ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de OS FILLOS DO LUME (Pedro Feijoo, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 23 Agosto 2017 @ 8:10 p.m.

UNHA NOVELA QUE ENGANCHA

Título: Os fillos do lume

Autor: Pedro Feijoo

Editorial: Xerais

Palabras máxicas as que titulan esta crítica. Dicir que un libro “engancha” é convidar directamente á súa lectura. E nós non quixemos agardar máis para facelo, porque quizá é o mellor resumo que dela se pode facer. Porque do resto, nunha novela de 495 páxinas, hai momentos para todo. Aínda que se trata dunha novela detectivesca e Pedro Feijoo non perde nunca o rumbo, tamén é certo que atopa tempo para beirear  a novela sobre historia, a novela romántica, a crítica social ou a novela negra. Mais, antes ca nada, Os fillos do lume representa o retorno de Mariña e Simón, os protagonistas de Os fillos do mar nunha novela que é unha novela de Vigo. De feito, a historia de Vigo é parte fundamental da novela. Porque a novela constrúese sobre a confluencia de dous planos narrativos. A trama que comeza co asasinato do alcalde Vigo, en plena festa da Reconquista e antes de dar un discurso que ía ser sonado, e a que ten que ver coa historia viguesa, que nos retrotrae á mesma fundación da cidade coa chegada dos franceses e consecuente Reconquista, que nos é contada dunha maneira diferente a como se nos veu contando tradicionalmente, nun esforzo por recuperar o protagonismo do pobo que posibelmente fai que a versión de Pedro Feijoo sexa máis verosímil que o que se nos veu contando deica hoxe.

Alternando as dúas tramas, así vai avanzando a novela, estando as dúas conectadas pola misteriosa morte do alcalde, no día da Reconquista e por un moi certeiro disparo de mosquetón. Uns misteriosos papeis caen nas mans de Mariña e Simón, atribuídos a un tal Velasco Espinosa e coa Confraría do Cristo da Vitoria de fondo, como instancia na que recaen as sospeitas. Aquí, no escrito que Velasco Espinosa lle dita a Candeán, Pedro Feijoo ten o  acerto de mudar un chisco o rexistro, non o suficiente como para falar de novela histórica, de feito está máis cerca da novela negra, mais si altera o rexistro literario aínda que só sexa pola interminábel e variada listaxe de improperios cos que Velasco chama ao seu copista. Porén surte o efecto de indicarnos que nos atopamos con outro tipo de discurso, un efecto que xa non é tan acusado na segunda ocasión, cando se trata do escrito de Hugo de Sanxoán. Ambos e dous escritos teñen en común o falarnos da orixe da cidade de Vigo, no tempo da francesada, poñendo en valor o protagonismo do pobo así como do alcalde Vázquez Varela en lugar doutros oportunistas como Pablo Morillo aos cales a historia herdada atribúe uns méritos dos cales non son merecentes. Así, a novela de Pedro Feijoo é unha novela contra a historia (herdada) máis que unha novela histórica.

A Confraría do Cristo da Vitoria é o elemento no cal recaen as sospeitas de Mariña e Simón, sospeitas alternativas ás de Bruno Rodés, outra personaxe que volve desde Os fillos do mar, novela coa que esta Os fillos do lume ten parecido non só xa no título, descaradamente, senón tamén no ambiente de aventuras no cal transcorre a novela, botando man da historia cando cómpre, antes a batalla de Rande, agora a Reconquista. E na lexibilidade, quen disfrutara de Os fillos do mar vaino facer tamén con esta Os fillos do lume. Sempre se preguntará porque fillos do lume, nós aquí non o imos responder senón indicar que Pedro Feijoo ocúpase de exista unha xustificación para tal apelativo, mais será o lector quen teña que procurala no trepidante remate.

En definitiva, eis unha novela coa intriga ben dosificada, que nos mantén atentos a cada unha das súas páxinas e que xustifica que Pedro Feijoo sexa o fenómeno literario do momento. Unha novela perfecta para deixarnos levar neste tempo de vacacións en que dispoñemos de máis vagar para a lectura. Unha novela de Vigo que, ademais de entreternos, nos ensinará unha morea de cousas da fundación da cidade como para entendermos mellor a a actualidade, unha actualidade á que non lle esconde a cara, xa que se insire directamente na interminábel galería de casos de corrupción a que asistimos. De feito remata cunha crónica xornalística do caso de corrupción que percorre as páxinas da novela.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.