ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A VIRXE DAS AREAS (Antonio Manuel Fraga, Edicións Embora)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 4 Outubro 2017 @ 6:28 p.m.

NOVELA BREVE DUN SECUESTRO

Título: A Virxe das Areas

Autor: Antonio Manuel Fraga

Editorial: Embora

Nas proximidades  da ermida da Nosa Señora das Areas, dúas veciñas de Vilar de Sembra atopan a norma Lago, veciña do lugar e que leva anos desaparecida. Desorientada e vestida unicamente cun camisón branco, o seu estado é lamentábel. Tal parece a propia Nosa Señora das Areas, tamén desaparecida cando a custodiaba a familia os Trillo, a familia do alcalde. Desde entón o misterio adónase de Vilar de Sembra e só un xubilado, Paco Louro, perspeicaz e intuitivo, será quen de resolvelo. Este é, resumido, o comezo da trama desta novela breve de Antonio Manuel Fraga, segunda incursión na narrativa para adultos do autor, despois  de Querido H.P.Lovecraft, I Premio Antón Risco de Literatura Fanatástica.

Como novela breve que é, agradaríase nela un número de personaxes reducido, pois o espazo non dá para máis. Porén, ese non é o caso desta vez, a risco de que as personaxes fiquen estereotipadas, Antonio Manuel Fraga caracterízaas brevemente, moi brevemente, pois aínda por riba os capítulos tamén son moi breves, unha páxina e media aproximadamente na maioría dos casos. Pero se a extensión pexaba as personaxes, pola contra dota á novela dunha lectur amoi áxil, a típica novela que se le dun tirón, que vulgarmente se di. Quizá chame a atención que sexa un xubilado o protagonista da trama, porén resulta o máis agradábel nunha sociedade como a galega que avellenta máis a cada día que pasa; e, alén diso, quen ten máis tempo libre para adicar a resolver misterios?

O que parece ser un caso de drogas, en primeiro parecer, rematará con Paco mergullándose na historia de Vilar de Sembra. Igual que o que parece un caso de emigración rematará sendo un sórdido caso de ciúmes e amores mal levados. Nótese que a dosificación da intriga é quizá o aspecto mellor tratado por Antonio Manuel Fraga, unha intriga que consiste en ir desvelando aspectos dopasado de Norma porque, coma sempre, o pasado explica o presente e esta Norma que nin oe nin ve e e está internada nun psiquiátrico resulta desta maneira a  personaxe máis completa de todas, inclusive o propio Paco, que parece en todos os capítulos, que se relaciona cunha morea de personaxes e que é o fío condutor da novela.

Aínda que o trasfondo político é mínimo, cómpre indicar que a novela trascorre en 1981 e anos anteriores, naquela Galiza que acababa de espertar ao soño da democracia, naqueles tempos en que a transición viña de quedar a trás se é que non se estaba aínda nela, como ben indicaría o Tejerazo. Mais como dicimos, o trasfondo político é mínimo, tan só indicar o protagonismo da familia do alcalde, un alcalde de conviccións políticas conservadoras, que vive nun pazo que é máis ben un fortín militar.

De resultas, a ficticia Vilar de  Sembra ten moito da Costa da Morte, inclusive a Nosa Señora das Areas é unha igrexa do concello de Fisterra con certo protagonismo no Camiño de Santiago. E remata por ser un protagonsita máis da novela, un protagonista colectivo que se move a redor de Paco, segundo este vai realizando as súas pesqueisas, as xentes de Vilar de Sembra aparecen na novela para darlle vida, desde o cura ao taberneiro, en cuxa tasca se xogan unhas eternas partidas de brisca das cales Paco é asíduo.

Cómpre sinalar, para remate, que os capítulos teñen título mais non numeración, nin tampouco existe índice, e os capítulos teñen unhas dimensións moi equiparábeis, de tal maneira que se pode confundir esta novela breve cun libro de relatos moi breves. Unha confusión que se desfai nada máis comezar a ler, certamente, mais que pode levar a erro  a quen simplemente a follea a ver se a merca. Unha vez iniciada a lectura, cun par de capítulos abonda, entón xa non queda ningunha dúbida de que estamos ante unha novela breve, a novela do misterio de Norma, reaparecida despois de anos que se pensaba botara na emigración en Suíza, mais cunha realidade que resulta moito máis sórdida.

ASD.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.