ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de NA CASA DA AVOA (Marta Dacosta, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 18 Outubro 2017 @ 5:56 p.m.

CONDICIÓN DE MULLER

Tïtulo: Na casa da a avoa

Autora: Marta Dacosta

Editorial: Galaxia

Nun mundo dominado polo sexo masculino, Marta Dacosta no seu último poemario reivindica a voz das mulleres, a súa condiciòn de muller nun mundo onde outra vez o colonialismo soñando seu imperio (31) é herdeira da avoa que  ainda que case analfabeta / foi quen de definir / a liberdade (9). Un mundo de mulleres oprimidas, ela reivindícase herdeira de todas as mulleres oprimidas sen decatrse de que tamén a súa era unha guerra / contra a miseria / un asedio / a forza de ilusión (31). En días en que esta reivindicación da condición de muller non é ningunha novidade, o poemario de Marta Dacosta ten o poder e o valor da reafirmación, pois a necesidade da visibilización da muller, e toda a problemática que leva consigo, persiste. Por iso é de agradecer unha voz liberada que exhibe o seu corpo a súa evidente asimetría / a súa obesidade (47) tal cal é reclamando que non se toque esa imaxe, mentres denuncia, poucos poemas máis adiante a exhibición da muller para insultarte / para sentirse superiores / dominarte  / posuírte / extinguirte  (57) por pate dun sexo masculino branco /europeo / superior / imperialista (57). Porque a visibiliazación da muller non é o único problema, o mellor dito, leva asociada outra probemática da cal é inseparábel: a económica. A muller ou é silenciada coma se non existise ou ben se comercia co seu corpo coma se fose un obxecto máis co cal enredar o sexo masculino.

                     Os seus versos dialogan con frecuencia co mundo icónico de autores decoñecidos ou coñecidos, como caso de Maurice MacGonigal, Ruth Matilda Anderson, María Calderelly, Millais, Henrietta Rae ou Luís Seoane, autoras e autores que reflectiron o mundo das mulleres e/ou foron rupturistas con respecto á arte da súa época. Todo o que ve ou le Marta Dacosta lle lembra a súa condición de muller, a súa condición de muller nunha sociedade dominada polo sexo masculino e unha ideoloxía política conservadora que se retroalimentan mutuamente. Velaí a denuncia de Marta Dacosta, porque a  denuncia neste xa século XXI aínda se fai necesaria. Son moitos os avances que se produciron, no século pasado e no que levamos deste, en canto á loita feminista,  a loita da muller polos seus dereitos, mais non os suficientes como para abandonar a reivindicación. Moi pola contra, a loita da muller debe ser e é unha loita día a día, en todo instante, porque tamén estamos a ver como a sociedade retrocede e conquistas que xa se tiñan por definitivas fican feitas borralla, velaí os dereitos dos traballadores, por exemplo.

                     A avoa representa a loita xorda contra a invisibilidade, a foza de traballo e de tesón, perpetuada pola educación, unhas cousas para nenos e outras para nenas, unha educación para nenas e outra para nenos para formar amas de casa doutoras en bordado / mulleres que o mesmo decoran un prato / que constrúen monecos de chapa fina (21), cada quen ocupa  o lugar que lle corresponde / os invisíbeis valados non son para saltar / erguidos como foron  / por anos de educación, sometemento (35). A voz poética recoñécese na figura da avoa, de todas as avoas, letradas e iletradas, escoita  a través dela a todas avoas / é a voz das mulleres que son a túa estirpe / as que te foron parindo xeración tras xeración (43). Xa sexan Rosalía de Castro ou a vella co pano na cabeza, a loita da muller non entende nin de condición social, nin de idade nin de fronteiras (Thamizhachi, poeta tamil). Porque en cada lugar da Terra hai unha muller que necesita ser liberada para poder dicir que vive en por si e non a vida que outros queren que viva, arder ou / vibrar / vivir (72).

                     Despois de tantos anos de loita feminina, esta ten certo parecido co míto de Penépole, tecer e destecer. E non o dicimos por todos os dereitos que a sociedade vai perdendo. Certamente, despois de tantos anos a muller vive máis dignamente, aquela que loita pola dignidade de ser muller, mais por cada unha que loita hai dez que aínda seguen vivindo no silencio, que aceptan sen discusión o rol que lles foi transmitido, por canto podemos dicir que destecen. Tecer e destecer, ese é o medo. De aí o valor e o poder da palabra libre, do verso ceibe de Marta Dacosta, da súa reivindicación. Porque sempre nos será necesario o exemplo, e o exemplo sempre será máis valioso se é de alguén próximo, os mitos está moi ben, mais o exemplo de quen camiña contigo cóbado con cóbado é imprecindíbel, impagábel.

                     ASDO: Xosé M. Eyré.

                    

 

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.