ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O CÓDICE ESMERALDA (Alberte Blanco, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 6 Setembro 2017 @ 8:19 p.m.

BEST-SELLER,BEST-SELLER

Título: O códice esmeralda

Autor: Alberte Blanco

Editorial: Xerais

Vénse tendo o achegamento á fórmula do best-seller como unha tentativa de aproximación a unha novela de entretemento onde a trama está confeccionada de tal xeito que o máis importante é que o lector permaneza permanentemente intrigado. Seguindo estes parámetros, Xerais vén de publicar a novela de Alberte Blanco O códice esmeralda, unha novela que, se ben ten unha concepción unitaria que no remate se revela, durante a lectura ben pode ser tida coma a suma de tres novelas breves distintas, as que lle dan nome aos seus tres apartados ou momentos. A primeira delas, “A conspiración”, xira a redor da batalla de Rande, que ten  lugar no remate e cun sorpresivo final. Deste xeito, a primeira parte, presenta os preparativos da frota de Indias para traer un tesouro a España, daquela aliada con Francia para contrarrestar a oposición da outra alianza entre Inglaterra e Holanda, a ver quen dominaba o comercio con América. Nesta frota, que escoltarán navíos franceses, viaxan Camille e Xan Bieito, que recobrarán protagonismo na terceira parte e aparece Xacobe, que é quen reconstrúe a historia da batalla de Rande a partir de documentos atopados nunha antiga casa familiar. El, Xacobe será o protagonista central de O códice esmeralda. Cómpre salientar que, nesta primeira parte nin nunca na novela, o autor non se define pola novela histórica senón por unha novela que trata de feitos históricos. Os documentos atopados son dous: o manuscrito do capitán xeneral español Manuel de  Velasco, que é o diario de navegación da frota española (escoltada pola francesa) e unha segunda parte que é obra do grumete Xoán Bieito. Unha estraña cerimonia ritual pon o contrapunto a esta parte.

                A segunda parte describe, dun modo bastante idílico, a vida dos pescadores da ría da Vigo durante a primeira metade do século XIX. Transcorre en santo Ardán de Cobres e presenta o naufraxio e morte (falsa) de Portela, así como o matrimonio de Andrea con Xan Branco, herdeiro de Xan Bieito, que será secuestrada por Martín do Outeiro (un indiano polifacético e pintoresco que non é outro que Portela) e liberada por Xan Branco e os seus fillos. É de salientar aquí, e en xeral en toda a novela, o perfecto coñecemento da ría da Vigo por parte do autor, así como as artes de navegación mariñeiras. E non podemos deixar de sinalar a coincidencia da novela de Alberte Blanco coas dúas de Pedro Feijoo (Os fillos do mar e Os fillos do lume) por canto as tres tratan de Vigo e a súa ría nunha época moi similar. Martín do Outeiro (Portela) tamén andaba detrás do tesouro procedente da frota de Indias que na batalla de Rande quedara oculto e existe un pergameo que fala da súa localización e é posesión da familia de Xan Branco, este pergameo terá un protagonismo moi grande na terceira parte, na terceira novela, que envolve as outras dúas e lle dá sentido unitario a O códice esmeralda.

                Na terceira parte o protagonista central xa é Xacobe, tamén na procura do tesouro. É a parte máis fantástica e menos críbel das tres, onde os soños de Xacobe se fan patentes condicionando o seu proceder. Aquí reaparece Camille, aínda que é máis obxecto narrativo que suxeito. Todos andan atrás do tesouro e atópano na illa de San Simón, mais o verdadeiro tesouro non é o monetario, que atopan, senón un códice maia detrás do cal anda tamén unha loxa masónica francesa, que achega personaxes novos nunha intriga de alianzas e traizóns que rematarán cando Xacobe se faga co devandito códice maia, o códice esmeralda, que é a fonte da eterna mocidade. Esta parte pon de manifesto o esforzo do autor por achegarse a unha fórmula narrativa que xunga a novela histórica, coa novela de aventuras e a novela de intriga de sociedades secretas. O resultado é esta O códice esmeralda onde o lector debe mergullarse en facerse demasiadas preguntas a cerca de verosimilitude, moi grande nalgúns casos ( o relativo aos preparativos e desenvolvemento da batalla de Rande, así como as artes de navegación na ría de Vigo) e moi baixo noutros (particularmente, as personaxes que se expresan nun rexistro que non lles é pertinente).

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.