ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de ´AIN. O OLLO E A FONTE (Almudena Otero Villena, Axóuxere)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 13 Setembro 2017 @ 6:17 p.m.

ARTIGOS FILOSÓFICOS

Título: `ayn. O ollo e a fonte

Autora: Almudena Otero Villena

Editorial Axóuxere

O presente volume contén cinco artigos filosóficos: “A palabra erótica”, subdividido en tres apartados;  “A (non) verdade do mestre Eckhart, tamén subdividido en tres apartados, “As metamorfoses da presenza: a luz,a música, a danza”; Os espazos invisibles e a palabra das mulleres” e “O un e o múltiple: as xeografías da fala”, tamén compendiando tres partes.

“A palabra erótica” xira a redor da fiolosfía da beguina alemá Mechthild von Magdeburg, que naceu a principios do século XIII e deu a luz unha obra: A luz que fúe da divinidade, “un texto fragmentario e por intres caótico, unha mestura de diferentes xéneros literarios. Oracións, diálogos entre deus e a alma, ou entre a alma e o corpo, fragmentos narrativos, poemas na tradición do Cantar dos cantares ou da lírica cortesá” (24). Logo de ofrecernos unha breve noticia biográfica, a primeira parte, “O desexo”, céntrase no desexo como forza motriz. “Todo comeza cunha busca, unha procura se cadra do sentido da vida, ou do amor. Iso é o desexo” (17). Malia o título (“A palabra erótica”) ese erotismo non é exclusivamente carnal, todo o contrario, é un erotismo que tamén contempla a unión con deus. “ O desexo é, daquela, forza que arrastra, que carece de obxecto, movemento que expande o uiverso: deus (17). Trátase dunha mística erótica que atopa paralelismo noutras relixións, por exemplo na poesía sufí e é herdeira da mística nupcial inicida por Oríxenes e Bernardo de Claraval, pois nos séculos “XII e XIII o corpo asumiu un papel moi relevante na experiencia espiritual ( especialmente na feminina) como espazo de encontro coa divindade” (19). A segunda parte, “A cruz” fíxase na parte dolorosa que o deseo comporta. “ Se o desexo de sufir pode xa de por si ser patolóxico, éo inda máis para alguén que vive a principios do século XXI, integrante dunha sociedade que que se alicerza na obtención inmediata do pracer” (21). “ O neocapitalismo é a economía do desexo, na que calquera obxecto susceptible de ser consumido é sexualizado no degoiro de facer da vida unha especie de orgasmo permanete; o desexo, convertido nun valor mercantil, chámase agora consumo” (22). Si , no desexo tamén hai dolor, gozo e dolor: “para Mechthild o ceo é gozo, mais é comunidade no gozo” (23). Na terceira parte, “A palabra” recóllese como Mechthild recorre con frecuencia á  metáfora, que “ é en si mesma palabra discontínua, transfronteiriza, erótica” (24). Despois segue un comentario de A luz que flúe e as súas traducións, para volver á consideración da metáfora historicamente para defender o uso da metáfora por parte da beguina alemá á hora de expresar a natureza se deus.

                     “A (non) verdade do mestre Eckhart”, comeza cunha presentación biobibliográfica do mestre alemán que acabaría sendo procesado pola Inquisición, despois comenta como Eckhart predica o estado de abandono como fórmula para acercarse a deus para fixarse en como a súa linguaxe está chea de paradoxos, metáforas e símiles no seu desexo de transcender, o que fai a partir do termo bilde , engadíndolle prefixos. Despois analiza os seus sermóns “adoito construídos a partir dunhas poucas palabras clave” (37), fixándose especialmente no paradoxo. Como todo este capítulo xira a redor da filosofía de Eckhart von Hochheim, na parte que finaliza o ensaio céntrase na razón e a veradade que “non é propiamente unha proposición, senóna algo inmediato, non mediado, unha realidade sensible, física” (43).

                     “As metamorfoses da presenza: a luz, a música, a danza” recupera figura de Hildegard von Bingen para continuar co tema da unión con deus. “O fluír da divindade é fluír da palabra divina; deus é un instrumento con cordas das que sae á música, o canto máis fermoso que endexamais se escoitou (53). “Danzar é irse espindo veos, até que xa non quede nin a propia vontade (54). Xusto antes comentaba como para Hildegard “cómpre, se cadra  ollar a luz dende lonxe para non se queimar” (53). “ Os espazos invisibles e as palabras das mulleres” despois de comentar a visión medieval da muller, conclúe que hai “daquela lugares femininos e masculinos, nos que os roles de homes e mulleres están ben delimitados (61) para centrarse despois nos conventos de clausura que xorden na Idade Media, sempre femininos,como unha forma de calar ás mulleres, fenómeno urbano, castigado con penas severas, que devén cada vez máis estrito mais que pode verse tamén como unha forma de protección, “como unha defensa fronte á agresión”(47) , como os veos musulmáns, para reivindicar despois os libros de monxas como unha forma de subversión, no harén ou no convento,e finaliza deténdose na figura de Emily Dickinson.

                     Pola súa parte, o capítulo que pecha o libro é un comentario bio-bibliográfico da figura do filósofo murciano en lingua árabe Ibn ´Arabî.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.