poshumana (20).Para o cal illla unha corrente procesual na filosofía continental que estaría integrada por Bergson, Whitehead, Simondon e Deleuze, filosofía do proceso continuada por  Charles Hartsborne ou David Ray Griffin, remontándose a filósofos gregos como Heráclito e seguida por autores actuais como Isabelle Stengers, Manuel DeLanda, John Protevi ou Steven Shaviro.

Pero que son as filosofías do proceso? En que consiste a filosofía da individuación? Para dar resposta a estas preguntas, Miguel Penas segue fundamentalmente ao filósofo francés Gilbert Simondon cando denuncia que a metafísica occidental “concede un privilexio ontolóxico ao ser xa constituído “ (46) porque non se pode dar conta do individuo se se parte do individuo xa feito, para o cal rexeita o substancialismo e, seguindo a Bergson, diferencia entre a realidade xa feita e a realidade facéndose, a fin de articular unha filosofía procesual na que o proceso e o produto, a individuación e o individuo, poidan ser pensados conxuntamente (48) porque a individuación non é soamente individuación do individuo senón devir do ser (49, énfase orixinal), para o cal estuda as orixes do hilemorfismo (tecnolóxica, biolóxica, psicosocial, e física) e, seguindo a Simondon, introduce o concepto de transdución para dar conta de como a enerxía se propaga no interior dun dominio. A termodinámica do non-equilibrio, as estruturas disipativas físico-químicas, os individuos físicos e mais o pamsiquismo sérvenlle a Miguel Penas para botar luz sobre as formas de inventividade da materia.

Non importa se a realidade é inerte ou animada, pensante ou non, o que importa é que proceso e produto son pensados ao mesmo tempo. Non se trata de achanzar, de negar a diferenza (235) senón que precisamente o recoñecemento dun proceso común de xénese é o que permite descubrir unhas modalidades diferentes (235) pois a filosofía da individuación xorde como unha maneira de superar o materialismo e tamén o indutivismo, estudando a afectividade e a individuación psíquico-colectiva, non pode ser entendida en ningún caso como unha forma de subxectivismo ou idealismo e, nese senso, está comprometida con algunha forma de realismo (184). Aínda que non é doado o encadre no realismo, bótase man do concepto de transdución, que non é soamente un concepto máis co que nomear a propagación dunha singularidade nun campo metaestable, o cal pode expresar de xeito máis ou menos adecuado os procesos de individuación, senón que ademais pretende expresar a identidade operatoria entre o pensamento e o pensado (190).

Se aquí defendemos, a partir da intervención transformadora de Gilbert Simondon, a valía e necesidade dunha filosofía da individuación, é porque pensamos que esta permite tender pontes, fixar alianzas e acadar transitorios tratados de paz entre os vellos partisanos dunha batalla sen fin (244). Diferenciar entre materia, vida e pensamento serve para comprender a realidade, son nocións útiles que nos permiten movernos con comodidade. Pero un mínimo achegamento ás presuposicións afirmadas nestas distincións revela a necesidade de poñelas en cuestión (247).

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.