ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de TERRADENTRO (Xosé Benito Reza, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 27 Setembro 2017 @ 6:17 p.m.

PRETO DA RAIA CON PORTUGAL

Título: Terradentro

Autor: Xosé Benito Reza

Editorial: Xerais

Nas últimas décadas, Galiza perde habitantes no rural, e coas xentes vanse as aldeas, e coa desaparición das aldeas esfúmase aquilo que deu vida ás vilas do interior galego. Neste contexto é no que hai que situar a motivación que moveu a Xosé Benito Reza a escribir a  súa primeira novela, ficción lonxe dos ensasios a que nos tiña habituados que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura en Tránsito.

                      Terradentro é un conxunto de  tres novelas mais unha narración memorialista que pon cabo ao discurso, un discurso que ben pode ser considerado unha novela fraccional na que a pate final “Terradentro” dá título e unidade ás tres anteriores. Como fimalidade Terradentro ten a de recrear unha vila do interior galego, raiana con Portugal, nos primeiros anos da décda dos 50 do pasado século. Unha vila que florece ao abeiro das dinminutas aldeas da contorna, que lle dan vida ao xeraren o movemento ecocómico que ten lugar nela, aínda á sombra da memoria dos fuxidos e da guerra civil. Mais que “Terradentro” dea  título e unidade non quere dicir que esta non estea insinuada antes, xa que as tres novelas anteriores teñen personaxes en común: Pepe Rial e o capitán Flores, sobre todo. Pepe Rial é un perspicaz avogado que vive na vila e se enfrontará a tres misterios:  o asasinato dun vello fidalgo no seu casarío, a procura dos tesouros que os mouros deixaron agochados na penechaira fronteiriza e o caso da cadela do alclade, que aparece pintada de verde. Pola súa banda, Flores é o capitá da Garda Civil, que pide consello a Rial para eslarecer o primeiro caso, o máis próximo a nós, xa que os seguintes serán precuelas, acontecerán antes que o primeiro, o segundo antes que o primeiro e o terceiro antes que  o segundo.

                     “Berros no vento” é  a primeira novela, que presenta o asasinato do vello Esteban, o último fidalgo, en estrañass circunstancias, no seu apartado casarío. Cómpre dicir que Xosé Benito Reza se adscribe a un hiperrrealismo que deixan ben clara os nomes en castelán que emprega e que se sente reforzado pola variante dialectal que reproduce: “il”, “eso”, “ise” (pero tamén “ese”), “iste” (pero tamén “este”), “pra” ( pero “para”), “eiquí” (pero “aquí),”mao”, “millor”, “vrao”, “tu”, “cá”, “váliame” (pero tamén “valla”). Como querendo reproducir a fala popular mais, ollo, a novela está escrita desde unha perspectiva actual. Alén duns diálogos frescos e potentes, é de sinalar o esmerado coidado nas descricións, sexan da natureza, da vila, de xente ou de ambientes. Isto lastra un pouco o desenvolvemento da trama detectivesca mais, co paso do tempo a necesidade destas vai en diminución e ritmo expositivo agradéceo.

                     “Casagrande de Ademourán” presenta o caso dunha herdanza, na que a simple vista non pasa nada estraño, mais os herdeiros teñen unha sorpresa: queren tamén o tesouro dos mouros que o finado atopou e non deixou a ninguén. Todo parecen estar de acordo en que o atopou, porque se non o fixera sería difícil de entender o ritmo de vida que levaba. Aquí aparece a personaxe de Guillermo Mazaira, Pitágoras, un vello profesor de Matemáticas que se atopa xubilado e  a quen Pepe Rial pide axuda a fin de desentrañar a profusa e misteriosa cantidade de documentación escrita que o finado deixa e onde pode estar a clave para achar o tesouro. Esta personaxe reaparece, de xeito nominal, na terceira novela. O caso será resolto grazas á perspicacia de Pepe Rial.

                     “O can do alcalde” é en realidade unha cadela, e o alcalde un tipo de poucas simpatías, por iso, a cadela parece un día pintada de verde, o que deixa en moi mal lugar ao alcalde, posto que se mofan del. Mais as cousas non paran aí e, posteriormente,aparece pintada de branco a azul e aínda, para rematar a faena, outra vez pintada coa bandeira republicana. Como en principio todo apunta que os autores sexan nacionalistas ou republicanos, Pepe Rial toma a decisión de investigar o caso porque está seguro de que eles non foron. O que pode ser considerado como unha trasnada reiterada deiaxa ao alcalde co cu ao ar e  esixe que se investigue xa. Finalmente, Rial conseguirá resolver o caso sen que haxa máis trascendencia.

                     Pecha o libro “Terradentro”, unha narración memorialista, escrita en primeira persoa mais desde a perspectiva actual, que presenta as lembranzas dun cativo a primeiros dos anos cincuenta do pasado século. Mais é unha narración evolutiva, presenta primeiro ao cativo mais remata cando este xa é un adolescente. É a rememoración dun momento histórico no que as vilas do interior eran o centro dunha grande actividade comercial, mais agora visto por un cativo, o mundo dos cativos naqueles anos nos que había de todo e nada sobraba, aínda coa sombra da guerra civil pairando.

                     O conxunto é unha novela que se le con nostalxia dun tempo que xa se foi e non volverá, mais que, coas súas estreiteces, non deixa de iluminarnos de cara a tentar lograrmos sun futuro mellor.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.