ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de SOÑO DE INFANCIA (Moncho Rouco, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 11 Outubro 2017 @ 6:16 p.m.

AQUELES ANOS

Título: Soño de infancia

Autor: Moncho Rouco

Editorial: Xerais

De súpeto, os últimos cincuenta anos mudaron por completo a forma pasar o tempo de lecer. Por se non tiveramos pouco co cine, a radio e televisión, as novas tecnoloxías viñeron mudar por completo o xeito de pasar o tempo xogando. De repente, todos aqueles xogos que herdaramos e tiñan tradición secular pasaron a formar parte das curiosidades que de cando en vez nos gusta lembrar en eventos especiais. A nosa relación co medio faise agora mediante pantallas, por iso os xogos que antes nos poñían en relación co medio ( que para iso estaban) caeron en desuso. Hoxe botamos máis tempo vendo pantallas que observando a paisaxe que nos rodea, inclusive ás veces coñecemos as novidades que lle afectan gracias que unha pantalla nos informa.

                     Tendo todo isto en conta, Moncho Rouco escribe unha  novela de recuperación, unha novela de recuperación de todos aqueles xogos que enchían o noso tempo de  lecer aló polos principioa dos anos sesenta do pasado século. Trátase dunha novela autobiográfica dos anos de nenez e primeira adolescencia. Comeza cando o autor protagonista tiña sete anos e se muda a vivir nun cuartel das aforas da Coruña. E remata cando anda pola fronteira dos quince anos. Entre medias, ano a  ano, estación a estación, Moncho Rouro vai lembrar o sucederse dos xogos, no patio do cuartel, así como o seu paso por diferentes academias da cidade. Aqueles anos onde todo era unha aventura, desde as batallas a cantazos con bandas rivais aos primeiros guateques. Todo era unha aventura e unha descuberta, desde o fútbol ao brilé. Moncho, Ramonciño, era fillo dun garda civil, un neno  coa man dereita case inútil, eiva que irá superando pouco a pouco porque el quere ser un neno normal, coma todos os demais, e conseguirao, tamén é unha novela de superación.

                     Para os nenos de hoxe ha ser toda unha descuberta comprobar como con tan poucas cousas se podían armar multitude de xogos. Se poden, porque perderían actualidade, mais non por iso deixan de seren posíbeis, de seren realizábeis. Hoxe pódese xogar a eles exactamente igual ca antes. Mais para os rapaces de hoxe todo o que non veña nunha pantalla é asimilado ao antigo, ao vello. O que entón era todo un luxo ( un traxe cow boy con pistaolas de fulminantes), hoxe non é máis que un disfraz típico do antroido. Perdeuse aquela facilidade para inventar aventuras de vaqueiros contra indios, mesmo, cando non había cartos, as pistolas eran substituídas por paus ao efecto e o ruído dos fulminante con onomatopeias ao uso. Desde este punto de vista, a nenez de hoxe é moito menos rica que a nenez de antes, esperta menos a imaxinación e o xogo deixa de ser unha actividade colectiva en  movemento, hoxe o xogo volveuse unha actividade individual que na maioría dos caso se realiza sentado.

                     Mais a novela de Moncho Rouco vai máis dirixida á nostalxia adulta que aos nenos de  hoxe. Por iso se fai acompañar a perspectiva de neno da figura dun escribidor que representa a perspectiva adulta. Deste xeito consegue unha novela híbrida contada con desenfado e un alto ritmo narrativo, de xeito que se fai difícil abandonar a lectura por  moito que se coñezan os xogos que na novela  se contan e que se van sucedendo, estación tras estación, no patio do cuartel e lugares próximos do extarradio coruñés. Como o Birloque, barrio dos que serán primeiro os seus principais inimigos e despois seus compañeiros. Retratando así unha infancia a medio camiño entre a cidade, á que pertencían, e a  aldea que non lles quedaba lonxe naquel arrabalde. De xeito que vén complementar moi ben Os bicos de Tina onde Afonso Eiré dá conta da infancia no medio rural dos nso sesenta, e as Cidades en luz (Inma López Silva) onde podiamos atopar a nenez coruñesa aínda que noutra época ben distinta.

                     Unha novela, esta de Moncho Rouco, para ler e disfrutar en familia, que nos traslada á unha época onde as pantallas da Sombra cazadora de Suso de Toro aínda non o colonizaran todo. Comezaba a ser un luxo a televisión, naqueles anos se sensenta, pero aínda non conseguía embobar o lecer dos nenos, que preferían xogar libres, no patio do cuartel, o contacto humano directo antes que a través dunha pantalla, ademais naqueles anos só unha pequena franxa horaria ía dirixida aos máis novos, non coma hoxe, que ven case calquera cousa, sexa pensada para eles ou non. Máis ben cumpriría denunciar a carencia de espazos destinados á nenez na grella  da programación da televisión de hoxe. Unha oportunidade para gozar en familia, os máis novos descubrindo unha moi rica maneira de pasar o lecer sen estar suxeitos a unha pantalla, e os adultos coa nostaxia daqueles tempos onde non había tempo que perder para comezar co próximo xogo.

Iso si, está de máis, o hiperrrealismo no uso onomástico, por moi “fillo do corpo” que fose Monchiño…

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.