ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A VIDA SINXELA DE MARCELO FIRMAMENTO (Vanesa Santiago, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 20 Setembro 2017 @ 6:17 p.m.

A ESCRITA DELICADA DE VANESA SANTIAGO

Título: A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Autora: Vanesa Santiago

Editorial: Galaxia

Xosé Luis Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xohana Torres, María Xosé Queizán ou Carlos Casares son autores que se deron a coñecer desde a colección Illa Nova que a Editorial Galaxia creara para dar a coñecer o labor dos autores máis novos. Hoxe, no 2017,  cando se cumpren sesenta anos da súa creación, Galaxia creu necesario e conveniente promover o premio Illa Nova agardando que a súa funcionalidade sexa a mesma que a colección tivo no século pasado, estimular a creación entre os autores máis novos. Unha excelente idea a xulgar por esta A vida sinxela de Marcelo Firmamento con que Vanesa Santiago logrou o premio, entregado de mans de Xosé Luís Méndez Ferrín, primeiro autor editado nesta colección.

                     A vida sinxela de Marcelo Firmamento é unha novela que reivindica as xentes humildes do mar que co seu traballo e tesón son quen de labrar unha vida no escenario máis duro, o mar. Supón a biografía de Marcelo Firmamento, nacido cando  o ditador Franco visita a vila de Sada e condenado a vivir no mar desde o seu propio nacemento. Desde entón, primeiro na baixura e despois e grandes transatlánticos, xa como mariñeiro de primeira, a vida de Macelo corre sempre pegada ao mar. A súa biografía está escrita por unha narradora en terceira persoa que coñece os feitos porque os investigou falando con testemuñas. Por certo que son poucas as mulleres que escribiron tanto e tan ben do mundo do mar, o de Vanesa Santiago é unha novidade no mundo editorial galego que case sempre viu como foron homes os que escribiron sobre o mundo do mar.

                     De Vanesa Santiago sabiamos pola súa novela Ninguén lembra (Urco Editora) así como polos seus relatos na serie Contos estraños ( “A sobra da luz”, “A revelación de Li Kun-woo” e “Niño de serpes”), en A vida sinxela de Marcelo Firmamento proponnos as peripecias de Marcelo Firmamento na procura do su pai Lolo, desaparecido en estrañas circunstancias mais que a súa dona, Estrela, cre vivo e nas Américas. Unha vez que cumpre a súa iniciación na baixura, e fai o servizo militar, Marcelo embárcase nun grande transatlántico o “Gris dos Mares”. Primeiro visitará Hong-Kong, despois virá América (Nova Iorque, o Brasil, o Uruguai, a Arxentina, onde estará en Bos Aires e despois na Pampa, camiño de Ushuaia) sempre na procura do seu desaparecido pai. Mais o periplo de Marcelo Firmamento non remata aí e aínda seguirá rumbo ás Filipinas  a bordo do “Jean Copo´h”.

                     Que a vida sinxela de Marcelo Firmamento sexa iso, sinxela, non quere dicir que nela non se atopen circunstancias máxicas, como é lóxico en todo aquel que vive do e no mar.Non en van antes de ler a novela  lemos un verso de Miro Villar: “En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico”. A autora condúcenos así por unha narrativa que abala entre o sinxelo e o máxico, entre o realismo e a fantasía, como as ondas do mar. A procura do pai de Marelo non é máis que a escusa para realizarmos unha viaxe entre o humilde e o extraordinario. A sinxeleza da vida de Firmamento a bordo dos barcos non impide que este se comunique coa súa amada Ellaine mediante mensaxes botadas ao mar nunha botella, por exemplo. Nin que agrome a mitoloxía, sobre todo contra o final, onde Sedna será decisiva.

                     Nas páxinas de A vida sinxela de Marcelo Firmamento non faltan referencias metaliterarias, sendo a máis importante a do conto “Dos Apeninos aos Andes” de Edmundo de Amicis ( 1846-1908, a peripecia de Marcelo na procura do pai ten moita similitude coa de Marco e a súa nai) icluído na súa novela Corazón (1886). Tamén se poden atopar conexións con Horizontes perdidos de James Hilton (1900-1954), publicada en 1933, sobre todo por todo o que ten que ver con Shangri-la. Sen que poida faltar a mítica Moby Dick de Herman Melville (1819-1891) publicada en 1851, moi presente no remate da novela de Vanesa Santiago, coa caza da balea. Ou Walt Whitman ( 1819-1892) que dá título a un dos capítulos.

                     Porén, sobre todo o dito prevalece o cariño con que Vanesa Santiago trata a súa materia narrativa, desde a nativa Fontán, onde todo comeza e todo remata, ao Rederrota, por exemplo, pasando pola mitoloxía galega relativa ao mar. O lector percibe isto, que obra de tal xeito que se transfigura en aprecio polo que se está lendo, chegando a ser unha lectura tan íntima que se fai difícil abandonar a lectura dunha novela na que tamén está presente o exilio galego nunha época gris e miserenta aquí na Galiza, que procura unha vida en liberdade fóra das nosas fronteiras, despois de todo, Lolo, o pai de Marcelo, ben pode ser considerado outro exiliado. Un cariño que eleva a visión dunha época aínda recente (a novela arrinca nos anos 40 do pasado século) a ser tratada como algo mítico, envolvendo ao lector nun manto de saudade e ledicia que se entremesturan ao longo das súas páxinas.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)